Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xoán 18 - Biblia SEPT


Xesús entrégase: 18, 1-12

1 En dicindo isto, saíu cos seus discípulos para a outra banda do regueiro Cedrón, onde había unha horta, na que entrou el e mais os seus discípulos.

2 Tamén Xudas, o que o había entregar, coñecía aquela horta, pois en moitas ocasións estivera alí Xesús cos seus discípulos.

3 Xudas levaba a patrulla e a garda dos sumos pontífices e dos fariseos, chegou alí con farois, fachos e armas.

4 Entón Xesús, sabendo todo o que lle viña enriba, adiantouse e preguntoulles: A quen buscades?

5 Respondéronlle: A Xesús de Nazaret. Díxolles El: Eu son. Estaba tamén con eles Xudas, o que o entregaba.

6 Cando lles dixo Eu son, botáronse para atrás e caeron ó chan.

7 Entón, preguntoulles outra vez: A quen buscades? Eles contestaron: A Xesús de Nazaret.

8 Xesús respondeulles: Díxenvos que "son eu": así que, se me buscades a min, deixade marchar a estes.

9 Así cumpriuse a palabra que dixera: "non perdín ningún dos que me deches".

10 Entón Simón Pedro, que tiña unha espada, desenvaiñouna e feriu ó garda do Sumo Sacerdote, rabenándolle a orella dereita. O nome do garda era Malco.

11 Pero Xesús díxolle a Pedro: Mete a espada na vaíña; e, logo, non hei beber o cáliz que me deu o Pai?

12 Entón a patrulla, o tribuno e mais os gardas dos xudeus, agarraron a Xesús e prendérono.


Interrogatorio de Xesús: 18, 13-27

13 Levárono primeiro onda Anás, que era sogro de Caifás, o Sumo Sacerdote daquel ano.

14 (Era Caifás aquel que lles dera ós xudeus o consello: "Convén que un home morra polo pobo").

15 Seguían a Xesús Simón Pedro e mais outro discípulo. Este discípulo, por ser coñecido do Sumo Sacerdote, entrou con Xesús no adro do palacio do Sumo Sacerdote.

16 Pedro estaba fóra, na porta. Entón saíu o outro discípulo o coñecido do Sumo Sacerdote, falou coa porteira, e fixo entrar a Pedro.

17 A porteira preguntoulle a Pedro: Non es tamén ti dos discípulos dese home? El contestou: Non son.

18 Estaban os criados e os gardas facendo unha fogueira, porque facía frío, e aquecíanse. Estaba tamén Pedro con eles, de pé, aquecéndose.

19 Entón o Sumo Sacerdote interrogou a Xesús acerca dos seus discípulos e da súa doutrina.

20 Xesús respondeulle: Eu falei á vista do mundo, publicamente; eu sempre ensinei na sinagoga e no templo, onde se xuntan todos os xudeus, e non falei nada ás agachadas.

21 Por que me preguntas a min? Pregúntalles ós que me oíron de que lles falei: eles saben ben o que dixen.

22 O dicir isto, un dos gardas alí presentes, deulle unha labazada a Xesús, dicindo: Así lle respondes ó Sumo Sacerdote?

23 Xesús replicoulle: Se falei mal, demóstrame en que; e se falei ben, por que me pegas?

24 Entón Anás mandouno amarrado onda Caifás, o Sumo Sacerdote.

25 Estaba Simón Pedro de pé, quentándose, e preguntáronlle: Non es tamén ti dos seus discípulos? El negouno, dicindo: Non son.

26 Un dos criados do Sumo Sacerdote, parente daquel a quen Pedro lle cortara a orella, replicoulle: E logo non te vin eu na horta con el?

27 Pedro negou outra vez; e naquel intre empezou a cantar un galo.


Xesús perante Pilato: 18, 28-40

28 Levaron entón a Xesús de onda Caifás ó Pretorio. Era a amañecida. Eles non entraron no Pretorio para non se contaminaren e así poderen comer a Pascua.

29 Saíu entón fóra Pilato, onda eles, e preguntou: Que acusación traedes contra este home?

30 Eles responderon: Se este non fose un malfeitor, non cho entregabamos.

31 Díxolles entón Pilatos: Collédeo vós e xulgádeo segundo a vosa Lei. Os xudeus contestáronlle: Non nos é lícito matar a ninguén.

32 Así se cumpriu a palabra de Xesús, sinalando con que morte había morrer.

33 Entón entrou Pilato outra vez no Pretorio, chamou por Xesús e preguntoulle: Es ti o Rei dos Xudeus?

34 Xesús respondeu: Dilo ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?

35 Pilato replicou: E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: que fixeches?

36 Xesús contestoulle: O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase ós xudeus; pero o meu reino non é de aquí.

37 Díxolle entón Pilato: Logo ti es Rei? Xesús respondeu: Tal como o estás dicindo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ó mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.

38 Pilato preguntoulle: Que é a verdade? E, dito isto, saíu onda os xudeus e díxolles: Eu non atopo nel culpa ningunha.

39 Hai entre vós o costume de que eu vos solte alguén pola Pascua. Queredes, logo, que vos solte ó Rei dos Xudeus?

40 Berraron entón outra vez, dicindo: Non. A ese non; a Barrabás. (O tal Barrabás era un bandido).

Lean sinn:



Sanasan