Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xoán 17 - Biblia SEPT


Oración sacerdotal de Xesús: 17, 1-26

1 Isto dixo Xesús. Logo, erguendo os ollos ó ceo, dixo: Pai, chegou a hora: glorifica ó teu Fillo, de xeito que o fillo te glorifique a ti;

2 conforme lle deches poder sobre todo home, para que dea vida eterna a todos os que ti lle deches.

3 (E nisto consiste a vida eterna: que te coñezan a ti, o único Deus verdadeiro, e a quen mandaches, Xesús Cristo).

4 Eu glorifiqueite na terra, rematando a obra que me deches a facer.

5 E agora, Pai, glorifícame onda ti, coa gloria que eu tiña onda ti, antes de que o mundo existira.

6 Eu manifesteite ós homes que me escolliches do mundo. Eran teus, e déchesmos, e gardaron a túa palabra.

7 Agora coñecen que todo canto me deches vén de ti,

8 pois entregueilles as palabras que ti me encomendaches e eles recibíronas; coñeceron verdadeiramente que saín de onda ti, e creron que ti me mandaches.

9 Eu rógoche por eles; non che rogo polo mundo, senón polos que me deches, pois perténcenche;

10 todo o meu é teu; e o teu, meu; e neles quedo eu glorificado.

11 Eu xa non vou estar no mundo; pero eles quedan no mundo, mentres que eu vou onda ti. Pai santo, coida ti mesmo dos que me entregaches, para que sexan un coma nós.

12 Cando eu estaba con eles, coidábaos no teu lugar. Ti entregáchesmos; eu agarimeinos, e ningún deles se perdeu, fóra do fillo da perdición, de xeito que se cumprise a Escritura.

13 Mais agora estou indo a ti, e falo estas cousas no mundo, para que teñan eles a plenitude do meu gozo.

14 Eu deilles a túa palabra, e o mundo aborreceunos, pois eles non son do mundo, como tampouco eu non son de mundo.

15 Non che pido que os tires do mundo, senón que os gardes do malo.

16 Eles non son do mundo, como eu tampouco non son do mundo.

17 Conságraos na verdade: a túa palabra é verdade.

18 Coma ti me mandaches ó mundo, así os mando eu a eles;

19 e por eles conságrome eu, para que tamén eles sexan consagrados na verdade.

20 E non che rogo só por estes, senón tamén polos que han de crer en min pola palabra deles;

21 que todos sexan un, coma ti, Pai, en min, e eu en ti; que tamén eles sexan un en nós, para que o mundo crea que ti me mandaches.

22 E a gloria que ti me deches, déillela a eles, para que sexan un coma nós somos un.

23 Eu neles e ti en min, para que cheguen á perfecta unidade, de xeito que o mundo recoñeza que ti me mandaches e que os amaches a eles, como me amaches a min.

24 Pai, os que me deches, quero que, onde estou eu, estean tamén eles comigo, para que contemplen a miña gloria, a que ti me concediches, porque me amabas xa antes da fundación do mundo.

25 Pai xusto, o mundo non te coñeceu, pero eu coñecinte, e estes coñeceron que ti me mandaches.

26 Eu manifesteilles lo teu nome e llelo seguirei manifestando, para que o amor co que me amaches estea neles, e tamén eu estea neles.

Lean sinn:



Sanasan