Xoán 14 - Biblia SEPTXesús camiño cara ó Pai: 14, 1-14 1 Non vos agoniedes: crede en Deus e mais crede en min. 2 Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? 3 E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. 4 E a onde eu vou, vós ben sabedes o camiño. 5 Dille Tomé: Señor, se non sabemos onde vas, como imos saber o camiño? 6 Xesús respondeulle: Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min. 7 Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que xa desde agora o coñecedes e o tedes visto. 8 Filipe díxolle: Señor, móstranos o Pai e abóndanos. 9 Xesús replicoulle: Pero, Filipe, levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces? Quen me viu a min, viu o Pai. Como dis entón "móstranos o Pai"? 10 Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, quen fai as súas obras. 11 Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras. 12 Con toda verdade volo aseguro: quen cre en min, fará el tamén as obras que eu fago, e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai; 13 e o que pidades no meu nome, heino facer, para que o Pai sexa glorificado no Fillo. 14 Se algo me pedides no meu nome, eu fareino. A promesa do Espírito: 14, 15-31 15 Se me amades, gardaredes os meus mandamentos, 16 e eu rogareille ó Pai, e daravos outro Paráclito para que decote estea convosco: 17 o Espírito da Verdade. O mundo non o pode acoller, pois non o ve nin o coñece; mais vós coñecédelo, pois permanece onda vós e está en vós. 18 Non vos deixarei orfos; logo volvo onda vós. 19 Un pouquiño máis e o mundo xa non me verá; pero vós habédesme ver, que eu vivo e tamén vós habedes vivir. 20 Naquel día coñeceredes que eu estou en meu Pai, e vós en min, e eu en vós. 21 Quen ten os meus mandamentos e os garda, ese ámame; o que me ama será amado por meu Pai, e eu amareino e manifestareime a el. 22 Xudas, o outro, non o Iscariote, preguntoulle: Que pasou, para que ti vaias manifestarte a nós e non ó mundo? 23 Xesús respondeulle: Se alguén me ama, gardará a miña palabra, e meu Pai amarao, e viremos onda el, e faremos vida con el. 24 O que non me ama, non garda as miñas palabras; e a palabra que escoitades de min, non é miña, é do Pai que me mandou. 25 Díxenvos estas cousas mentres estaba convosco; 26 pero o Paráclito, o Espírito Santo que meu Pai mandará no meu nome, ese havos ensinar todo e traeravos á memoria canto eu vos dixen. 27 Déixovos a paz, douvos a miña paz: eu non vola dou coma o mundo a dá. Non vos angustiedes, nin teñades medo. 28 Oístes que vos dixen "voume e logo volvo onda vós". Se me amasedes, alegrariádesvos de que eu vaia onda o Pai, xa que o Pai é máis ca min. 29 Díxenvolo agora, antes de que suceda, para que, cando suceda, creades. 30 Xa non falarei moito convosco, pois está a vir o príncipe deste mundo. Sobre min non ten nada; 31 mais é para que saiba o mundo que eu amo ó Pai, e que, coma o Pai me mandou, así fago. Erguede, vámonos de aquí. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)