Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xoán 13 - Biblia SEPT


A DERRADEIRA CEA: 13, 1-17, 26 O lavado dos pés: 13, 1-20

1 Antes da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai; e xa que amara ós seus que estaban no mundo, amounos ata a fin.

2 E mentres ceaban xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregase,

3 sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans, e que saíra de Deus e ía onda Deus,

4 ergueuse da mesa e deixou a túnica; e collendo unha toalla, cinguiuse con ela.

5 Despois, botou auga nunha almofía e comezou a lavarlles os pés ós discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida.

6 Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle: Señor, vasme lavar os pés ti a min?

7 Xesús respondeulle: O que eu fago, ti non o entendes agora; halo comprender despois.

8 Pedro replicoulle: Ti non me lavarás os pés a min endexamais. Xesús respondeulle: Se non te lavo, non terás parte comigo.

9 Exclamou Simón Pedro: Señor, daquela os pés, as mans e mais a cabeza.

10 Dille Xesús: Quen se bañou, non precisa máis que lavar os pes, pois está todo limpo; e vós estades limpos, aínda que non todos.

11 Sabía quen o había de entregar: por iso dixo "non todos estades limpos".

12 Despois que Xesús lles lavou os pés e vestiu a súa túnica, sentou outra vez e preguntoulles: Comprendedes o que fixen convosco?

13 Vós chamádesme "Mestre" e "Señor" e dicides ben porque o son.

14 Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros.

15 Deivos así un exemplo, para que, coma eu fixen convosco, así fagades tamén vós.

16 Con toda verdade volo aseguro: o servo non é meirande có seu Señor, nin o mensaxeiro é meirande ca quen o mandou.

17 Se sabedes estas cousas, seredes felices, con tal de que as cumprades.

18 Non o digo por todos vós: eu sei ben a quen escollín; pero para que se cumpra a Escritura: O que come comigo o pan, levantou contra min o seu pé.

19 Dígovolo desde agora, antes de que suceda, para que cando suceda, creades que eu son.

20 Con toda verdade volo aseguro: quen acolla a aquel que eu mande, acólleme a min; e quen me acolle a min, acolle a quen me mandou.


Xesús anuncia a traizón: 13, 21-30

21 Dito isto, Xesús turbouse no seu interior e declarou abertamente: Con toda verdade volo digo: un de vós hame de entregar.

22 Os discípulos miraban uns para outros, sen saberen de quen falaba.

23 Estaba recostado no peito de Xesús un dos seus discípulos, aquel a quen Xesús amaba.

24 Entón Simón Pedro fíxolle un aceno, para que lle preguntase a quen aludía.

25 Daquela el, así apoiado no peito de Xesús, preguntoulle: Señor, quen é?

26 Xesús respondeulle: É aquel a quen eu lle vou dar o pan mollado. E mollando o pan, deullo a Xudas, o de Simón Iscariote.

27 E naquel instante, xunto co pan, entrou nel Satán. Entón díxolle Xesús: O que vas facer, faino axiña.

28 Ningún dos que estaban sentados á mesa comprendeu por que lle dixera isto.

29 Algúns coidaban que, ó ter Xudas a bolsa do diñeiro, dicíalle Xesús: "merca o que precisamos para a festa", ou que lles dese algo ós pobres.

30 El, collendo o pan, saíu axiña. Era de noite.


O mandamento novo: 13, 31-35

31 Cando saíu, dixo Xesús: Agora queda glorificado o Fillo do Home e Deus queda glorificado nel.

32 Se Deus queda glorificado nel, tamén Deus o glorificará a el e hao glorificar axiña.

33 Meus fillos: só un pouquiño estarei convosco. Habédesme buscar, pero, como lles dixen ós xudeus, dígovolo a vós agora: "onde vou eu, vós non podedes vir".

34 Douvos un mandamento novo: amádevos uns a outros; como eu vos amei, amádevos tamén entre vós.

35 Nisto coñecerán todos que sodes os meus discípulos: se vos tedes amor uns a outros.


Predición da negación de Pedro: 13, 36-38

36 Simón Pedro preguntoulle: Señor, onde vas? Xesús respondeulle: Onde eu vou non podes ti seguirme agora, seguirasme despois.

37 Pedro replicoulle: Por que non podo seguirte agora? Estou disposto a dar a miña vida por ti.

38 Xesús respondeulle: Que ti darás a túa vida por min? Con toda verdade cho aseguro: non cantará o galo, antes de que me negues tres veces.

Lean sinn:



Sanasan