Xoán 12 - Biblia SEPTMaría unxe a Xesús en Betania: 12, 1-11 1 Seis días antes da Pascua, foi Xesús a Betania, onde estaba Lázaro, a quen resucitara de entre os mortos. 2 Fixéronlle alí unha cea. Marta servía, mentres que Lázaro era un dos comensais. 3 Entón María, collendo unha libra de perfume de nardo puro, de moito prezo, unxiu os pés de Xesús e enxugoullos cos seus cabelos. A casa quedou chea do recendo do perfume. 4 Pero Xudas, o Iscariote, un dos seus discípulos, o que o había de entregar, dixo: 5 Por que non se vendeu ese perfume por trescentos denarios, e non se lles deron ós pobres? 6 Dixo isto non porque tivese interese polos pobres, senón porque era ladrón e, tendo el a bolsa, botaba man do que se metía nela. 7 Pero Xesús replicou: Déixaa estar: que garde isto para o día do meu enterro; 8 pois ós pobres sempre os tedes entre vós, mentres que a min non sempre me ides ter. 9 Unha chea de xente de entre os xudeus soubo entón que el estaba alí e viñeron non só por Xesús, senón tamén para veren a Lázaro, a quen resucitara de entre os mortos. 10 Pero os sumos sacerdotes decidiron matar tamén a Lázaro, 11 pois moitos, por causa del, fuxían dos xudeus e crían en Xesús. Entrada triunfal en Xerusalén: 12, 12-19 12 O outro día, a xente que viñera á festa, oíndo que Xesús viña a Xerusalén, 13 Apañou ramas das palmeiras e saíulle ó encontro exclamando: Hosanna!: Bendito o que vén no nome do Señor, o Rei de Israel!. 14 Xesús atopou un burriño, e montou nel, conforme está escrito: 15 Non temas, filla de Sión, mira que vén o teu rei, montado nun burriño. 16 O comezo os seus discípulos non comprenderon estas cousas; pero cando Xesús foi glorificado, entón lembráronse de que estaban escritas del e que así llas fixeron. 17 As persoas que estaban con el cando mandara a Lázaro saír da sepultura e o resucitara de entre os mortos, daban público testemuño. 18 Tamén lle saíu ó encontro a xente, pois oíran que el fixera este sinal. 19 Pero os fariseos dixeron entre eles: "Vedes que non conseguides nada; mirade para aí: todo o mundo foi detrás del". Sinais da proximidade da hora: 12, 20-36 20 Algúns dos que subían a adorar no día da Festa eran gregos. 21 Achegáronse a Filipe, o de Betsaida de Galilea, e pedíronlle: Señor, queremos ver a Xesús. 22 Foi Filipe e díxollo a Andrés; Andrés e mais Filipe foron dicirllo a Xesús. 23 Xesús respondeulles: Chegou a hora de que sexa glorificado o Fillo do Home. 24 Évos ben certo: se o gran de trigo cae na terra pero non morre, quedará el só; pero se morre, dará froito abondoso. 25 Quen ama a súa vida, pérdea; mais quen aborrece a súa vida neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. 26 Se alguén quere servirme, que me siga; e alí onde estou eu, estará tamén o meu servidor. Se alguén me serve, hao honrar o Pai. 27 Agora o meu espírito está turbado. E que hei de dicir: Pai, sálvame desta hora? Pero se para iso cheguei a esta hora! 28 Pai, glorifica o teu Nome. Chegou entón unha voz do ceo: Xa o glorifiquei, e glorificareino aínda de novo. 29 O oílo o xentío alí presente, dicía que fora un trono; outros dicían: "faloulle un anxo". 30 Xesús interveu dicindo: Esta voz non foi por min, senón por vós. 31 Agora é o xuízo deste mundo; agora ó príncipe deste mundo vano botar fóra. 32 E eu, cando me ergan da terra, atraerei a todos cara a min. 33 Dicía isto, indicando de que morte había de morrer. 34 Respondeulle entón a xente: Nós coñecemos pola Lei que o Mesías permanece para sempre; como dis ti que ten que ser erguido o Fillo do Home? Quen é ese Fillo do Home? 35 Xesús contestoulles: Aínda por un pouco estará a luz entre vós. Camiñade mentres tedes a luz, para que a tebra non vos atrape: quen camiña na tebra, non sabe para onde vai. 36 Mentres tedes a luz, crede na luz, para que vos volvades fillos da luz. Xesús en falando estas cousas, fuxiu e agachouse deles. Conclusión do ministerio público de Xesús: 12, 37-50 37 Pero, mesmo facendo Xesús tantos dos seus signos diante deles, non creron nel, 38 de xeito que se cumprise a palabra que dixo o profeta Isaías: Señor, quen creu na nosa predicación? E a quen se manifestou o brazo do Señor? 39 Por iso non podían crer, pois tamén dixo Isaías: 40 Cegou os seus ollos e endureceu os seus corazóns, non sexa que os seus ollos vexan e a súa mente entenda e se convertan e eu os salve. 41 Dixo isto Isaías, pois viu a súa gloria e falou del. 42 Con todo, moitos, tamén de entre as autoridades, creran nel, mais por causa dos fariseos non o confesaban, para que non os apartasen da sinagoga, 43 pois preferiron a gloria dos homes antes cá gloria de Deus. 44 Xesús gritou: Quen cre en min, realmente non cre en min, senón naquel que me mandou; 45 e quen me ve a min, ve a quen me mandou. 46 Eu son a luz que veu ó mundo, para que todo o que cre en min non permaneza nas tebras. 47 Se alguén escoita as miñas palabras e non as garda, eu non o xulgo, pois non vin para xulgar o mundo, senón para o salvar. 48 Quen me despreza e non recibe as miñas palabras, ten quen o xulgue: a palabra que eu falei hao xulgar no derradeiro día. 49 Porque eu non falei pola miña conta, senón que o mesmo Pai, que me mandou, deume a encomenda do que debo dicir e do que hei de falar. 50 E eu sei que a súa encomenda é vida eterna. Por iso, as cousas que eu falo, fáloas como mas dixo o Pai. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)