Xoán 11 - Biblia SEPTA morte de Lázaro: 11, 1-16 1 Había un enfermo, Lázaro de Betania, da aldea de María e da súa irmá Marta. 2 María fora a que unxira ó Señor con perfume e lle enxugara os pés cos seus cabelos; o seu irmán Lázaro era o enfermo. 3 Por iso, as irmás mandaron a dicirlle a Xesús: Señor, mira, o que amas está enfermo. 4 O oílo, dixo Xesús: Esta enfermidade non é para a morte, senón para a gloria de Deus, a fin de que por ela se glorifique o Fillo de Deus. 5 Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela, e mais a Lázaro. 6 Aínda que oíu que este estaba enfermo, deixouse estar aínda por dous días no sitio onde se atopaba. 7 Despois disto, díxolles ós discípulos: Vaiamos outra vez á Xudea! 8 Os discípulos respondéronlle: Mestre, aínda non hai nada que te querían apedrar os xudeus, e vas ir outra vez alí? 9 Xesús replicou: Non hai doce horas de día? Se alguén camiña de día, non tropeza, pois ve a luz deste mundo; 10 mais se alguén camiña de noite, tropeza, pois non hai luz nel. 11 En dicindo isto, proseguiu: Lázaro, o noso amigo, dorme; pero eu vouno espertar. 12 Dixéronlle entón os discípulos: Señor, se dorme, curará. 13 Xesús dicíao da morte. Pero eles coidaban que falaba do repouso do sono. 14 Entón Xesús díxolles abertamente: Lázaro morreu, 15 e alégrome por vós de non estarmos alí, para que creades. Así que vamos onda el! 16 Díxolles entón Tomé o chamado Xemelgo ós outros discípulos: Vaiamos tamén nós morrer con el! Xesús é a Resurrección e a Vida: 11, 17-27 17 Cando chegou Xesús, atopouse con que Lázaro xa levaba catro días no sepulcro. 18 Betania estaba preto de Xerusalén, a uns tres quilómetros: 19 moitos dos xudeus foran onda Marta e María para lles daren o pésame polo irmán. 20 Cando oíu Marta que Xesús estaba chegando, saíulle ó encontro. María, en cambio, quedou na casa. 21 Díxolle entón Marta a Xesús: Señor, se ti estiveses aquí, meu irmán non morrería; 22 pero eu sei que, aínda agora, Deus che concederá calquera cousa que lle pidas. 23 Xesús díxolle: Teu irmán resucitará. 24 Marta respondeulle: Ben sei que resucitará na resurrección, no día derradeiro. 25 Díxolle Xesús: Eu son a resurrección e a vida. Quen cre en min, aínda que morra, vivirá; 26 e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. Cres ti isto? 27 Ela respondeu: Si, Señor: eu creo que ti es o Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ó mundo. Conmoción e pranto de Xesús: 11, 28-37 28 E, ditas estas cousas, saíu e chamou por María, súa irmá, dicíndolle polo baixo: O Mestre está aquí e chama por ti. 29 Ela, ó oílo, ergueuse de contado e foi onda el. 30 (Aínda non chegara Xesús á aldea, senón que estaba no mesmo sitio onde o atopara Marta). 31 Entón os xudeus que estaban con ela na casa para lle daren o pésame, vendo a María que se ergueu de contado e saíu, foron detrás dela, coidando que ía á sepultura para chorar alí. 32 María chegou onde estaba Xesús e, ó velo, caeu ós seus pés, dicíndolle: Señor, se ti estiveses aquí, non morrería meu irmán. 33 O ver Xesús que ela estaba chorando, e tamén os xudeus que viñeran con ela, apertóuselle o corazón e, profundamente conmovido, 34 preguntou: Onde o puxestes? Contestáronlle: Señor, ven ver. 35 E Xesús botouse a chorar. 36 Entón comentaban os xudeus: "Ai que ver como o quería!" 37 Pero algúns deles dixeron: "E logo este, que deu vista ós ollos dun cego, non podía facer que non morrese?" Xesús devólvelle a vida a Lázaro: 11, 38-44 38 Xesús estremecéndose de novo, chegou á sepultura. Era unha cova, e tiña unha pedra por riba. 39 Xesús ordenou: Arredade a pedra. Marta, a irmá do finado, díxolle: Señor, xa cheira, que leva catro días. 40 Xesús contestoulle: Non che dixen que se cres, verás a gloria de Deus? 41 Arredaron entón a pedra. Xesús ergueu os ollos e dixo: Meu Pai, douche grazas porque me escoitaches. 42 Eu ben sabía que ti sempre me escoitas, pero díxeno pola xente que está aquí, para que crean que ti me mandaches. 43 E dito isto, gritou con voz forte: Lázaro, ven para fóra! 44 Saíu o morto; tiña os pés e as mans atados con vendas e a cara envolta nun sudario. Xesús ordenoulles: Desenleádeo e deixádeo ir. O Sanedrín decide quitarlle a vida a Xesús: 11, 45-53 45 Entón, moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixo, creron nel. 46 Pero algúns deles foron onda os fariseos, e contáronlles o que fixera Xesús. 47 Entón os sumos sacerdotes e os fariseos reuniron o Sanedrín e dicían: Que imos facer? Porque este home fai moitos signos. 48 Se o deixamos así, todos crerán nel e virán os romanos e quitarannos o noso lugar santo e mais a nosa nación. 49 Pero un deles, Caifás, que era o Sumo Sacerdote aquel ano, díxolles: Non entendedes nada. 50 Non coidades que vos convén que morra un home polo pobo e non que pereza a nación enteira? 51 Iso non o dixo pola súa conta, senón que, sendo Sumo Sacerdote aquel ano, profetizou que Xesús había de morrer pola nación; 52 e non só pola nación, senón tamén para reunir os fillos de Deus que estaban dispersos. 53 Por iso, desde aquel día, decidiron matalo. Xesús retírase á espera da "hora": 11, 54-57 54 En consecuencia, Xesús xa non andaba á vista entre os xudeus. Marchou para a rexión estremeira co deserto, a unha vila chamada Efraím, e alí permanecía cos seus discípulos. 55 Estaba próxima a Pascua dos xudeus e subiron moitos daquela rexión a Xerusalén antes da Pascua, para se purificaren. 56 Andaban entón buscando a Xesús, e cando estaban no templo, preguntábanse entre eles: "Que vos parece? Non virá á festa?". 57 Pero os sumos sacerdotes e os fariseos tiñan dada orde de que, se alguén sabía onde estaba, que o comunicase para lle botaren man. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)