Xoán 1 - Biblia SEPTPRÓLOGO: Xn 1, 1-18 1 No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus, e a Palabra era Deus. 2 Ela estaba no principio onda Deus. 3 Todo foi feito por ela, e sen ela non se fixo nada do que foi feito. 4 Nela estaba a vida, e a vida era a luz dos homes; 5 A luz aluma na tebra, e a tebra non a deu apagado. 6 Houbo un home mandado por Deus: o seu nome era Xoán. 7 Este veu de testemuña para dar testemuño da luz, para que todos cresen por el. 8 Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz. 9 (A Palabra) era a verdadeira luz que aluma a todo home que vén a este mundo. 10 Ela estaba no mundo, e o mundo foi feito por ela, pero o mundo non a recoñeceu. 11 Veu á súa propiedade, e os seus non a acolleron. 12 Pero a cantos a recibiron, —ós que cren no seu nome— déulle-lo poder de seren fillos de Deus. 13 Estes, non naceron do sangue, nin da vontade da carne, senón de Deus. 14 E a Palabra fíxose carne, e plantou entre nós a súa tenda, e nós vimos a súa gloria, gloria coma de Unixénito que vén do Pai, cheo de graza e de verdade. 15 Xoán dá testemuño del, exclamando: Este évos de quen eu dixen: "O que vén detrás miña, pasa diante miña, pois existía primeiro ca min". 16 E da súa abundancia recibimos todos nós graza e máis graza. 17 Pois a Lei deuse por medio de Moisés; a graza e a verdade realizáronse por Xesús Cristo. 18 A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou. O LIBRO DOS SIGNOS: 1, 19-12, 50 Dobre testemuño do Bautista: 1, 19-28. 29-34 19 E este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén sacerdotes e levitas onda el, para lle preguntar: Ti quen es? 20 El declarou e non negou. Declarou: Eu non son o Cristo. 21 Preguntáronlle: Entón quen es ti? Es Elías? Contestou: Non son. E-lo profeta? Respondeu: Non. 22 Daquela dixéronlle: E, logo, quen es? Para que lles poidamos dar unha resposta ós que nos mandaron. Que dis de ti mesmo? 23 El dicía: Eu son a voz do que clama no deserto, "endereitade o camiño do Señor" (como escribira o profeta Isaías). 24 Algúns dos mandados eran fariseos 25 e preguntáronlle: Entón por que bautizas, se non es ti o Cristo nin Elías nin o profeta? 26 Xoán respondeulles: Eu bautizo con auga; mais entre vós está quen vós non coñecedes; 27 o que vén detrás miña e eu non son merecente de lle desatar o amalló da sandalia. 28 Todo isto pasou en Betania, pola outra banda do Xordán, onde estaba Xoán bautizando. 29 O outro día, vendo a Xesús, que viña cara a el, dixo: Velaí o Año de Deus, o que arrinca o pecado do mundo! 30 Este é de quen eu dixen: "Detrás miña vén un home que pasa diante miña, pois existía primeiro ca min". 31 Eu non o coñecía, mais para iso vin eu bautizar con auga: para mostralo a Israel. 32 E Xoán seguiu testemuñando: Eu vin o Espírito baixar do ceo coma unha pomba e pousar enriba del. 33 Eu non o coñecía, pero o que me mandou bautizar con auga, díxome: "Cando vexas o Espírito baixar e pousar sobre un, ese é o que bautiza co Espírito Santo". 34 E eu vino e dou testemuño de que este é o Fillo de Deus. Os primeiros discípulos de Xesús: Andrés e Pedro: 1, 35-42 35 O outro día estaba outra vez Xoán con dous dos seus discípulos 36 e, vendo a Xesús que camiñaba, dixo: Velaquí o Año de Deus. 37 Cando os dous discípulos oíron o que el falara, fóronse detrás de Xesús. 38 Volveuse Xesús e, vendo que eles o seguían, preguntoulles: Que buscades? Eles respondéronlle: "Rabbí" (que quere dicir "Mestre"), onde paras? 39 El díxolles: Vide e veredes. E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde. 40 Un dos dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era Andrés, o irmán de Simón Pedro. 41 Vai e ó primeiro que atopa é a Simón, o seu propio irmán, e dille: Encontramos o Mesías (que quere dicir Cristo). 42 E levouno onda Xesús. O velo, díxolle Xesús: Ti es Simón, o fillo de Xoán. Ti haste chamar Kefas (que quere dicir Pedro). Filipe e Natanael: 1, 43-51 43 O outro día decidiu Xesús saír para a Galilea; atopou a Filipe e díxolle: Sígueme. 44 Filipe era de Betsaida, da vila de Andrés e mais de Pedro. 45 Atopou Filipe a Natanael e díxolle: Encontramos a aquel de quen escribiu Moisés na Lei e mais os Profetas: a Xesús, o fillo de Xosé, o de Nazaret. 46 Contestoulle Natanael: E de Nazaret pode saír algo bo? Filipe díxolle: Ven e verás. 47 Viu Xesús a Natanael, que se achegaba, e dixo del: Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez. 48 Preguntoulle Natanael: E de que me coñeces? Contestoulle Xesús: Antes de que Filipe chamase por ti, xa eu te vira, cando estabas debaixo da figueira. 49 Respondeulle Natanael: —Rabbí, ti es o Fillo de Deus, ti es o rei de Israel. 50 Díxolle entón Xesús: Porque che dixen que te vin debaixo da figueira, xa cres? Pois cousas máis grandes has ver. 51 E concluíu: Con toda verdade volo aseguro: habedes ve-lo ceo aberto, e os anxos de Deus subindo e baixando onda o Fillo do Home. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)