Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xeremías 8 - Biblia SEPT

1 No tempo aquel —é o Señor quen fala— sacarán das súas sepulturas os ósos dos reis de Xudá e dos seus príncipes, os ósos dos sacerdotes e dos profetas, e mais os ósos dos habitantes de Xerusalén,

2 estenderanos á luz do sol e ó luar da noite, e ó brillo de todas as estrelas do ceo, ás que tanto quixeron, ó servizo das que se puxeron, tralas que camiñaron, as que espreitaron e adoraron. Os ósos non se xuntarán nin serán enterrados, servirán de esterco por riba da terra.

3 A morte será preferible á vida para todo o resto: para os superviventes desta caste perversa, e para os de todos os lugares a onde eu os expulso —é o Señor dos Exércitos quen fala—.


V. SERIE DE PEQUENAS UNIDADES LITERARIAS Refugan converterse

4 Haslles dicir: —Así fala o Señor: Caen e non se erguen? Apostata o pobo e non se converte?

5 Por que apostata este pobo? Por que Xerusalén se pon á fronte da apostasía? Empéñanse en traizoarme, refugan converterse.

6 Prestei atención e escoitei: falan o que non é, non hai quen se arrepinta da súa ruindade, non hai quen diga: "Que fixen!". Ollade: ninguén volve ó seu fervor, como non dá volta o cabalo lanzado á guerra.

7 As cegoñas do ceo coñecen todas o tempo da súa volta, as rulas, as andoriñas e os grous volven no seu tempo; pero o meu pobo non recoñece o mandato do Señor.


Ó rexeitaren a Palabra do Señor, a sabedoría e a Lei vólvense mentira

8 Con que dereito dicides: "Somos sabios, temos connosco a Lei do Señor?". Ollade: vólvese mentira a realidade da Lei, pois os seus peritos pregoan a falsidade.

9 Avergónzanse os sabios, espavorecen e caen prisioneiros. Velaquí , rexeitaron a Palabra do Señor! Que clase de saber é o que teñen?


Oráculo de castigo contra os dirixentes

10 Por isto entregarei as súas mulleres ós estranxeiros, as súas tenzas ós conquistadores; xa que do máis pequeno ata o máis grande consómense cobizando o alleo, desde o profeta ata o sacerdote consómense facendo enganos.

11 Queren curar a ruína do meu pobo dun xeito fácil, dicíndolle: "Paz, felicidade". Pero non hai paz.

12 Que se avergoncen, pois fixeron o abominable; pero nin se avergonzan, nin saben o que é a vergonza. Por isto caerán cos que han caer; cando eu lles pida contas, irán á ruína —é o Señor quen o di—.


Elexía do círculo profético polo castigo contra Xerusalén

13 Teño que facer neles a colleita —é o Señor quen fala—: non hai acios na viña nin figos na figueira; teñen as follas secas; entregareinos e fareinos desaparecer.

14 —Que facemos nós aquí sentados? Xuntémonos, subamos ás cidades amuralladas, fagamos loito alí porque o Señor, noso Deus, nolo manda facer; mándanos beber as bágoas dos nosos ollos, xa que pecamos contra El.

15 Esperamos confiados a paz, e non hai ningún ben; esperemos o tempo da cura, e chega o terror.

16 Desde Dan óese o rincho dos seus cabalos; cos rinchos dos seus corceis estremécese toda a capital; entran e devoran a capital e os seus moradores, a cidade e mais os seus habitantes.

17 —Ollade: eu mando contra vós serpentes velenosas, para as que non hai encantamento posible, senón que vos morderán —é o Señor quen fala—.


Elexía do profeta pola deportación do ano 598/97

18 Do meu fígado sobe a tristeza, sobe do meu corazón o desacougo.

19 Berros de socorro para a filla do meu pobo veñen da capital dos estranxeiros: E logo non está o Señor en Sión? Acaso non está alí o seu Rei? Por que me aldraxaron cos seus ídolos, coas vaidades do culto estranxeiro?

20 Pasou a seitura, acabouse o verán, pero nós non fomos salvados.

21 Ando eu aflito pola angustia da filla do meu pobo, estou triste, o pavor atenázame.

22 Non hai bálsamo en Galaad? Non hai alí curandeiro? Como é que non cerra a ferida da filla do meu pobo?

23 Quen lle dera bágoas ó meu rostro, ós meus ollos unha fonte de bágoas!, para chorar día e noite as profanacións da filla do meu pobo.

Lean sinn:



Sanasan