Xeremías 7 - Biblia SEPTIV. DISCURSO NA PORTA DO TEMPLO O feito de ter o templo non ofrece seguridade ós malvados 1 Ordes que de parte de Deus recibiu Xeremías: 2 Ponte de pé onda a porta do templo, e proclama alí este discurso: Escoitade a palabra do Señor, todo Israel, os que entrades por estas portas para adorar o Señor! 3 Así fala o Señor dos Exércitos, Deus de Israel: —Mellorade o voso comportamento e os vosos feitos, e consentirei en que plantedes a tenda neste sagrado. 4 Non vos fiedes das palabras mentireiras que se repiten: "Velaquí o templo do Señor, o templo do Señor, o templo do Señor". 5 Se mellorades a vosa conduta e os vosos feitos, se facedes xustiza entre un home e o seu próximo, 6 se non explotades o estranxeiro, o orfo e a viúva, se non vertedes sangue inocente neste lugar santo, e se non vos ides tras deuses alleos, para a vosa desgraza, 7 eu morarei convosco neste lugar santo, no país que lles dei a vosos pais desde hai tanto tempo e para sempre. 8 Fiádesvos, en cambio, desas palabras mentireiras sen proveito. 9 E logo non matades, roubades, cometedes adulterios e xurades en falso? Acaso non ofrendades incenso a Baal e ides tras deuses alleos que antes nin coñeciades? 10 E aínda vides presentarvos diante de min neste templo no que se invoca o meu Nome, e dicides: "Estamos salvados", coa intención de seguir facendo todas estas abominacións! 11 Acaso é unha cova de bandidos este templo, onde se invoca en alto o meu Nome ós vosos ollos? Ollade que eu o estou vendo —é o Señor quen fala—. 12 Ide ó meu templo de Xiloh onde nun principio fixen morar o meu Nome e mirade o que lle fixen por causa da ruindade do meu pobo Israel. 13 Pois agora por facerdes vós todas esas maldades —é o Señor quen fala— e por non me escoitardes, a pesar dos meus oportunos e serios consellos, e por non me responderdes, aínda que vos berrei; 14 por todo iso a este santuario, no que se invoca o meu Nome, no que vós poñedes a vosa confianza, e a este templo que vos dei a vós e a vosos pais, eu fareille o mesmo que antes lle fixen ó templo de Xiloh. 15 Rexeitareivos da miña presenza, o mesmo que rexeitei a todos os vosos irmáns, e a toda a descendencia de Efraím. Oráculo para prohibirlle ó profeta a intercesión 16 Ti, non intercedas por este pobo, nin levantes por eles súplica fervente nin oración, pois non me atoparías; eu non estou presente para escoitarte a ti. 17 Acaso non estás vendo o que eles fan nas cidades de Xudá e nas rúas de Xerusalén? 18 Os fillos xuntan os cangos, e os pais préndenlles lume; as mulleres fan a masa, para lle faceren bicas á Raíña dos ceos; ofrecen libacións a deuses alleos para me anoxaren a min. 19 Acaso é a min a quen anoxan? —é o Señor quen fala—. Non é máis ben a si mesmos a quen deshonran, para vergonza das súas caras? 20 Por iso Iavé, o noso Señor Iavé, fala deste xeito: —Ollade que a miña ira e a miña carraxe se van verter neste templo, nos homes e nos gandos, nas árbores do campo e nos froitos da terra, o meu noxo e a miña ira arderán sen apagarse. O culto, sen obediencia, non agrada ó Señor 21 Así fala o Señor dos exércitos, o Deus de Israel: —Engadide holocaustos ós vosos sacrificios: comede a súa carne. 22 Ollade que cando saquei os vosos pais do país de Exipto, non lles falei, nin lles impuxen ningunha obrigación de holocaustos e de sacrificios, 23 senón que foi este o precepto que lles impuxen: "Escoitade a miña voz: Eu serei o voso Deus, e vós seredes o meu pobo; camiñade polo vieiro que vos mando, para que vos vaia ben". 24 Pero non fixeron caso, nin prestaron atención, senón que se comportaron conforme ós seus plans, conforme á dureza do seu ruín corazón: déronme as costas, e non a cara. 25 Desde o día en que saíron de Exipto os vosos pais ata hoxe, estívenvos mandando os meus servos, os profetas: mandéivolos cedo e a tempo, 26 pero non fixeron caso, nin me prestan atención, senón que endureceron a súa testa, volvéndose peores cós seus pais. 27 Xa lles podes repetir todo este discurso, que non te escoitarán; xa lles podes berrar, que non che responderán. 28 Haslles dicir: "Este é o pobo, que non fixo caso da voz do Señor, o seu Deus, nin dá aprendido. Perdeuse a fidelidade, arrincáronllela da boca". 29 Corta os cabelos da túa consagración e bótaos fóra, entoa unha elexía ante os dous traveseiros da túa lareira, porque o Señor refugou e abandonou, enfadado, a xeración esta. 30 Fixeron o mal á miña vista os fillos de Xudá —é o Señor quen fala—. Profanaron con cousas abominables o templo onde se invoca o meu Nome; 31 ergueron os altares de Tófet, no val de Ben Hinnom, para queimar no lume os seus fillos e fillas, algo que nin eu mandei, nin me pasou pola cabeza. 32 Por isto, ollade que están chegando os días —é o Señor quen fala— nos que xa non se nomeará o Tófet, nin o val de Ben Hinnom: chamarase o val da Morte, pois faranse enterramentos en Tófet, por falta de sepultura. 33 Os cadáveres deste pobo serán carnaza, para os paxaros do ceo e para as bestas da terra, sen que ninguén os espante. 34 Nas cidades de Xudá e nas rúas de Xerusalén, farei calar os aturuxos de ledicia e os berros de felicidade, os cantos do mozo e mais os da moza, pois o país volverase un deserto. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)