Xeremías 6 - Biblia SEPTAmeazas divinas, co preanuncio do asedio de Xerusalén 1 Fuxide do medio de Xerusalén, descendentes de Benxamín: tocade o corno da desbandada desde Tecoa, facede sinais desde o alto de Bet—ha—Quérem; ollade que o desastre xa se ve vir desde o norte, unha enorme desgraza. 2 Eu estou a cortar da casa de Sión o bo pasto: 3 van entrar nela pastores cos seus rabaños, plantarán arredor dela as tendas, cada un pastoreará polo seu lado. 4 Declarade a guerra santa contra ela; erguédevos, subamos contra ela ó mediodía: mágoa que se nos vai o día, que se estenden as sombras da tardiña. 5 En pé! Subamos de noite, destruamos os seus palacios. 6 Ollade o que di o Señor dos Exércitos: —Cortádelle as árbores, e construíde con elas un terraplén de asedio contra Xerusalén. Ela é a cidade merecente de castigo; no seu interior toda ela é opresión. 7 Como unha cisterna recolle as súas augas, así ela xunta a súa maldade, óense nela violencias e opresións, na miña presenza sempre se oen xemidos e golpes. 8 Faime caso, Xerusalén, senón eu apartareime de ti, e convertereite nunha desolación, en cidade deshabitada. A ira de Deus, para os ladróns da cepa de Israel 9 Así fala o Señor dos Exércitos: —Que medre forte coma unha cepa o resto de Israel, que a túa man, coma de vendimador, limpe os seus bacelos. 10 —A quen llo direi? A quen porei por testemuña para que me escoiten? Teñen o oído incircunciso, non son capaces de poñer atención. Velaquí a Palabra de Deus: é para eles palabra de censura que non lles agrada. 11 Eu estou cheo da ira do Señor, xa non a podo reter máis. —Bótaa sobre os rapaces na rúa, bótaa dunha vez sobre a xuntanza dos mozos, pois irán cativos o home xunto coa muller, o vello e mais o cangado de anos. 12 Deste xeito as súas casas pasarán a estranxeiros, xunto coas súas tenzas e mulleres, pois eu estenderei a man contra os habitantes do país —é o Señor quen fala—. 13 Xa que desde o máis pequeno ata o máis grande se consomen cobizando o alleo, e desde o profeta ata o sacerdote devecen por facer enganos. 14 Queren curar a ruína do meu pobo, dun xeito fácil, dicíndolle: "Paz, felicidade". Pero non hai paz. 15 Que se avergoncen, pois fixeron o que é abominable. Pero nin se avergonzan, nin saben o que é a vergonza. Por iso caerán cos que han de caer: cando eu lles pida contas, irán á ruína —fala o Señor—. O castigo do pobo e a chamada á conversión 16 Así fala o Señor: —Mantédevos nos vieiros doutros tempos e observade, consultade as normas antigas: Onde está o Deus do Bo Camiño? Camiñade por el, e deste xeito atoparedes tranquilidade para a vosa vida. Pero eles responderon: "Non queremos camiñar". 17 Púxenvos sentinelas: "Estade atentos ó toque do corno". Pero responderon: "Non queremos estar atentos". 18 Por isto escoitade, pobos; dáte conta, xuntanza dos pobos, do que hai para eles; 19 escóitao, terra enteira. Mirade que estou traendo a desgraza para este pobo, o froito dos seus proxectos; pois non puxeron atención ás miñas palabras e mesmo rexeitaron a miña Lei. 20 Por que me traedes entón o incenso desde Sabá, e a cana recendente desde terras remotas? Os vosos holocaustos non son do meu agrado, nin os vosos sacrificios me contentan. 21 Por isto, fala o Señor deste xeito: —Velaquí que estou a pór atrancos a este pobo, para que tropecen pais e fillos xuntos, para que morran o do país e mais o seu veciño. 22 Así fala o Señor: —Ollade: do norte vén un pobo, desde a outra esquina do mundo avanza un gran pobo; 23 empuñan o arco e a lanza curta, son crueis e non teñen compaixón, os seus berros resoan coma o mar, montan cabalos; coma un só home están formados para a guerra contra ti, filla de Sión. 24 —O escoitar a grande sona deste pobo, estremecen as nosas mans, apértanos a anguria, unha dor coma de muller no parto. 25 —Non saias ó campo, non sigas o camiño, pois eu infesto coa espada: todo o entorno é terror e o terror está por todo o arredor. 26 —Filla do meu pobo, vístete de saco, cúbrete de cinsa. Fai por ti un loito coma por un fillo único, entristece e chora polo teu ben; axiña chega contra nós o destrutor. O Señor dálle autoridade divina ó xuízo negativo do profeta 27 Eu constitúote en examinador do meu pobo, para que examines a miña cidade cortada a pico, para que probes o seu comportamento. 28 Todos eles son os máis rebeldes, impuros coma o bronce e o ferro: son un fato de desnaturados. 29 Moven con forza o fol para fundir o chumbo; pero en van fonde o fundidor: os malvados non se purifican. 30 Prata de refugallo hai que chamarlles, xa que o Señor os refuga. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)