Xeremías 52 - Biblia SEPTSedecías de Xudá 1 Sedecías tiña vinte e un anos cando empezou a ser rei, e foi rei once anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Hamital, filla de Xeremías, natural de Libnah. 2 Portouse mal ante o Señor, o mesmo que se portara Ioaquim. 3 Tal provocación da ira do Señor houbo en Xerusalén e Xudá, que El os botou de diante da súa presenza. Sedecías rebelouse contra o rei de Babilonia. Sitio e caída de Xerusalén. Prendemento de Sedecías 4 E sucedeu que no ano noveno do seu reinado, no décimo mes, o dez dese mes, veu Nabucodonosor con todo o seu exército contra Xerusalén; plantaron os campamentos fronte a ela, e por todo arredor construíron terrapléns de sitio contra ela. 5 A cidade quedou en estado de sitio ata o ano once do reinado de Sedecías. 6 No cuarto mes, o día nove, intensificou a fame na cidade, de xeito que xa non tiñan pan nin os terratenentes. 7 Entón abriuse brecha na cidade e todos os combatentes fuxiron, saíndo da cidade de noite pola porta que estaba entre as dúas murallas, fronte ó xardín do rei, mentres os caldeos estaban a cercar a cidade; marcharon polo camiño da Arabah. 8 As tropas caldeas perseguiron ó rei e alcanzaron a Sedecías nas chairas de Xericó, mentres as súas tropas se dispersaban, abandonándoo. 9 Entón prenderon ó rei e levárono a Riblah, na comarca de Hamat, onda o rei de Babilonia, quen ditou sentencia contra el. 10 O rei de Babilonia degolou ós fillos de Sedecías ante os seus propios ollos, e tamén degolou en Riblah a todas as autoridades de Xudá. 11 O rei de Babilonia cegou a Sedecías e atouno con dúas cadeas de bronce, levouno a Babilonia e meteuno no cárcere ata o día da súa morte. Arrasamento de Xerusalén e roubos no templo 12 No quinto mes, o dez do mes, do ano dezanove do reinado de Nabucodonosor, rei de Babilonia, entrou en Xerusalén Nebuzardán, xefe da garda e membro do servizo persoal do rei de Babilonia. 13 Púxolles lume ó templo do Señor, ó palacio do rei e a todas as casas de Xerusalén: todas as casas grandes queimounas. 14 As tropas dos caldeos, que estaban co xefe da garda, botaron abaixo todas as murallas que había ó arredor de Xerusalén. 15 Nebuzardán, xefe da garda, levou cativos a unha parte da xente humilde do pobo, ó resto do pobo que se quedara na cidade, ós desertores que se pasaran ó rei de Babilonia e ó resto dos artesáns. 16 Outra parte da xente humilde deixouna quedar Nebuzardán, xefe da garda, para que traballasen as viñas e arasen as terras. 17 Os caldeos fixeron anacos as columnas de bronce, que había no templo do Señor, as tallas con rodas e o mar de bronce, que había no templo do Señor, e levaron todo o bronce de Babilonia. 18 Tamén colleron as olas, as pinzas e as tenaces de avivecer o lume, os caldeiros e os cazos para as aspersións e todos os demais utensilios de bronce que se empregaban no culto. 19 O xefe da garda tamén colleu as barreñas, os braseiros, os caldeiros para as aspersións, e as bandexas das ofrendas, tanto de ouro coma de prata. 20 Tendo en conta as dúas columnas, o único mar, os doce bois en bronce, que estaban debaixo das tallas rodantes, que fixo o rei Salomón para o templo do Señor, é incalculable o peso do bronce de todos estes obxectos. 21 En canto ás columnas, cada unha medía de alto dezanove cóbados, cinguíaa ó arredor un cordel de doce cóbados, e o seu espesor era de catro dedos, pois eran furadas. 22 Sobre cada unha delas había un capitel de bronce, e a altura dun capitel era de cinco cóbados; sobre e toda a superficie do capitel había unha rede e granadas, todo de bronce; na segunda columna había cousas coma estas e granadas. 23 As granadas eran noventa e seis en baixorrelevo; o total das granadas de todo o arredor en altorrelevo entre a rede eran cen. Execucións e deportacións 24 O xefe da garda colleu a Seraías, sumo sacerdote, a Sefanías, segundo sacerdote, e a tres gardas da entrada. 25 Tamén colleu na cidade a un eunuco que era o inspector da tropa e a sete homes do servizo persoal do rei, que se atopaban na cidade, ó secretario do xefe do exército, que recrutaba para o exército ós terratenentes, e a sesenta homes de entre os terratenentes, que se atopaban na cidade. 26 Nebuzardán, xefe da garda, prendeunos e levounos a Riblah, ó rei de Babilonia. 27 O rei de Babilonia castigounos, e logo condenounos a morte en Riblah, comarca de Hamat; deportou a Xudá da súa terra. 28 Esta foi a poboación que deportou Nabucodonosor no ano sétimo: 3.023 xudeus; 29 no ano dezaoito de Nabucodonosor deportou de Xerusalén 832 persoas; 30 no ano vinte e tres de Nabucodonosor, deportou Nebuzardán, o xefe da garda, 745 persoas; o que fai un total de 4.600 persoas. Liberación do rei Ioaquín 31 No ano trinta e seis da catividade de Ioaquín rei de Xudá, o mes décimo segundo, o vinte e cinco deste mes, Evil—Merudak, rei de Babilonia, no ano da súa entronización, concedeulle o indulto a Ioaquín. 32 Falaba con el amigablemente; colocou o seu trono por riba do trono dos reis que estaban con el en Babilonia; 33 cambioulle os seus vestidos da prisión e comía na súa mesa todos os días da súa vida. 34 A súa comida, a de cada día, dábaselle coa do rei de Babilonia; a ración do día ata o día da súa morte, todos os días da súa vida. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)