Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xeremías 51 - Biblia SEPT


Cuarto oráculo de castigo contra Babilonia e salvífico para Israel e Xudá

1 Así fala o Señor: Vou suscitar contra Babilonia e contra os habitantes do Niño, contra os que se levantan contra min, unha forza destrutora.

2 Mandarei a Babilonia uns ventos, que a aventarán e deixarán baleira a súa terra. De todo o arredor caerán sobre ela no día da desgraza.

3 Que o exército avance, avance, que o exército teña garbo da súa armadura; non teñades compaixón dos seus soldados, consagrade á destrución todo o seu exército.

4 Que caian feridos de morte na capital dos caldeos, que caian atravesados pola espada nas súas rúas.

5 Pois nin Israel nin Xudá están viúvas do seu Deus, do Señor dos Exércitos, aínda que as súas capitais están cheas de culpa ante o Santo de Israel.

6 —Fuxide do medio de Babilonia, que cada un salve a súa vida, non perezades por causa da súa iniquidade, pois é o momento da vinganza para o Señor, é o momento do desquite para quen lle paga o seu merecido.


Cuarta lamentación pola caída de Babilonia

7 Na man do Señor, Babilonia era unha copa de ouro que emborrachaba a todo o mundo: do seu viño beberon as nacións e por isto todas se volveron tolas.

8 Babilonia caeu de repente e esnaquizouse: lamentádevos por ela. Collede bálsamo para a súa dor, Quizais cure!

9 Nós tratamos de curar a Babilonia, pero non curou. Abandonádea e marchemos cada un ó seu país, pois a súa sentencia chega ó ceo, e érguese ata as nubes máis finas.

10 O Señor sacou á luz os nosos dereitos: Vinde e cantemos en Sión a obra do Señor noso Deus.


Himno profético ó Señor que xulga a Babilonia

11 Limpade as frechas, enchédeas de veleno. O Señor espertou o espírito dos reis de Media. Contra Babilonia está o seu plan de destruíla. Si, a vinganza do Señor é a vinganza polo seu templo.

12 Fronte ás murallas de Babilonia levantade a bandeira, reforzade a garda, poñede postos de sentinelas, colocade xentes para emboscadas. Si, tal como o Señor dixo dos habitantes de Babilonia, tal como o planeou, así o fai.

13 Ti, señora de riquezas, vives entre moitas augas, chegou a túa fin, a medida da túa existencia.

14 O Señor dos Exércitos xura pola súa vida: Heite encher de homes coma de saltóns, que clamarán contra ti: "Vitoria!".

15 El fixo a terra co seu poder, creou a terra de labor coa súa sabedoría, estendeu o ceo coa súa intelixencia.

16 Un trono! El pon no ceo un fragor de augas e fai subir nubes do cabo da terra, produce os lóstregos para a chuvia, e saca o vento dos seus depósitos.

17 Embrutécese o home coa súa suor, avergónzase todo fundidor cos seus ídolos, pois as súas imaxes son mentira, e non hai espírito nelas,

18 son cousa va, obra de burla: o día en que lles pidan contas, perecerán.

19 Non é coma elas o Lote de Xacob, pois é o que crea todo; nin é coma elas o Cetro da súa herdanza que ten por nome o Señor dos Exércitos.

20 Ti es o meu martelo, a miña arma de guerra: contigo esmagarei pobos, contigo destruirei reinos.

21 Contigo esmagarei cabalos e os seus cabaleiros, contigo esmagarei carros e os seus aurigas.

22 Contigo esmagarei ó home e á muller, contigo esmagarei a vellos e rapaces, contigo esmagarei a mozos e mozas,

23 contigo esmagarei ó pastor e ó seu rabaño, contigo esmagarei ó arador e á súa xugada, contigo esmagarei a rexedores e maxistrados.

24 E deste xeito volvereille a Babilonia e ós caldeos todas as atrocidades que ós vosos ollos cometeron contra Sión, —é o Señor quen fala—


Quinto oráculo de castigo

25 Velaquí vou contra ti, Montaña de Perdición, —é o Señor quen fala—, que exterminas a terra toda. Estendo a miña man contra ti, bótote a rolos desde os penedos, e convértote na Montaña da Queima.

26 E xa non collerán de ti pedras de ángulo, nin pedras para alicerces, pois serás eterna desolación —é o Señor quen fala—.


Quinta lamentación: A Guerra Santa contra Babilonia

27 Levantade a bandeira nas capitais, tocade o corno entre as nacións, declarade a guerra santa das nacións contra ela, convocade contra ela os reinos: a Ararat, a Miní e a Axquenaz; constituíde contra ela oficiais de recrutamento, mandade contra ela cabalos coma horribles saltóns.

28 Declarade a guerra santa das nacións contra ela: os reis dos medos, os seus gobernadores e todos os seus rexedores e todas as cidades do seu imperio.

29 Tremerá a cidade e retorcerase, pois o pecado de Babilonia mantén firmes os plans do Señor: converter a cidade de Babilonia nunha desolación por falta de habitantes.

30 Os heroes de Babilonia deixan de loitar, sentan nas fortalezas; afrouxan a súa valentía, vólvense mulleres. Queimaron as moradas de Babilonia, están rotos os seus ferrollos.

31 Un correo corre ó encontro doutro correo, un mensaxeiro ó encontro doutro mensaxeiro, para anunciarlle ó rei de Babilonia que a súa cidade foi tomada dun cabo ó outro.

32 As pasaxes están tomadas, ás defensas dos fortíns prendéronlles lume, e os combatentes están estarrecidos.


Sexto oráculo de castigo contra Babilonia

33 Si, así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: A capital de Babilonia é coma unha eira no tempo de achanzala, dentro dun pouco virá o tempo da malla.

34 Nabucodonosor comeunos e chupounos o sangue, o rei de Babilonia deixounos coma un prato ben repañado, enguliunos coma o Tanín, encheu o seu bandullo, ó seu pracer, fíxonos desaparecer.

35 "A opresión que sufriu e a vinganza do meu sangue está sobre Babilonia", —di a poboación de Sión— "O meu sangue está sobre os habitantes de Caldea" —di Xerusalén—.

36 Por isto así fala o Señor: Eu defenderei o teu preito, e voume encargar da túa vinganza; vou secar o seu mar, vou deixar sen auga as súas fontes.

37 Babilonia volverase unha morea de ruínas, unha morada de serpentes, un horror e unha burla, por falta de habitantes.

38 Roxen en moreas coma leóns, roxen coma cachorros de leóns:

39 cando estean excitados, eu preparareilles o seu banquete, emborrachareinos para que estean alegres, e durmirán un sono eterno, non espertarán —é o Señor quen fala—.

40 Fareinos baixar ó matadoiro, como años, coma carneiros e castróns.


Sexta lamentación pola caída de Babilonia e orde de abandonar a cidade

41 Como? Foi conquistada Xexak, foi capturado o esplendor de toda a terra? Como? Volveuse unha desolación Babilonia entre os pobos?

42 Subiu o mar sobre Babilonia, está cuberta polo tumulto das ondas do mar;

43 As súas cidades vólvense unha desolación, terra reseca e erma, cidades nas que ninguén habita, polas que ningún humano pasa.

44 Pídolle contas a Bel en Babilonia, e quítolle da boca o seu bocado; as nacións xa non volverán onda el, mesmo caerá a muralla de Babilonia.

45 Sae, meu pobo, do medio dela, salvade cada un a vosa vida do incendio da ira do Señor.

46 Que non se vos intimide o corazón, non teñades medo ás noticias que se oen no país: nun ano corre unha noticia, despois disto noutro ano, outra noticia: opresión no país, un tirano contra outro tirano.


Sétimo oráculo de castigo contra Babilonia e de liberación para Xudá

47 Pois ben! Velaí chegan os días, nos que lles pedirei contas ós ídolos de Babilonia, e todo o seu país se avergonzará, e todos os seus feridos de morte caerán no medio dela.

48 Entón cantarán sobre Babilonia un canto de triunfo o ceo e a terra e todo o que hai neles, pois do norte vén cara a ela o que a vai destruír —é o Señor quen fala—.

49 Certo, caerá Babilonia por causa dos mortos de Israel, así como por causa de Babilonia caeron mortos do mundo enteiro.

50 Os que escapedes da espada, marchade e non vos deteñades, desde lonxe invocade ó Señor, que Xerusalén se afinque no voso corazón.

51 Sentimos a confusión ó oír os insultos, a vosa cara cubriuse de vergonza, ó entraren estranxeiros nos lugares santos do templo do Señor.

52 Pois ben! Velaí chegan os días —é o Señor quen fala— nos que lles pedirei contas ós seus ídolos, e os feridos queixaranse en todo o seu país.

53 Aínda que Babilonia suba ata o ceo, aínda que faga máis esgrevia a altura do seu refuxio, baixo as miñas ordes entrarán nela os devastadores —é o Señor quen fala—.


Sétima lamentación pola caída de Babilonia

54 Alaridos de socorro veñen desde Babilonia, prantos angustiosos desde o país dos caldeos.

55 É o Señor que está a destruír Babilonia, que fai desaparecer dela todo grito. Retumba o fragor das súas ondas coma o mar océano, resoa o tumulto dos seus gritos:

56 é que vén contra ela, contra Babilonia, o destrutor; ela é a que fai romper os seus arcos, pois o Señor é o Deus da retribución: devolve ben ás claras.

57 Eu emborracho ós seus grandes e ós seus sabios, ós seus rexedores, ós seus maxistrados e ós seus soldados: durmirán un sono eterno, e non espertarán —Oráculo do Rei que ten por nome Señor dos Exércitos—.


Oitavo oráculo: Oráculo de castigo definitivo contra Babilonia

58 Así fala o Señor dos Exércitos: As anchas murallas de Babilonia serán arrasadas, as súas altas portas serán queimadas. Para nada traballaron as nacións, para o lume cansaron os pobos.


Xesto simbólico de Xeremías contra Babilonia

59 Este foi o encargo que lle ordenou o profeta Xeremías a Seraías, fillo de Nerías, fillo de Maseías, cando este marchou a Babilonia con Sedecías, rei de Xudá, no ano cuarto do seu reinado (Seraías era o xefe das provisións).

60 Xeremías escribira nun libro toda a desgraza que ía vir sobre Babilonia; todos estes oráculos escritos contra Babilonia.

61 Xeremías díxolle a Seraías: —Cando chegues a Babilonia trata de ler todos estes oráculos.

62 Entón dirás: "Señor, ti mesmo declaraches acerca deste lugar que os destruirías de tal xeito que non quedase nel habitante, nin home nin animais: volverase unha eterna ruína".

63 E cando acabes de ler este libro, haslle atar unha pedra e botaralo no Éufrates,

64 dicindo: "Deste xeito hase afundir Babilonia e non se levantará, por causa da desgraza que eu vou traer sobre ela"". Ata aquí chegaron os oráculos de Xeremías.

Lean sinn:



Sanasan