Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xeremías 49 - Biblia SEPT


Oráculo de castigo contra os amonitas

1 Acerca dos amonitas, así fala o Señor: Acaso Israel non ten fillos? Acaso non ten herdeiro? Por que Milkom herdou Gad e o seu pobo vive nas cidades de Gad?

2 Por isto: velaí veñen días —é o Señor quen fala— nos que farei oír berros de guerra contra a capital dos amonitas, que se converterá nun outeiro de desolación, e as súas cidades filiais serán incendiadas con lume, mentres Israel herdará dos herdeiros deles —dío o Señor—.

3 Fai lamentacións, Hexbón, pois, ai, está devastada; gritade, cidades filiais da capital, Rabah, vestídevos de saco, facede loito, andade dun lado para o outro entre muros. Pois Milkom vai á catividade xunto cos seus sacerdotes e xefes.

4 Por que te glorías da túa forza? A túa forza amolece, filla rebelde que confía nas súas riquezas: "Quen virá contra min?".

5 Eu traerei contra ti o terror de parte de todos os teus veciños —quen fala é o Señor, Deus dos Exércitos—. Seredes expulsados, cada un pola súa parte, e non haberá quen xunte ós que escapan.

6 Pero despois disto volverei a traer ós desterrados, fillos de Amón —é o Señor quen fala—.


Oráculos de castigo contra Edom

7 Acerca de Edom, así fala o Señor dos Exércitos: —Xa non hai sabedoría en Temán? Faltoulles ós intelixentes o consello? Corrompeuse a súa sabedoría?

8 —Escapade, dade a volta, cavade foxos onde morar, habitantes de Dedán; é a calamidade de Esaú o que traio contra Dedán, é o intre no que eu lle pedirei contas.

9 Cando entren en ti os vendimadores, non deixarán acio ningún; cando entren de noite os ladróns, destruirán canto lles cumpra.

10 Serei eu quen descubra a Esaú, quen poña á vista os seus escondedoiros, de xeito que non se poida ocultar. Está destruída a súa descendencia e a súa parentela, os seus veciños xa non os ten.

11 —Abandona ós teus orfos, que eu os farei vivir, e as túas viúvas confiarán en min.

12 Certo, si, así fala o Señor: Os que non teñen a condena de beber a copa, certo que a beberán: e vas ser ti quen se libre do castigo? Non te librarás, senón que sen remedio a beberás.

13 Pois xuro por min mesmo —é o Señor quen fala— que Bosrah se converterá nunha desolación, nunha morea de ruínas, nun ermo e nun obxecto de maldición, e todas as súas cidades se converterán nun ermo perpetuo.

14 Oín unha mensaxe de parte do Señor, e un mensaxeiro foi mandado ás nacións: "Xuntádevos, subide contra ela; en pé, á guerra!".

15 Velaí: convértote no máis pequeno dos pobos, no máis desprezable da humanidade.

16 O espanto que produces enganoute, a temeridade do teu corazón. —Vive nas fendeduras das penas! Agárrate á cima dos montes! Aínda que levantes coma a aguia o teu niño, heite baixar de alí —é o Señor quen fala—.

17 Edom volverase unha desolación: todo o que pase por el suspirará e asubiará en presenza das súas feridas,

18 igual que en presenza da destrución de Sodoma e Gomorra e das súas cidades veciñas —dío o Señor—. Ninguén vivirá alí, ningún fillo de home morará nela.

19 Velaí un león que sobe da fraga do Xordán: á súa morada heino volver, heino espantar e facer correr desde alí. Cal é o escollido de entre o seu exército, que o hei castigar? Pois quen hai coma min? Quen me desafía a un xuízo? Quen é o pastor que se mantén de pé na miña presenza?

20 Por isto, escoitade o plan do Señor, o que el formulou contra Edom, e as decisións que tomou contra os habitantes de Temán. É ben certo que os arrasarán os pastoriños do rabaño, si, a súa morada quedará destruída ante estes.

21 Co estrondo da súa caída tremará o país, que clamará e desde o mar dos Xuncos se oirá o seu clamor.

22 Velaí unha aguia que subirá e planeará, estenderá as súas ás sobre Bosrah; o corazón dos soldados de Edom volverase no día aquel coma o corazón dunha muller nas angustias do parto.


Oráculo de castigo contra Damasco

23 Sobre Damasco: —Están cubertos de vergonza Hamat e Arpad, pois oíron unha mala noticia, asustounos o Monstro mariño, a angustia que non se pode calmar.

24 Quedou sen forzas Damasco, dá volta para escapar, o terror apodérase del, angustias e dores apodéranse del coma dunha muller en parto.

25 Como estará abandonada a cidade renomeada, a vila alegre!

26 Certo, caerán os seus soldados nas súas prazas, e todos os homes de guerra perecerán no día aquel —oráculo do Señor dos Exércitos—.

27 Prendereilles lume ás murallas de Damasco, e consumirá os palacios de Ben—Hadad.


Oráculo de castigo contra Quedar e os árabes

28 Así fala o Señor acerca de Quedar e dos reinos de Hasor, que destruíu Nabucodonosor, rei de Babilonia: —En marcha! Subide contra Quedar, devastade as tribos de Oriente.

29 Collan as súas tendas e mais os seus rabaños, as súas cidades e todos os seus útiles; apodérense dos seus camelos e bérrenlles: "Pavor por todas partes".

30 Fuxide, escapade da calamidade, cavade moradas, habitantes de Hasor —é o Señor quen fala—, pois Nabucodonosor, rei de Babilonia, maquinou un plan contra vós, tomou decisións contra eles.

31 En marcha! Subide contra o pobo descoidado, que vive na tranquilidade —é o Señor quen fala—, sen dobre porta e sen ferrollo; viven sós.

32 Os seus camelos servirán de botín, e a multitude dos seus rabaños servirá de ganancia; dispersareinos a todos os ventos coas tempas rapadas e de todas as rexións traereilles a súa calamidade —é o Señor quen fala—.

33 Hasor converterase en morada de serpes monstruosas, nunha desolación para sempre. Ninguén habitará máis alí, e non residirá nela home ningún.


Oráculo de castigo contra Elam

34 Cando lle veu a palabra do Señor a Xeremías acerca de Elam nestes termos, foi no comezo do reinado de Sedecías, rei de Xudá.

35 —Así fala o Señor dos Exércitos: Velaí vou eu romper o arco de Elam, o mellor das súas forzas varudas;

36 vou traer contra Elam os catro ventos dos catro cantos do ceo: dispersareinos con todos os ventos, e xa non existirá máis este pobo, porque non volverá máis alí, desterrado para sempre.

37 Farei tremer a Elam ante os seus inimigos, ante os que buscan acabar coa súa vida; traerei sobre eles unha desgraza, o incendio da miña ira —é o Señor quen fala—. Mandarei tras eles a espada, ata que eu acabe con eles.

38 Poñerei o meu trono en Elam, farei desaparecer de alí ó rei e ós ministros —é o Señor quen fala—.

39 Pero, ó andar dos días, volverei do revés a catividade de Elam —é o Señor quen fala—.

Lean sinn:



Sanasan