Xeremías 46 - Biblia SEPTORÁCULOS ACERCA DAS NACIÓNS Escarnio pola desfeita exipcia en Kárkemix 1 Circunstancia na que lle comezou a vir a Xeremías a palabra do Señor contra as nacións. 2 Sobre Exipto, contra as tropas do faraón Nekó, rei de Exipto, cando se atopaba xunto ó río Éufrates, en Kárkemix, cando o derrotou Nabucodonosor, rei de Babilonia, no ano cuarto de Ioaquim, fillo de Ioxías, rei de Xudá: 3 Preparade os escudos e os petos, marchade á guerra. 4 Aparellade os cabalos, montade os corceis. Mantédevos na vosa posición cos cascos, afiade as lanzas, vestide as coirazas. 5 Que é o que estou a ollar? Eles están cheos de pavor, retíranse para atrás, os máis valentes de entre eles son tallados en anacos, escapan ó refuxio, non volven a cara, terror por todo o arredor —oráculo do Señor—. 6 O máis lixeiro non pode fuxir, o máis valente non pode escapar polo norte, contra un brazo do río Éufrates tropezan e caen. 7 Quen é este que sobe coma o Nilo, este con augas que medran coma as dos ríos? 8 É Exipto que sobe coma o Nilo, coma ríos engordan as súas augas. Dicía: "Subirei e alagarei o país, destruirei a cidade e os seus habitantes. 9 Subide, cabalos; que saian os máis valentes: os de Etiopía e os de Libia que embrazan o escudo, e os luditas que agarran e tensan o arco. 10 O día aquel será, para o noso Señor Deus dos Exércitos, o día da vinganza para se vingar dos seus inimigos. A espada devora e fártase, está borracha do seu sangue. Que sacrificio para o noso Señor, Deus dos Exércitos, no país do Norte, xunto ó río Éufrates! 11 Sube a Galaad a buscar bálsamo, virxe, filla de Exipto: en van multiplicas as curas, non hai remedio posible para ti. 12 As nacións infórmanse da túa vergonza, os teus berros enchen a terra: Velaquí un valente, tropeza contra outro valente, e os dous caen xuntos. 13 Esta é a palabra do Señor que lle veu ó profeta Xeremías, cando Nabucodonosor, rei de Babilonia, veu castigar ó país de Exipto: 14 Comunicádeo en Exipto, pregoádeo en Migdol, pregoádeo en Menfis e en Tafnes, dicide: En posición, firme, ti!, que a espada devora ó teu arredor. 15 Por que foxe Apis?, Por que o teu touro non se ten de pé? Velaí o Señor que o empurrou, 16 tropeza moito, caeu ruidosamente. Cada un diralle ó seu compañeiro: "En pé! volvamos co noso pobo, á terra da nosa orixe, por causa da espada poderosa". 17 Invocade o nome do Faraón, rei de Exipto; ó seu poder xa lle pasou o momento. 18 Pola miña vida —oráculo do Rei que ten por nome Señor dos Exércitos—, que así como o Tabor está sobre as montañas, e como o Carmelo está sobre o mar, así virá. 19 Axeita os teus útiles para a catividade, poboación, filla de Exipto, velaí Menfis que se volverá unha desolación, quedará devastada, sen habitantes. 20 Como xovenca bonita preséntase Exipto: desde o norte velaí vén un tabán. 21 Velaí os seus mercenarios no medio dela: son coma xatos de ceba. Tamén eles lle volven a cara, corren todos xuntos sen parar, o día da desgraza vén sobre eles, a hora do seu castigo. 22 A súa voz é coma a da serpente que asubía, porque veñen con forza; con machadas veñen contra el, coma os que cortan as árbores; 23 cortan a súa fraga —é o Señor quen fala— aínda que é impenetrable; multiplicáronse máis cós saltóns non teñen número. 24 A filla de Exipto está chea de vergonza, entrégase ó poder do pobo do Norte. O castigo da falsa confianza de Exipto traerá a salvación para Israel 25 O Señor dos Exércitos, Deus de Israel, di: —Hei castigar ó deus Amón de Tebas, ó Faraón e a Exipto, ós seus deuses e ós seus reis, ó Faraón e ós que confían nel, 26 e entregareinos ó poder dos que buscan acabar coa súa vida, ó poder de Nabucodonosor, rei de Babilonia, e ó poder dos seus servidores. Despois disto, Exipto vivirá tranquilo, coma nos tempos pasados —é o Señor quen fala—. 27 Pero ti, meu servo, Xacob, non teñas medo, non te asustes, Israel, pois eu voute salvar traéndote dun país remoto, e a túa descendencia desde o país da súa catividade. Xacob volverá e vivirá tranquilo, estará en paz e non haberá quen o moleste. 28 Ti, meu servo, Xacob, non teñas medo —é o Señor quen fala—, mira: eu estou contigo; realizarei a destrución entre todos os pobos, a onde te dispersei, pero a ti non te destruirei, senón que te castigarei como é debido, pois non te puiden declarar inocente. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)