Xeremías 45 - Biblia SEPTOráculo salvífico para Baruc 1 Este é o oráculo que lle dirixiu o profeta Xeremías a Baruc fillo de Nerías, cando, no ano cuarto de Ioaquim, rei de Xudá, Baruc escribía estes oráculos nun rolo ó ditado de Xeremías: 2 Isto diche o Señor, Deus de Israel, a ti, Baruc: 3 Ti dis: Ai de min! O Señor engade aflicións á miña dor; estou canso de tanto chorar, e non atopo acougo. 4 Respóndelle deste xeito: Así fala o Señor: O que construín, vouno destruír eu, e o que plantei, vouno arrincar, (e tamén a todo este país). 5 Seica ti buscas grandes cousas para ti? —Non as busques. Porque eu vou traer a desgraza sobre todas as criaturas —é o Señor quen fala—, pero a ti, coma despoxo, fareiche o don da túa propia vida, en todos os lugares a onde vaias. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)