Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xeremías 44 - Biblia SEPT


Derradeiro discurso oracular contra a idolatría practicada polos xudeus en Exipto

1 Esta é a palabra que lle veu a Xeremías para todos os xudeus que vivían no país de Exipto, en Migdol, en Tafnes, en Nof, e no país de Patros:

2 Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: Vós ollastes toda a desgraza que trouxen sobre Xerusalén e sobre todas as cidades de Xudá: védeas aí hoxe: unha desolación e sen un habitante nelas.

3 Por causa da maldade que cometeron, anoxándome a min, ó ir queimar incenso e dar culto a deuses alleos, ós que nin eles nin vós nin vosos pais coñeciades.

4 Por isto eu, ben cedo e decote mandeivos os meus servos os profetas a dicirvos: "Por favor, non cometades estas abominacións que eu detesto".

5 Pero nin fixeron caso nin prestaron atención para se arrepentiren da súa maldade deixando de queimar incenso a deuses alleos.

6 Por isto a miña ira e mais o meu noxo vertéronse e abrasaron as cidades de Xudá e as rúas de Xerusalén, que se volveron unha morea de ruínas e unha desolación, tal coma hoxe están.

7 Pois agora, así fala o Señor, Deus dos Exércitos, Deus de Israel: Por que seguides facendo tan grande mal para vós mesmos, exterminando do medio de Xudá a homes e mulleres, a meniños e nenos de peito, para a vosa desgraza, de xeito que non vos quede nin resto?

8 Moito me enfadan as obras das vosas mans, ó queimardes incenso a deuses alleos no país de Exipto, a onde viñestes vivir, acabando así convosco e converténdovos nunha fórmula de maldición e inxuria para todas as nacións da terra!

9 Xa esquecestes as maldades dos vosos pais, as maldades dos reis de Xudá, as maldades dos príncipes de Xudá, as vosas maldades e as maldades das vosas mulleres: maldades cometidas no país de Xudá e nas rúas de Xerusalén,

10 Ata o día de hoxe non sentiron arrepentimento nin respecto, nin se comportaron conforme as miñas leis nin os preceptos que eu promulguei na vosa presenza e na dos vosos devanceiros.

11 Por iso, así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: Eu estou volvendo a miña cara irada contra vós para mal, para exterminar a todo Xudá.

12 Collerei ó resto de Xudá, que se decidiu a ir residir no país de Exipto, e perecerán todos no país de Exipto; caerán pola espada e coa fame, perecerán desde o máis pequeno ó máis grande, pola espada e coa fame morrerán, e volveranse unha fórmula de imprecación, e unha desolación, unha maldición, unha vergonza.

13 Castigarei ós que viven no país de Exipto, o mesmo que castiguei a Xerusalén coa espada, coa fame e coa peste.

14 Non haberá sobrevivente nin escapado de entre o resto de Xudá que veu para residir no país de Exipto, e para logo volverse á terra de Xudá, onde eles arelan volver a vivir. pero non volverán, a non ser algúns fuxidos.


Reacción do pobo polo discurso

15 Todos os homes que sabían que as súas mulleres ofrecían incenso ós deuses alleos, e todas as mulleres que estaban presentes —unha grande asemblea—, e todo o pobo que vivía en Patrós, no país de Exipto, respondéronlle a Xeremías nestes termos:

16 —Non queremos volver a escoitar de ti este oráculo, que nos proclamaches no Nome do Señor.

17 É ben certo que faremos todo o que prometemos coa nosa boca: ofrecerlle incenso á Raíña do ceo, e verterlle libacións, como xa o fixemos nós e nosos pais, os nosos reis e as nosas autoridades, nas cidades de Xudá e nas rúas de Xerusalén, e entón fartabámonos de pan, estabamos felices e non viamos a desgraza.

18 Pero desde que deixamos de ofrecer incenso á Raíña do ceo e de lle verter libacións, faltounos todo e morremos pola espada e de fame.

19 Ben certo que nós lle ofrecemos incenso á Raíña do ceo e lle vertemos libacións. Acaso lle fixemos bicas para representala ou vertemos libacións no seu honor sen o consentimento dos nosos homes?


Resposta do profeta ó pobo

20 Entón Xeremías díxolle a todo o pobo, ós homes e ás mulleres e a todos os que lle responderan deste xeito:

21 Acaso das ofrendas de incenso, que nas cidades de Xudá e nas rúas de Xerusalén ofrecestes vós e vosos pais, os vosos reis e as vosas autoridades, e os vosos terratenentes, non se acordou o Señor e non lle viñeron á súa cabeza?

22 O Señor xa non puido soportar a maldade dos vosos feitos, as abominacións que cometestes, e por isto o voso país volveuse unha morea de ruínas, algo que dá medo e que se maldí por falta de habitantes, tal como está hoxe.

23 Polo feito de que pecastes contra o Señor, ofrecendo incenso e non fixestes caso da voz do Señor e non vos comportastes conforme a súa lei, os seus preceptos e as súas prescricións, por isto aconteceuvos esta desgraza, tal coma hoxe.

24 Entón Xeremías díxolle a todo o pobo e a todas as mulleres: —Escoitade a palabra do Señor, todos os xudeus que estades no país de Exipto:

25 Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: Vós e mais as vosas mulleres, o que falades coa vosa boca cumprídelo coas vosas mans, dicindo: "Certo que temos que cumprir as nosas promesas de ofrecer incenso á Raíña do ceo e de lle verter libacións". De seguro que manteredes as vosas promesas, de seguro que cumpriredes os vosos votos.

26 Por isto escoitade a palabra do Señor todos os xudeus que vivides no país de Exipto: Xuro polo meu grande nome —dío o Señor— que non volverá a ser invocado o meu nome en todo o país de Exipto pola boca de ningún xudeu, dicindo: "Vive o meu Señor, Iavé".

27 Sabede que eu estou en vela sobre vós para facervos mal e non ben. Todos os xudeus que están no país de Exipto perecerán pola espada e de fame ata o seu exterminio.

28 Os escapados da espada, poucos en número, volveranse do país de Exipto ó país de Xudá e entón saberá todo o resto de Xudá que veu habitar no país de Exipto, se a palabra que se cumpre é a miña ou a deles.

29 Tende para vós este sinal —é o Señor quen fala— que eu vos hei castigar neste lugar, para que saibades que de verdade que as miñas palabras contra vós se han cumprir para mal.

30 Así fala o Señor: Eu entrego o Faraón Hofrá, rei de Exipto, no poder dos seus inimigos, no poder dos que buscan acabar coa súa vida, o mesmo que entreguei a Sedecías, rei de Xudá, no poder de Nabucodonosor, rei de Babilonia, o seu inimigo, que buscaba acabar coa súa vida.

Lean sinn:



Sanasan