Xeremías 43 - Biblia SEPTMarcha cara a Exipto en aberta desobediencia ós oráculos proféticos 1 Cando Xeremías acabou de anunciar ó pobo enteiro todas as palabras do Señor, o seu Deus, porque o Señor o seu Deus o mandara a xunto deles con todas as devanditas palabras, 2 Azarías, fillo de Hoxaías, e Iohanán, fillo de Caréah e todos os homes soberbios tomaron a palabra para lle dicir a Xeremías: —Ti estasnos comunicando mentiras. O Señor o noso Deus non mandou que digas: "Non entredes a Exipto para vivirdes alí", 3 senón que Baruc, fillo de Nerías está a incitarte contra nós, a fin de que ti nos entregues ó poder dos caldeos, para que nos maten ou nos deporten a Babilonia. 4 E deste xeito nin Iohanán, fillo de Caréah, nin ningún dos xenerais da tropa, nin ninguén do pobo lle fixo caso á orde do Señor de continuar vivindo no país de Xudá; 5 senón que Iohanán, fillo de Caréah e todos os xenerais da tropa, puxéronse a fronte de todo o resto de Xudá que volvera a vivir no país de Xudá de entre todos os pobos a onde se dispersara: 6 os homes e as mulleres, os meniños e as princesas e todos cantos Nebuzardán, xefe da garda persoal, confiara ó coidado de Guedalías, fillo de Ahicam, fillo de Xafán, e tamén o profeta Xeremías e Baruc, fillo de Nerías; 7 e marcharon ó país de Exipto, pois non lle fixeron caso á voz do Señor, senón que chegaron ata Tafnes. Acción simbólica e oráculo: invasión de Exipto por Nabucodonosor 8 En Tafnes veulle a palabra do Señor a Xeremías nestes termos: 9 —Na presenza dalgúns xudeus colle coas túas mans unhas pedras grandes e entérraas no barro que hai na telleira que se atopa en Tafnes á entrada do palacio do Faraón, 10 e dilles: Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: Vou mandar buscar a Nabucodonosor, rei de Babilonia, o meu servo, e poñerei o seu trono enriba destas pedras que enterrei, e el estenderá sobre elas o seu baldaquino. 11 Virá castigar o país de Exipto; a quen ten o destino para a morte, coa morte; a quen ten o destino para o desterro, co desterro; a quen ten o destino para a espada, coa espada. Poñeralles lume ós templos dos deuses de Exipto, 12 queimará os deuses ou levaraos cativos, espiollará o país de Exipto, coma un pastor espiolla o seu manto, e sairá de alí en paz. 13 Esnaquizará os obeliscos do templo do Sol, que hai en Exipto, e prenderalles lume ós templos dos deuses de Exipto. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)