Xeremías 42 - Biblia SEPT1 Entón todos os xenerais das tropas, en especial Iohanán, fillo de Caréah, e Iezanías, fillo de Hoxaías, e todo o pobo desde o máis pequeno ata o máis grande, achegáronse 2 A Xeremías, o profeta, para lle dicir: Que a nosa súplica sexa ben recibida por ti; reza por nós ó Señor, o teu Deus, por este resto, pois de moitos quedamos uns poucos, como os teus ollos están a ver. 3 Que o Señor, o teu Deus, nos mostre o camiño que temos que seguir, e as cousas que debemos facer. 4 Entón Xeremías, o profeta, repúxolles: —De acordo. Vou interceder ante o Señor, o voso Deus, de acordo coas vosas súplicas, e todo canto o Señor vos responda, héivolo de comunicar; non vos gardarei oculto nada. 5 E eles dixéronlle a Xeremías: —Que o Señor sirva de testemuña verdadeiro e fiel contra nós, se nós obramos conforme a todas as palabras que o Señor, o teu Deus, che comunique a ti para nós: 6 Sexa favorable ou desfavorable, farémoslle caso á voz do Señor, noso Deus, o digno de confianza a quen nós te mandamos, para que a sorte nos sexa boa. De certo, farémoslle caso á voz do Señor, o noso Deus. Oráculos de resposta profética 7 E ó cabo de dez días veulle a palabra do Señor a Xeremías, 8 quen chamou a Iohanán, fillo de Caréah e a todos os xenerais das tropas que estaban con el e a todo o pobo desde o máis pequeno ata o máis grande, 9 e díxolles: —Así fala o Señor, Deus de Israel, a quen vós me mandastes presentarlle a vosa súplica: 10 Se volvedes a habitar neste país, eu construireivos e non vos destruirei, plantareivos e non vos arrincarei; Moito sinto o mal que vos fixen! 11 Non lle teñades medo ó rei de Babilonia, a quen agora estades temendo; non lle teñades medo —é o Señor quen fala—: vede: eu estou convosco para salvarvos e para librarvos da súa man. 12 Infundireille misericordia para con vós e compadecerase de vós e deixaravos habitar na vosa terra. 13 Pero vós estades a dicir: "Non viviremos neste país" —desobedecendo a voz do Señor, o voso Deus. 14 Isto é que dicides: Resistamos, pois iremos ó país de Exipto, onde nin veremos a guerra, nin escoitaremos a voz da trompeta, nin pasaremos fame de pan e onde viviremos". 15 Por iso, escoitade agora a palabra do Señor, resto de Xudá: Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: se vós vos empeñades en ir a Exipto, e se ides para habitar alí, 16 A espada da que vós tendes medo estará alí, alcanzaravos a vós no país de Exipto; e a fame, que tanto medo vos dá, perseguiravos deica Exipto, e morreredes alí. 17 Alí estarán todos os homes que decidiron marchar a Exipto, para viviren alí, morrerán pola espada, de fame e de peste, e non quedará deles supervivente, nin escapado da presenza do desastre que eu mandarei contra eles. 18 Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: O mesmo que a miña ira e o meu noxo se verteron sobre os habitantes de Xerusalén, así tamén se verterá a miña ira sobre vós, cando entredes en Exipto; serviredes de fórmula de imprecación e de exemplo de desolación, de maldición e de inxuria, e non volveredes a ver este lugar. 19 O Señor divos a vós, resto de Xudá: Non vaiades a Exipto. Que vos quede ben sabido, que eu me converto hoxe en testemuña contra vós. 20 Certamente fun enganado por vós mesmos, pois mandástesme onda o Señor, o voso Deus, dicindo: "Intercede por nós ante o Señor, o noso Deus, e todo canto o Señor o noso Deus che diga, móstranolo, que o faremos". 21 Mostréivolo hoxe, pero vós non lle facedes caso nin á voz do Señor, o voso Deus, nin a todo o que el mandou dicirvos. 22 Pois agora tende ben sabido que morreredes pola espada, de fame e de peste no lugar a onde quixestes ir vivir. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)