Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xeremías 40 - Biblia SEPT


XEREMÍAS E O POBO NON DEPORTADO DA CIDADE XERUSALÉN Xeremías decide quedar co pobo

1 Palabra que de parte do Señor lle veu a Xeremías, despois que Nebuzardán, xefe da garda persoal, o mandou desde Ramah, cando o colleu ó seu cargo, pois el estaba preso con cadeas entre todos os cativos de Xerusalén e de Xudá, que eran levados cativos a Babilonia.

2 O xefe da garda persoal colleu a Xeremías ó seu cargo e díxolle: O Señor, o teu Deus, anunciou este desastre contra este lugar;

3 o Señor fíxoo vir e realizouno tal como el predixera; fostes vós os que pecastes contra o Señor e non fixestes caso da súa voz, e por iso sucédenvos estas cousas.

4 E agora, eu solto hoxe as cadeas que tes nas túas mans. Se prefires vir comigo a Babilonia, ven, que eu mirarei por ti; se non queres vir comigo á grande Babilonia, velaí todo o país diante de ti: vai onde che pareza que é mellor e máis xusto que vaias.

5 Se o noso xeito de vida non che gusta, vólvete xunto a Guedalías, fillo de Ahicam, fillo de Xafán, a quen o rei de Babilonia constituíu gobernador das cidades de Xudá, e vive con el entre o pobo; ou a onde che pareza máis xusto ir, vaite. E logo de darlle o xefe da garda persoal provisións para o camiño e regalos, despediuse del.

6 E Xeremías foi onda Guedalías, fillo de Ahicam, a Mispah, e residiu xunto con el entre o pobo que quedara no país.


Reorganización da comunidade xudía baixo Guedalías en Mispah

7 Cando se informaron todos os capitáns das tropas que había no campo xunto cos seus homes de que o rei de Babilonia constituíra gobernador do país a Guedalías, fillo de Ahicam, e de que lle confiara o goberno dos homes, das mulleres, dos meniños e dos máis pobres do país —os que non foran levados cativos a Babilonia—,

8 foron onda Guedalías a Mispah: Ismael, fillo de Netanías, Iohanán e Ionatán, fillos de Caréah; Sedacías, fillo de Tanhúmet, os fillos de Ofai o netofaíta, Iezanías, fillo de Macateo, todos eles e mais os seus homes.

9 Entón Guedalías, fillo de Ahicam, fillo de Xafán, xuroulles a eles e ós seus homes nestes termos: —Non teñades medo de vos someterdes ós caldeos; vivide neste país someténdovos ó rei de Babilonia, para que vos vaia ben.

10 Pois eu, velaquí que teño que vivir en Mispah, para representar o país ante os caldeos que veñan visitarnos; pero vós recollede viño e trigo, e poñédeo nas vosas olas; vivide nas cidades que escollestes.

11 Todos os xudeus que estaban en Moab entre os amonitas, en Edom e en todos os países, tamén se informaron de que o rei de Babilonia lle deixara un resto a Xudá, e de que constituíra gobernador deste resto a Guedalías, fillo de Ahicam, fillo de Xafán.

12 Todos os xudeus volveron desde os sitios a onde fuxiran, e viñeron ó país de Xudá, onda Guedalías, a Mispah, e colleitaron viño e trigo en moita cantidade.


Atentado de Ismael contra Guedalías, apoiado polos moabitas

13 Iohanán, fillo de Caréah, e todos os xefes das tropas que había no campo, viñeron onda Guedalías en Mispah,

14 e dixéronlle: —Acaso ti non sabes que o rei dos amonitas, Balís, mandou a Ismael, fillo do Netanías a que te matase? Pero Guedalías, fillo de Ahicam, non lles deu creto.

15 Entón Iohanán, fillo de Caréah, díxolle en secreto a Guedalías en Mispah: —Déixame ir, que eu matarei a Ismael, fillo de Netanías; ninguén o saberá. Por que vai matarte e dispersarse todo Xudá, que se xuntou ó teu lado, e por que vai perecer o resto de Xudá?

16 Guedalías, fillo de Ahicam, respondeulle a Iohanán, fillo de Caréah: —Non fagas iso. O que ti me contas de Ismael é mentira.

Lean sinn:



Sanasan