Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xeremías 39 - Biblia SEPT


Coa caída de Xerusalén e de Sedecías cúmprense as palabras de Xeremías

1 No ano noveno de Sedecías, rei de Xudá, no mes décimo, veu Nabucodonosor, rei de Babilonia, e todos os seus exércitos a Xerusalén, e rodeárona.

2 No ano undécimo de Sedecías no mes cuarto, o nove do mes, abriron brecha na cidade.

3 Todos os xenerais do rei de Babilonia entraron nela, e sentáronse na porta central: Nergal, príncipe de Éser, Samgar—Nebú, príncipe de Sequim, gran xefe de eunucos e todo o resto dos xenerais do rei de Babilonia.

4 E sucedeu que cando os viron Sedecías, rei de Xudá e todos os homes de guerra, fuxiron a correr da cidade de noite, a través do xardín do rei, pola porta entre os dous muros, e saíron camiño da Arabah.

5 Pero os exércitos dos caldeos perseguíronos e déronlle alcance a Sedecías nas chairas de Xericó; collérono e levárono a Riblah, na rexión de Hamat onda Nabucodonosor, rei de Babilonia, quen ditou sentencia contra el.

6 O rei de Babilonia fixo matar a todos os fillos de Sedecías na súa presenza, en Riblah; e a todos os nobres de Xudá tamén os fixo morrer o rei de Babilonia.

7 Tamén cegou os ollos de Sedecías e o atou con dúas cadeas de bronce para levalo a Babilonia.

8 Os caldeos prendéronlle lume ó palacio real e ás casas do pobo, e botaron abaixo as murallas de Xerusalén

9 e ó resto do pobo que quedaba na cidade, e ós desertores que se pasaran a Nabucodonosor e a todos os restantes, levounos cativos a Babilonia Nebuzardán, xefe da garda persoal.

10 Pero ós pobres de entre o pobo, que non tiñan nada, deixounos quedar Nebuzardán, xefe da garda persoal, no país de Xudá, e entregoulles aquel día as viñas e os campos.


Especial consideración de Nabucodonosor co profeta

11 Nabucodonosor, rei de Babilonia, deulle estas ordes a Nebuzardán, xefe da garda persoal, acerca de Xeremías:

12 Cólleo ó teu cargo e mira por el; non lle fagas nada malo: máis ben cúmprelle o que che pida.

13 Nebuzardán, xefe da garda persoal, Sangar—Nebú, xefe dos eunucos, Nergal, príncipe de Éser e xeneralísimo, e todos os xefes do rei de Babilonia

14 mandaron buscar a Xeremías ó patio da garda e entregáronllo a Guedalías, fillo de Ahicam, fillo de Xafán, para que o deixase ir á súa casa e vivir entre o pobo.


Oráculo Salvífico de agradecemento para Ébed-Mélec

15 Cando estaba preso Xeremías no patio da garda veulle a palabra do Señor nestes termos:

16 —Vai, e dille isto a Ébed—Mélec, o etíope: Así fala o Señor dos Exércitos, Deus de Israel: Eu vou traer as miñas palabras a esta cidade, para mal e non para ben: o día aquel cumpriranse na túa presenza.

17 Pero a ti salvareite no día aquel —é o Señor quen fala—, non serás entregado ó poder dos homes ós que lles tes medo;

18 seguro que te salvarei e non caerás a espada, e a túa vida será o teu botín, pois confiaches en min —é o Señor quen fala—.

Lean sinn:



Sanasan