Xeremías 38 - Biblia SEPTXeremías, no pozo. Intercesión de Ébed-Mélec 1 Xefatías, fillo de Matán, Guedalías, fillo de Paxhur, Iucal, fillo de Xelemías e Paxhur, fillo de Malaquías, oíron estes oráculos que Xeremías lle dicía a todo o pobo: 2 Así fala o Señor: Quen siga vivindo nesta cidade morrerá de espada, de fame e de peste; quen se pase ós caldeos vivirá, terá como ganancia a súa respiración e a súa vida. 3 Así fala o Señor: Esta cidade será de certo entregada ó poder dos exércitos do rei de Babilonia, que a conquistará. 4 Entón as autoridades dixéronlle ó rei: Fágase morrer a este home, pois deste xeito está a afrouxar os ánimos dos homes de guerra que quedan nesta cidade e os ánimos de todo o exército, dicíndolles cousas coma estas. Certamente este home non está a buscar o benestar para o pobo, senón que está a buscar a súa desgraza. 5 O rei Sedecías repúxolles: —Aí o tendes no voso poder, pois o rei non pode nada contra vós. 6 Eles colleron a Xeremías e botárono na cisterna de Malaquías, príncipe real que estaba no patio da garda, baixando a Xeremías con cordas. No pozo non había auga, senón lama, e Xeremías enterrouse na lama. 7 Ébed—Mélec, o etíope, eunuco, que vivía no palacio do rei, oíu que puxeran a Xeremías na cisterna. Mentres o rei estaba sentado na porta de Benxamín, 8 saíu Ébed—Mélec do palacio real e faloulle ó rei nestes termos: 9 Meu señor, meu rei, estes homes cometeron unha inxustiza con todo o que lle fixeron a Xeremías, o profeta, e con botalo na cisterna; vai morrer onde está por falta de pan, xa que non hai pan na cidade. 10 Entón o rei deulle esta orde a Ébed—Mélec, o etíope: —Colle ás túas ordes tres homes destes, e sube da cisterna ó profeta Xeremías, antes de que morra. 11 Ébed—Mélec colleu ás súas ordes os homes e entrou no palacio real, onde estaba o tesouro, e colleu alí farrapos de estopa e de sacos, e con cordas botoullos na cisterna a Xeremías. 12 E díxolle Ébed—Mélec o etíope a Xeremías: —Pon os farrapos de estopa e de sacos nos sobacos por debaixo das cordas. Xeremías fíxoo así. 13 Tiraron de Xeremías coas cordas e subírono da cisterna; e Xeremías seguiu vivindo no patio da garda. TRIUNFO DO PROFETA Derradeira consulta de Sedecías a Xeremías en secreto 14 O rei Sedecías mandou buscar a Xeremías, o profeta, á terceira entrada do templo do Señor. Díxolle o rei a Xeremías: —Eu quero preguntarche unha cousa: non me escondas nada. 15 Xeremías repúxolle a Sedecías: —Se cha digo, vasme matar; se che dou un consello, non me vas escoitar. 16 O rei Sedecías xuroulle en secreto a Xeremías deste xeito: —Vive o Señor que está a chegar, e que nos dá a vida que temos, que non te deixarei matar nin te entregarei nas mans destes homes que buscan acabar coa túa vida! 17 Entón Xeremías díxolle a Sedecías: —Así fala o Señor, Deus dos Exércitos, Deus de Israel: Se te rendes ós xenerais do rei de Babilonia, salvarás a túa vida, e esta cidade non será queimada; vivirás ti e mais a túa familia. 18 Pero se non te rendes ós xenerais do rei de Babilonia, entregarei esta cidade nas mans dos caldeos, que lle prenderán lume, e ti non fuxirás das súas mans. 19 O rei Sedecías, repúxolle a Xeremías: —Téñolles medo ós xudeus que se pasaron ós caldeos; poida que os caldeos me entreguen no seu poder e se burlen de min. 20 Respondeulle Xeremías: —Non te entregarán; faille caso á voz do Señor, á sorte que eu che comunico, e irache ben e conservarás a túa vida. 21 Pero se non queres ti saír, esta é a escena que me mostrou o Señor: 22 Velaquí: as mulleres que queden no palacio real de Xudá serán entregadas ós xenerais do rei de Babilonia e isto é o que cantarán: "Enganáronte e puideron contigo os amigos da túa intimidade; enterráronche os pés na lama e volvéronse atrás". 23 Entregaranlles ós caldeos todas as túas mulleres e os teus fillos, e ti non fuxirás das súas mans, senón que serás apresado polo rei de Babilonia, que lle prenderá lume a esta cidade. 24 Entón Sedecías díxolle a Xeremías: —Que ninguén saiba esta conversa e ti non morrerás. 25 E se se informan as autoridades de que falei contigo, e se logo van onda ti e che din: cóntanos o que lle dixeches ó rei, non nolo ocultes, que non te mataremos: que lle dixeches ó rei?", 26 ti haslles dicir: "Estívenlle presentando ó rei a miña petición para que non me levasen á casa de Ionatán a morrer alí". 27 En efecto, todas as autoridades viñeron xunto a Xeremías e preguntáronlle; pero el contestoulles en todo conforme estas instrucións que lle dera o rei. E eles quedaron mudos diante del, pois a conversa non se soubo. 28 Desde entón Xeremías viviu no patio da garda ata que foi tomada Xerusalén. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)