Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xeremías 34 - Biblia SEPT


Oráculos sobre Sedecías

1 Cando Nabucodonosor, rei de Babilonia e o seu exército, todos os reinos da zona do seu dominio e todos estes pobos estaban en guerra contra Xerusalén e contra todas as súas cidades, a palabra de parte do Señor veulle a Xeremías nestes termos:

2 Así fala o Señor, Deus de Israel: Vai e dille a Sedecías, rei de Xudá: Así fala o Señor: eu entrego esta cidade nas mans do rei de Babilonia que a incendiará.

3 Ti non escaparás da súa man; ben certo que serás arrestado e entregado á súa disposición; os teus ollos verán os ollos do rei de Babilonia e el en persoa falará contigo, e irás a Babilonia.

4 Con todo, escoita Sedecías, rei de Xudá, a palabra do Señor: así fala o Señor acerca de ti: non morrerás a espada.

5 Morrerás en paz e o mesmo que se queimaron perfumes polos teus pais, os primeiros reis, teus antepasados, así tamén os queimarán por ti e chorarán por ti: "Ai, Señor". Son eu quen che dou a miña palabra é o Señor quen fala.

6 E o profeta Xeremías díxolle a Sedecías, o rei de Xudá, todas estas cousas en Xerusalén,

7 mentres as forzas do rei de Babilonia estaban loitando contra Xerusalén e contra as cidades de Xudá que aínda resistían: contra Laquix e Azecah, pois elas eran, entre as cidades de Xudá, as cidades fortes que quedaban.

8 Esta é a palabra que lle veu a Xeremías de parte do Señor, logo que o rei Sedecías fixo con todo o pobo, que se atopaba en Xerusalén, o pacto de proclamaren a liberdade dos escravos;

9 o pacto de que cada un mandaría libres o seu escravo e a súa escrava, hebreo ou hebrea, de xeito que por eles —por hebreos— non fose servido ningún irmán seu.

10 Fixéronlle caso todas as autoridades e todo o pobo que entrara no pacto de que cada un mandaría libres o seu servo e mais a súa serva, de xeito que non serían máis servidos por eles. Mantiveron a palabra e deixáronos ser libres.

11 Despois volvéronse da palabra dada e fixeron retornar os servos e servas que deixaran libres, e fixeron que os servisen coma servos e coma servas.

12 Entón veulle de parte do Señor a Xeremías a palabra do Señor nestes termos:

13 Así fala o Señor, Deus de Israel: —Eu son quen fixo un pacto con vosos pais o día que os saquei do país de Exipto, da casa de escravos, nestes termos:

14 "O cabo de sete anos, cada un de vós liberará o seu irmán hebreo que lle fora vendido. Servirate seis anos, logo mandaralo libre de onda ti". Pero os vosos pais non me fixeron caso, nin prestaron oído.

15 E vós hoxe xa vos converterades e fixerades o que é xusto ós meus ollos, ó proclamardes cada un a liberdade para o seu irmán e facerdes un pacto diante de min, na casa onde se invoca o meu Nome.

16 Pero volvéstesvos atrás e profanastes o meu Nome, facendo cada un de vós volver o seu servo e a súa serva, que mandarades libres, e sometéstelos a ser servos e servas vosos.

17 Por iso, así fala o Señor: vós non me fixestes caso ó proclamardes cada un a liberdade para o seu irmán e para o seu compañeiro. Eu estou a proclamar contra vós a liberdade da espada, da peste e da fame, e convertereivos en algo que fará estremecer a todos os reinos da terra —é o Señor quen fala—.

18 Os homes que quebrantaron o meu pacto, que non mantiveron os compromisos que eles pactaron, a estes entregareinos ás maldicións pronunciadas na presenza do becerro que cortaron en dous, pasando por entre os anacos.

19 As autoridades de Xudá e ás autoridades de Xerusalén, ós eunucos e ós sacerdotes e a todos os campesiños, que pasaron entre os dous anacos do becerro,

20 entre—gareinos ó poder dos seus inimigos e ó poder dos que andan á busca da súa vida, e o seu cadáver servirá de carnaza para os paxaros do ceo e para os animais da terra.

21 E a Sedecías e ós seus ministros entregareinos ó poder dos seus inimigos, ó poder dos que andan ó axexo da vida e ó poder dos exércitos do rei de Babilonia que se están retirando da vosa presenza.

22 Eu dou unha orde —é o Señor quen fala—, e fareinos volver a esta cidade: loitarán contra ela e prenderanlle lume; converterei as cidades de Xudá nunha desolación sen habitantes.

Lean sinn:



Sanasan