Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xeremías 32 - Biblia SEPT


A merca dun campo durante o asedio, sinal e anticipo da Salvación

1 Esta é a palabra que de parte do Señor lle veu a Xeremías no ano décimo de Sedecías, rei de Xudá, o que corresponde ó ano décimo oitavo de Nabucodonosor.

2 Naquel entón os exércitos do rei da Babilonia estaban a cercar Xerusalén, mentres o profeta Xeremías estaba preso no patio da garda que había no palacio do rei de Xudá.

3 Prendérao Sedecías, o rei de Xudá, acusándoo: —Por que profetizas ti dicindo: así fala o Señor: "Eu entrego esta cidade ó poder do rei de Babilonia, para que a conquiste?

4 E Sedecías, o rei de Xudá, non se escapará das mans dos caldeos, senón que será entregado de certo no poder do rei de Babilonia, e falarán cara a cara, e veranse fronte a fronte.

5 El conducirá a Babilonia a Sedecías, quen quedará alí ata que eu me ocupe del —é o Señor quen fala—. Aínda que resistades contra os caldeos, non sairedes con éxito".

6 Entón dixo Xeremías: —A palabra do Señor veu a min nestes termos:

7 Velaí vén Hanamel, fillo do teu tío Xalum, onda ti, a dicirche: "Merca para ti o campo que eu teño en Anatot, xa que es ti o que ten dereito de rescate para adquirilo".

8 E, efectivamente, segundo a palabra do Señor, chegou Hanamel, o meu primo, o fillo do meu tío, ó patio da garda, e díxome: "Mércame o campo que teño en Anatot, na rexión de Benxamín, xa que ti tes o dereito de herdanza e a ti correspóndeche rescatalo: cómprao para ti". E eu comprendín que aquilo era unha orde de Deus,

9 e merqueille a Hanamel, fillo do meu tío, o campo que el tiña en Anatot e peseille a prata: dezasete siclos foi o prezo.

10 Escribín o documento de compra, seleino e cerreino, fíxenllelo asinar ás testemuñas e pesei a prata na balanza.

11 Logo collín a escritura da compra, o texto selado e cerrado coa lei e coas determinacións, e o texto aberto,

12 e entregueille o documento de compra a Baruc, fillo de Nerías, fillo de Maseías, á vista de Hanamel, o meu primo, á vista das testemuñas, que asinaran a escritura da compra, e á vista de todos os xudeus que estaban presentes no patio da garda:

13 Á vista deles, deille a Baruc esta orde:

14 "Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: Colle estes documentos, a escritura desta compra, a escritura cerrada e selada e esta escritura aberta, e ponos nunha ola de barro para que duren moito tempo,

15 pois así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: Aínda se volverán mercar casas, campos e viñas neste país".

16 Despois de lle dar a Baruc, fillo de Nerías, o documento da compra, dirixinlle ó Señor esta oración:

17 —Ai, meu Señor, meu Deus! Ti fixeches o ceo e mais a terra co teu grande poder e co teu brazo estendido, nada hai demasiado difícil para ti.

18 Ti usas de fidelidade con miles e miles, mentres que devolves a iniquidade dos pais ó seo dos fillos que os suceden. Este é o gran Deus, o guerreiro valente; Señor dos Exércitos é o seu Nome.

19 Grandeza a deste plan, que sublimes estes feitos! Pois os teus ollos están ben abertos sobre o comportamento de todos os homes, para darlle a cada un conforme a súa conduta e os froitos das súas obras.

20 Mostrácheste realizando sinais e prodixios no país de Exipto ata o día de hoxe, e deste xeito en Israel e en todo o mundo adquiriches un renome coma o que hoxe tes,

21 xa que sacaches o teu pobo Israel do país de Exipto con sinais e con prodixios, con man forte e brazo estendido, con impresionante poder,

22 e décheslles esta terra que lles xuraras dar a seus pais, terra que deita leite e mel.

23 Entraron e tomaron posesión dela, pero non escoitaron a túa voz, nin seguiron as túas normas, non fixeron o que ti lles mandaras facer. Por isto fixeches que lles acontecese toda esta desgraza.

24 Velaquí as ramplas de asedio que chegan á cidade para conquistala, a cidade entrégase ó poder dos caldeos, que a estiveron asediando coa espada, a fame e a peste. Está a suceder o que eu dixen, e ti estalo a ver.

25 Pero, ti, meu Señor, Deus, acábasme de dicir: "Merca o campo con prata, fai asinar ás testemuñas", cando a cidade está sendo entregada ós caldeos.

26 Entón veulle a Xeremías a palabra do Señor nestes termos:

27 —Eu, o Señor, son o Deus de todos os homes: acaso hai algo imposible para min?

28 Por isto, así fala o Señor: —Vou entregar esta cidade ó poder dos caldeos, ó poder de Nabucodonosor, rei de Babilonia, que a conquistará.

29 Os caldeos que están asediando esta cidade entrarán nela e prenderanlle lume; incendiarán as casas onde, nas terrazas, queimaron incenso en honor de Baal e verteron libacións a deuses alleos para anoxarme a min.

30 Pois foron os fillos de Xudá e mais os fillos de Israel os que xa desde a súa mocidade estiveron cometendo maldades ós meus ollos; certo, os fillos de Israel estanme a ofender coas prácticas idolátricas —é o Señor quen fala—.

31 A pesar da miña ira e a pesar do meu furor, esta cidade está contra min desde o día en que a construíron ata o día de hoxe. Que se aparte da miña presenza,

32 por toda a maldade dos fillos de Israel e dos fillos de Xudá que me fixeron enfadar: eles, os seus reis, os seus principais, os seus sacerdotes, os seus profetas, os homes de Xudá, os habitantes de Xerusalén!

33 Volvéronme as costas e non deron a cara. Ensineilles a sabedoría, pero eles non aprenderon a lección do castigo.

34 Poñen as súas abominacións no templo sobre o que se invoca o meu Nome para profanalo.

35 Ollade: nos outeiros do val de Ben Hinnom construíron os altares de Baal para pasar polo lume os seus fillos e mais as súas fillas en honor de Molok, cousa que nin eu lles mandei; nin se me veu á cabeza que fixesen semellante horror, extraviando deste xeito a Xudá.

36 Pois ben, agora así fala o Señor, Deus de Israel, encol desta cidade, que vós vedes que está á mercé do poder do rei de Babilonia, da espada, da fame e da peste.

37 "Vede que os vou xuntar de todos os países a onde os dispersei por causa da miña ira, da miña furia e do meu grande noxo, e farei que volvan a este lugar e que vivan con toda a seguridade.

38 Eles serán o meu pobo e eu serei o seu Deus.

39 Dareilles a mesma mentalidade e o mesmo comportamento, de xeito que me respecten sempre. Que ben será para eles e para os fillos que os sucedan!

40 Pactarei con eles unha alianza eterna; non me apartarei deles para lles facer ben e porei o meu respecto no seu corazón, de xeito que non se aparten da miña presenza.

41 Alegrareime neles facéndolles ben e na miña fidelidade heinos plantar nesta terra con todo o meu corazón e con todas as miñas forzas".

42 Así fala o Señor: —O mesmo que trouxen sobre este pobo toda esta grande calamidade, así tamén lles traerei todo o ben que lles estou prometendo.

43 Mercarase o teu campo neste país que vós estades vendo feito unha desolación por falta de homes e de animais, que está sendo entregado ó poder dos caldeos.

44 Mercarán campos con prata, redactarase a escritura, asinarana e cerrarana e firmarán as testemuñas na rexión de Benxamín, nos arredores de Xerusalén, nas cidades de Xudá, nas cidades da montaña, nas cidades da Xefelah e nas cidades do Négueb, xa que eu farei volver os seus cativos —é o Señor quen fala—.

Lean sinn:



Sanasan