Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xeremías 31 - Biblia SEPT

1 E entón —é o Señor quen fala— eu serei Deus para todas as tribos de Israel, e eles serán o meu pobo.


Quíxente con amor eterno: por isto volverei reconstruírte, virxe de Israel

2 Así fala o Señor: —No deserto atopa ó Bondadoso o pobo dos que fuxiron da espada; Israel vai á procura do seu acougo,

3 de lonxe aparéceselle o Señor. Quíxente cun amor eterno, por iso mantiven moito tempo a miña fidelidade.

4 Volverei construírte e quedarás construída, virxe de Israel; volverás a arranxar os teus pandeiros, e sairás á danza cos que están de festa.

5 Volverás a plantar viñas nos montes de Samaría; os mesmos que as plantan, danzarán.

6 Pois chegará o día en que berren os vixías desde o monte de Efraím: "En pé! Subamos a Sión, onda o Señor, o noso Deus".

7 Así fala o Señor: —Aclamade a Xacob con gritos de alegría, gritádelle á primeira das nacións. Pregoade, loade, clamade: "Salva, Señor, o teu pobo, salva o resto de Israel".

8 Vede: vounos traer do país do norte, vounos reunir desde os cabos do mundo. Entre eles haberá cegos e coxos, a que está en cinta xunto coa parida, volverán en enorme multitude.

9 Velaí, chegarán chorando; pero entre aclamacións de agradecemento, heinos conducir, heinos levar ós regueiros de auga por un camiño seguro onde non han tropezar. Si, volvereime pai de Israel, e Efraím será o meu primoxénito.


Participación dos rescatados en banquetes

10 Escoitade a palabra do Señor, pobos, facédea coñecer nas illas de lonxe, anunciádea: —O que dispersou a Israel, xuntarao, e gardarao coma un pastor o seu rabaño.

11 Certo, rescatará o Señor a Xacob, librarao dunha man máis forte.

12 Chegarán para festexalo á cima de Sión, correrán cara ós bens do Señor, tralo trigo, o mosto e o aceite, tralas crías do rabaño e do gando. As súas vidas serán coma un horto ben regado, xa nunca máis volverán a enfraquecer.

13 Entón a virxe alegrarase na danza, os mozos e os vellos andarán ledos; eu cambiarei o seu loito en ledicia, consolareinos e alegrareinos despois da súa aflición.

14 Enchouparei en graxa a gorxa dos sacerdotes, e o meu pobo fartarase dos meus bens —é o Señor quen fala—.


Oráculos salvíficos

15 Así fala o Señor: —Óense berros en Ramah, cantos de loito, choros de amargura: Raquel está a chorar polos seus fillos, non se quere consolar. Polos seus fillos, velaí o noso loito!

16 Así fala o Señor: —Non deas a túa voz ó pranto, nin os teus ollos ás bágoas, que os teus traballos terán recompensa —é o Señor quen o di—: os fillos volverán do país inimigo.

17 O teu porvir está cheo de esperanza —é o Señor quen o di—: os fillos volverán á súa patria.

18 Escoitar estou escoitando como se lamenta Efraím: "Para que eu fose ben ensinado, ti ensináchesme con castigo, a min, becerro que non se doma. Para que eu me convertese, fixéchesme converter ti, Señor, o meu Deus.

19 Desde que me convertín, sentinme consolado, e despois de me dar conta empecei a petar nos cadrís: cubrinme de vergonza e de ignominia, de ter que soportar o oprobio da miña xuventude".

20 Non é Efraím para min o fillo tan estimado, non é o fillo do meu contentamento? Cantas veces falo contra el, outras tantas o teño que relembrar, por iso conmóvense as miñas entrañas por el, teño que compadecerme del —é o Señor quen fala—.


Chamada a volver do desterro e á conversión

21 Levanta os marcos de sinal nos teus camiños, pon os teus indicadores, pon moita atención ó vieiro, á verea por onde vas. Volve, virxe de Israel, volve a estas túas cidades.

22 Ata que día andará de aquí para alí esta filla divorciada? Cando o Señor cree o novo pacto no país, a muller volverá ó seu home.


Restauración de Xudá

23 Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: —Cando eu traia os desterrados, volveranse repetir no país de Xudá e nas súas cidades estas verbas: "Que o Señor te bendiza, rexión de lexítima morada, monte do santuario".

24 Alí morarán Xudá e todas as súas cidades, alí se xuntarán os xornaleiros para saíren canda o rabaño.

25 Eu saciarei de auga súa gorxa esgotada, encherei toda gorxa esmorecente.

26 E, nisto, espertei e deime conta de que o meu soño resultaba ledo.


Reconstrución de Xudá e nova orde de xustiza

27 Velaquí están os días —é o Señor quen fala— nos que sementarei a casa de Xudá e a casa de Israel con semente de homes e semente de animais.

28 E do mesmo xeito que os tiven en vixilancia para arrincar e derrubar, para aniquilar, para destruír e para danar, así tamén montarei vixilancia sobre eles para construír e para plantar —é o Señor quen fala—.

29 Nos días que están a chegar, xa non se volverá dicir: "Os pais comeron as uvas verdes, e os fillos teñen os dentes limados",

30 senón que cada un morrerá pola súa propia culpa. Se alguén come uvas verdes, será el quen perda os dentes.


A nova alianza

31 Velaquí os días —é o Señor quen fala— nos que pactarei coa casa de Xudá e co reino de Israel unha alianza nova;

32 non coma a alianza que pactei cos seus pais, o día no que os collín pola man para os sacar do país de Exipto; pois eles quebrantaron o meu pacto, aínda que eu seguín sendo o seu Señor —é o Señor quen fala—.

33 Velaquí o pacto que eu hei pactar coa casa de Israel despois deses días —é o Señor quen fala—: Hei meter a miña lei nas súas entrañas, escribireina nos seus corazóns, serei para eles o seu Deus, e eles serán para min o meu pobo.

34 Xa ninguén terá que instruír o compañeiro, xa ninguén terá que instruír o seu irmán, dicíndolle: "Respectade o Señor"; senón que todos eles me farán caso, desde o máis noviño ó máis grande —é o Señor quen fala—, pois eu perdoareilles a súa iniquidade, e xa non me lembrarei máis dos seus pecados.


Inquebrantable fidelidade do Señor á alianza nova

35 Así fala o Señor, que establece o sol para luz do día, que establece as leis da lúa e das estrelas para luz da noite; o que alporiza ó mar e braman as súas ondas; o seu nome é Señor dos Exércitos:

36 Cando fallen todas estas leis na miña presenza —é o Señor quen fala—, tamén a raza de Israel deixará de ser pobo na miña presenza para sempre.

37 Así fala o Señor: Cando se cheguen a medir os ceos desde o alto, cando se exploren os alicerces da terra no profundo, tamén eu rexeitarei a toda a estirpe de Israel, por todo o que fixo —é o Señor quen fala—.


Reconstrución de Xerusalén

38 Veñen días —é o Señor quen fala— nos que se construirá a cidade para o Señor desde a Torre de Hananel á Porta da Esquina.

39 E o seu cordel de medir continuarase estendendo en presenza do Señor pola ladeira de Gareb e dará a volta na dirección de Goat.

40 Todo o barranco será para os ósos e para a cinsa das graxas dos sacrificios, e todos os campos ata o nacente ata o regato Cedrón e ata a esquina da Porta dos Cabalos serán cousa sacra dedicada ó Señor, que nunca máis volverá ser destruída nin arrasada.

Lean sinn:



Sanasan