Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xeremías 30 - Biblia SEPT


Oráculos salvíficos para o Reino de Israel e Xudá

1 Palabra que de parte do Señor lle veu a Xeremías nestes termos:

2 Así fala o Señor, o Deus de Israel: Escribe para o teu servizo todas as palabras que eu che dite.

3 Velaquí veñen os días —é o Señor quen fala— nos que eu cambiarei a sorte do meu pobo Israel e Xudá —dío o Señor— e volvereinos traer ó país que lles dei a seus pais, para que o reciban en herdanza.

4 Estas son as palabras que o Señor lles di a Israel e a Xudá.


Angustias dun parto de esperanza

5 Así fala o Señor: —Estamos oíndo berros de angustia, de pavor sen acougo.

6 Preguntade, ollade: Están de parto os varóns? Como é que vexo a todos os homes coas mans nos riles coma a muller que está de parto, todas as caras desfiguradas? Ai, que palidez!

7 Que día tan grande ese! Non o hai coma el! Momentos de angustia para Xacob, pero verase libre dela.


Esnaquizarei o xugo de Xacob

8 Aquel día —é o Señor dos Exércitos quen fala— esnaquizarei o xugo de Xacob que ti levas sobre a cabeza, e romperei as túas piogas, e os estranxeiros xa nunca máis o someterán á escravitude,

9 senón que se someterán ó Señor, o seu Deus, e a David, o seu rei, a quen eu constituirei sobre eles.


Voute traer a salvo de terras remotas

10 E ti, meu servidor Xacob, non teñas medo —é o Señor quen fala— Israel, non te sintas abatido. Mira que te vou traer a salvo desde terras remotas, e vou traer a salvo a túa descendencia desde o país do seu desterro. Volverá Xacob e vivirá tranquilo, estará ó seguro e non haberá quen o atemorice.

11 Atende: eu estou contigo —é o Señor quen fala— para terte a salvo. Provocarei a destrución entre todos os pobos, a onde te dispersei, pero a ti non te destruirei: soamente che farei aprender con castigos o que é xusto, sen deixar nada sen corrección.

12 Así fala o Señor: profundo é o teu quebranto, incurable é a túa ferida,

13 non hai quen faga xustiza na túa causa: que desangre! Non hai remedio para ti: que rego de sangue!

14 Esquecéronte todos os teus amantes, a ti xa non te buscan, castigueite con castigo de inimigo, con corrección cruel; os teus pecados multiplican a débeda da túa moita ruindade.

15 Por que berras polo teu quebranto, pola túa profunda ferida? Si, os teus pecados son os que multiplicaron a débeda da tua moita ruindade, son eu quen che fixen isto.

16 Con todo, todos os que te devoran serán devorados, e todos os que te perseguen irán ó desterro, os que te rouban servirán de botín, e a todos os que te saquearon entregareinos ó saqueo.

17 Restablecerei a túa saúde, curareite das túas feridas —é o Señor quen fala—. Chamáronte "a desaparecida", "Sión non ten quen a busque".

18 Pero, así fala o Señor: —Eu son o que transformarei o desterro das tendas de Xacob, e terei piedade do seu xeito de vivir; cada cidade será construída no seu petouto, e cada pazo asentará no seu lugar propio.

19 Sairán deles cántigas de agradecemento, e os aturuxos dos que están de festa. Multiplicareinos e non minguarán, fareinos xente de ben e non serán desprezables.

20 Os seus fillos terán os privilexios de antes, e a súa asemblea manterase firme na miña presenza. Eu castigarei a todos os seus opresores.

21 O xefe será un dos seus, e o soberano nacerá deles; eu fareino achegarse, e achegarase a min, pois quen é o que pola súa conta se achegaría a min? —é o Señor quen fala—.

22 E deste xeito volveredes ser para min o meu pobo, e eu serei para vós o voso Deus.

23 Velaí a tormenta do Señor: sae o seu furor, a súa tempestade vólvese ameazadora, dá voltas sobre a testa dos malvados.

24 Non cederá o ardor da ira do Señor ata que realice e cumpra os proxectos do seu corazón. O que pasen estes días, entenderédelo.

Lean sinn:



Sanasan