Xeremías 3 - Biblia SEPT1 Dilles: Se un deixa a súa muller, e ela se vai de onda el, e ela é doutro home, volverá onda ela o primeiro? Por acaso non está profanada esta cidade? E ti non es a prostituta de moitos amantes? Pero volve a min é o Señor quen fala. 2 Ergue os ollos para os teus dous amantes: onde non fornicaron contigo? A beira dos camiños sentábaste agardándoos, como fan os nómades de Arabia no deserto. Profanaches a terra coas túas prostitucións e coas túas maldades. 3 Non se che dan as chuvias do ceo, non hai a chuvia do abril. Ti tes cara de prostituta, e non queres avergonzarte. 4 Acaso non viñeches onda min? Acaso non me clamaches: "meu Pai, ti es o amigo da miña mocidade"? 5 Seguirá Deus enfadado para sempre, ou gardarame rancor perpetuo? Velaquí o que ti dis, pero segues facendo as maldades e cada vez con máis forza. 6 Nos tempos do rei Ioxías díxome o Señor: —Non viches o que fixo a apóstata Israel, que subía a todo monte alto e se agachaba baixo toda árbore frondosa, para se dar alí á prostitución? 7 Despois que ela fixo contra min todas estas cousas, eu dixen: "Converterase", pero non se converteu. Ollouno Xudá, a pérfida da súa irmá. 8 Mostrei quen son castigando a apóstata Israel por se dar ó adulterio: rexeiteina e deille a acta de divorcio. Pero non colleu medo a pérfida da súa irmá Xudá, e vai e dáse á prostitución tamén ela. 9 A súa lixeireza para a prostitución corrompe o país, xa que comete adulterio cos que son pedra e madeira. 10 A pérfida de Xudá non se aparta converténdose a min de corazón, senón soamente na aparencia —é o Señor quen fala—. Tres chamadas á conversión 11 Logo díxome o Señor: —Máis xusta é a actitude da apóstata Israel cá da pérfida Xudá. 12 Vai e proclama a berros este oráculo cara ó norte: Volve, apóstata Israel —é o Señor quen fala—, e non deixarei caer o meu enfado sobre vós; ollade que eu son compasivo —é o Señor quen fala— e non me quero enfadar contra a vosa rebeldía. 13 Recoñece a túa impiedade, pois pecaches contra o Señor, teu Deus, dirixiches os teus camiños a deuses estranxeiros baixo calquera árbore frondosa e non quixeches escoitar a miña voz —é o Señor quen fala—. 14 Arrepentídevos, fillos apóstatas —é o Señor quen fala—, velaquí, eu serei o voso defensor: collereivos a un de cada cidade, e a dous de cada tribo e traereivos a Sión. 15 Dareivos pastores conforme a miña idea que vos gobernen con sabedoría e sexan prudentes. 16 Habédesvos de multiplicar e aumentar no país naqueles días —é o Señor quen fala—. Ninguén falará da arca da alianza do Señor, nin se lles virá á cabeza, nin se lembrarán dela, nin a botarán de menos, nin farán unha nova. 17 No tempo aquel chamaranlle a Xerusalén "trono de Deus" e xuntaranse nela todos os pobos polo poder do Señor e por mor de Xerusalén, e xa non volverán a seguir os desexos do seu ruín corazón. 18 Desde aqueles días xuntaranse o reino de Xudá co reino de Israel (e xuntos virán da rexión do norte ó país que eu lles dei en herdanza a seus pais). 19 Velaquí que eu xa teño dito: —Con que amor te conto entre os meus fillos e che dou un país precioso, e herdas unha gloria superior ás demais nacións! Con que gusto eu repito: chamarédesme "meu Pai", endexamais non deixaredes de seguirme! 20 O mesmo que unha muller traizoa o seu marido, así vós me traizoaches a min, reino de Israel —é o Señor quen fala—. 21 Escóitanse berros nos petoutos, choros suplicantes dos fillos de Israel. Velaquí que perderon o seu camiño, esqueceron o Señor, seu Deus. 22 —Volvede, fillos apóstatas, eu fareivos abandonar as vosas apostasías. —Míranos aquí, que vimos xunto a ti, xa que ti, Señor, es o noso Deus. Autoconfesión dos pecados do pobo 23 En verdade, que engano hai nos outeiros, que confusión nos montes! En verdade, no Señor noso Deus, está a salvación de Israel. 24 Cousas vergonzosas consumiron os aforros dos nosos pais desde a nosa xuventude (as súas ovellas e vacas, os seus fillos e fillas). 25 Deitámonos coa nosa desvergonza e tapounos a nosa ignominia; pecamos contra o Señor, o noso Deus, nós e nosos pais, desde a nosa xuventude ata hoxe; non fixemos caso da palabra do Señor, noso Deus. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)