Xeremías 25 - Biblia SEPTInterpretación dos sinais dos tempos: castigo divino por mans dos caldeos 1 O ano cuarto de Ioaquim fillo de Ioxías, rei de Xudá, que foi o ano primeiro de Nabucodonosor, rei de Babilonia, veulle a Xeremías este discurso para todo o pobo. 2 O profeta Xeremías anuncioullo a todo o pobo de Xudá e a todos os veciños de Xerusalén, dicíndolles: 3 Desde o ano trece de Ioxías, fillo de Amón, rei de Xudá, ata hoxe estame vindo a palabra do Señor e véñovos falando, madrugo para falarvos; pero non facedes caso. 4 O Señor mandouvos os seus servos, os profetas, madrugou para mandárvolos; pero non fixestes caso nin prestastes o voso oído para escoitar. 5 Véñovos dicindo: "Volvédevos cada un do seu mal camiño e da ruindade dos vosos feitos e vivide na terra, que desde sempre e para sempre vos deu o Señor a vós e a vosos pais. 6 Non vos vaiades tras deuses alleos, nin os sirvades e adoredes, nin me enchades de ira coas obras das vosas mans, e deste xeito non vos farei mal". 7 Pero non me fixestes caso —é o Señor quen fala—, e enchéstesme de ira coas obras das vosas mans, para a vosa desgraza. 8 Por iso, así fala o Señor dos Exércitos: —Xa que non fixestes caso da miña palabra, 9 velaquí que eu pola miña conta —é o Señor quen fala— envíovos todas as tribos do norte e mais a Nabucodonosor, rei de Babilonia, o meu servo; heinos de traer contra esta cidade e os seus habitantes e contra todos os pobos que están ó seu arredor, e consagrareinos á destrución total; heinos converter nunha vergonza, nunha burla e nunha ruína para sempre. 10 Farei desaparecer entre eles os berros de alegría e os berros de gozo, as cántigas dos mozos, as cántigas das mozas, o ruído das pedras de moer e a luz do candil. 11 Todo este país será unha desolación e un estrago, e todos estes pobos serán servos do rei de Babilonia durante setenta anos. 12 Pero cando se cumpran os setenta anos, heilles pedir contas ó rei de Babilonia e ó seu pobo das súas iniquidades, o mesmo que ó país dos caldeos, que converterei nunha desolación para sempre. 13 E cumprirei con este país todas as ameazas que contra el pronunciei. Cumprirei todo o escrito neste libro, que contén o que Xeremías profetizou contra todos os pobos. 14 Xa que eles escravizaron a moitos pobos e a grandes reis, tamén eu lles pagarei conforme os seus feitos e as obras das súas mans. O profeta failles beber a taza do viño envelenado ás nacións 15 O Señor, Deus de Israel, díxome isto: —Cólleme esta taza de viño, colle da miña man este veleno: fáillelo beber a todos os pobos, ós que eu che mando. 16 Que beban, que vomiten a borracheira, que enlouquezan ante a espada que eu boto entre eles. 17 Collín a taza da man do Señor, e deilles de beber a todos os pobos ós que o Señor me mandou. 18 Deilles de beber a Xerusalén e ás cidades de Xudá, ós seus reis e ós seus nobres, para os converter nunha ruína desoladora, en mofa e en maldición tal como hoxe están. 19 Deilles de beber ó Faraón, rei de Exipto, ós seus criados, ós seus principais, a todo o seu pobo, 20 e a todos os seus sacerdotes; a todos os reis do país de Us, a todos os reis de Filistea: a Axquelón, a Gaza, a Ecrón e ó que quedaba de Axdod. 21 Deilles de beber a Edom, a Moab e ós amonitas: 22 A todos os reis de Tiro, a todos os reis de Sidón e ós reis da illa que está ó poñente do mar; 23 A Dedán, a Temá e a Buz e a todos os que levan a cabeza rapada polos lados. 24 A todos os reis da Arabia, e a todos os reis do poñente que viven na estepa; 25 A todos os reis de Zimrí, a todos os reis de Elam e a todos os reis de Madai. 26 A todos os reis do norte, ós de preto e ós de lonxe. A cada un despois do outro, e a todos os reinos que viven na superficie da terra, pero o rei de Xexac beberá despois deles. 27 Haslles dicir: —así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: "Bebede, emborrachádevos, vomitade e caede, sen serdes capaces de vos ter de pé, á vista da espada que eu estou lanzando no medio de vós". 28 E se refugasen coller a taza da túa man para beber, dilles: —Así fala o Señor dos Exércitos: "Beber si que haberedes beber". 29 Pois se eu comezo a castigar empezando pola cidade onde se invoca o meu Nome, ides quedar vós libres? Non quedaredes libres, pois eu estou reclamando a espada contra todos os habitantes do mundo —é o Señor dos Exércitos quen fala—. Xuízo do Señor contra as nacións e elexía polos pastores e os seus pobos 30 Ti proclama contra eles todos estes oráculos e dilles: "O Señor roxe desde o alto, lanza a súa voz desde a súa santa morada; roxe contra as súas posesións, lanza berros, coma os dos que pisan no lagar, a todos os habitantes do mundo". 31 A devastación chega ó cabo da terra, xa que o Señor ten un preito cos pobos, está xulgando a todos os homes, e os culpables entregaraos á espada —é o Señor quen fala—. 32 Así fala o Señor dos Exércitos: —Velaí a desgraza que salta dun pobo a outro pobo, unha gran tempestade ponse en camiño desde os extremos da terra. 33 No día aquel os feridos de morte polo Señor estenderanse dun cabo ó outro da terra; non se fará loito por eles, non serán retirados nin enterrados; quedarán de esterco sobre a tona da terra. 34 Ouveade, pastores! Dade gritos! Enzoufádevos na lama, xefes do rabaño! Velaí cumpridos os vosos días para serdes degolados; eu fíxenvos nadar na fartura, pero vós caedes coma un vaso precioso. 35 Perdeuse todo refuxio para os pastores, e todo escriba para os xefes do rabaño. 36 Oense berros de desesperación dos pastores, ouveos dos xefes do rabaño: é o Señor quen está arruinando os seus pasteiros. 37 Desaparecen os pasteiros da fartura, por causa do furor da ira do Señor. 38 Coma o león deixa a súa cova, así o país vólvese unha desolación, por causa do furor do Poderoso, por causa do furor da súa ira. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)