Xeremías 24 - Biblia SEPTA visión das dúas cestas de figos: o verdadeiro pobo de Deus é o dos deportados 1 Aparecéuseme o Señor, e vin dous cestos de figos que eran as súas testemuñas diante do templo do Señor. Foi despois de que Nabucodonosor, rei de Babilonia, fixo deportar de Xerusalén a Ieconías, fillo de Ioaquim rei de Xudá, ós principais de Xudá, ós ferreiros e cerralleiros, e os levou a Babilonia. 2 Un dos cestos contiña figos mellores cás béveras, e o outro cesto contiña figos tan malos que non se podían comer. 3 Entón díxome o Señor: —Que estás vendo, Xeremías? Repuxen: —Dúas clases de figos. Os figos bos son moi bos, e os ruíns son tan ruíns que non se poden comer. 4 Veume entón a palabra do Señor e díxome: 5 —Así fala o Señor, Deus de Israel: Igual que estes figos son bos, así tamén eu me preocuparei dos desterrados de Xudá, que botei deste lugar á terra dos caldeos. 6 Poñerei neles os meus ollos para o ben, volvereinos traer a esta terra: edificareinos, e non os hei destruír; plantareinos, e non os hei arrincar. 7 Dareilles corazón para me coñecer: eu serei o Señor, e eles serán o meu pobo. Eu serei o seu Deus, e volverán a min con todo o seu corazón. 8 Coma estes figos ruíns, que de tan ruíns non se poden comer —así fala o Señor—, igual tratarei eu a Sedecías, rei de Xudá, ós seus principais e ó resto de Xerusalén, que quedou neste país, e ós que viven en Exipto. 9 Heinos converter en algo arrepiante, desgraciados ante todos os reinos da terra, obxecto de aldraxes e de coplas, tema de escarnios e maldicións, en todos os lugares a onde os dispersei. 10 Mandarei contra eles a espada, a fame e a peste, ata que desaparezan de sobre a terra, que lles dei a eles e a seus pais. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)