Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xeremías 21 - Biblia SEPT


Anuncio da caída de Xerusalén

1 Palabra que da parte do Señor lle veu a Xeremías, cando o rei Sedecías mandou a onda el a Paxhur, fillo de Malaquías, e ó sacerdote Sefanías, fillo de Maseías, para lle dicir:

2 Por favor, consúltalle ó Señor da nosa parte, porque Nabucodonosor, rei de Babilonia, estanos atacando. Quen nos dera que o Señor nos tratase segundo as súas intervencións prodixiosas e o volvese incapaz de nos atacar!

3 E Xeremías díxolles: A Sedecías transmitídelle isto:

4 Así fala o Señor, Deus de Israel: "As armas que tendes nas vosas mans e coas que loitades, devólvollas eu ó rei de Babilonia e ós caldeos que vos cercan desde fóra da muralla, e heinas de xuntar no medio desta cidade.

5 Eu en persoa loitarei contra vós, coa man estendida e con brazo forte, con ira, con noxo e con grande rabia.

6 Farei ferir os habitantes desta cidade, homes e animais, que morrerán dunha grande peste.

7 Despois disto —é o Señor quen fala— hei entregar a Sedecías, rei de Xudá, os seus servidores, o pobo, e os que nesta cidade queden con vida da peste, da espada e da fame, heinos de entregar nas mans de Nabucodonosor, rei de Babilonia, nas mans dos seus inimigos, e nas mans dos que atentan contra a súa vida. El pasaraos polo fío da espada, sen piedade, nin respecto, nin compaixón".


Invitación á deserción do pobo cercado

8 A este pobo haslle dicir: —Así fala o Señor: "Vede que poño diante de vós o camiño da vida e o camiño da morte:

9 o que siga vivindo nesta cidade morrerá de espada, de fame e de peste; o que saia e se renda ós caldeos, que vos están cercando, vivirá: así, cando menos, conservará a súa vida como botín.

10 Poño a miña ira nesta cidade para mal e non para ben —é o Señor quen fala— e entrégoa na man do rei de Babilonia, para que a queime con lume".


A MONARQUÍA DE XUDÁ Principais obrigacións da casa real

11 Ollade, casa do rei de Xudá, escoitade a palabra do Señor:

12 —Casa de David, así fala o Señor: "Examinadores, administrade a xustiza, librade o oprimido da man do opresor; se non, a miña ira xurdirá coma lume, queimará e non haberá quen a apague, por mor da maldade dos seus feitos.

13 Velaquí estou contra ti, que dominas nos fortes e es a rocha dos xustos —é o Señor quen fala—: vós sodes os que dicides: quen baixará contra nós? Quen entrará nos nosos casais?

14 Eu castigareivos conforme o froito das vosas accións —é o Señor quen fala—. Prendereille lume ó seu bosque, e o lume consumirá todo no arredor".

Lean sinn:



Sanasan