Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xeremías 20 - Biblia SEPT

1 Paxhur, fillo de Imer, sacerdote e inspector xefe do templo do Señor, oíu a Xeremías cando profetizaba estes oráculos.

2 Paxhur fixo que lle desen unha tunda ó profeta Xeremías e meteuno no cepo que hai no templo do Señor xunto a porta maior de Benxamín.

3 O día seguinte Paxhur sacou a Xeremías do cepo e entón díxolle Xeremías: O Señor non te chama Paxhur, senón Magor Misabib.

4 Así fala o Señor: "Olla que eu te constitúo en terror para ti e para todos os teus amigos, que caerán debaixo da espada dos seus inimigos e os teus ollos hano de ver, e entregarei a todo Xudá no poder do rei de Babilonia, que os levará cativos a Babilonia e os matará a espada.

5 Entregareille todas as riquezas desta cidade, todo o froito do seu esforzo, todas as súas cousas apreciadas e todos os tesouros dos reis de Xudá: entregaréillelos ó poder dos seus inimigos, que os saquearán, roubarán e levarán a Babilonia.

6 E ti, Paxhur, e todos os que viven na túa casa iredes á catividade; ti entrarás en Babilonia, onde morrerás e serás enterrado, ti e mais todos os teus amigos para os que profetizaches en falso".


Lamentación individual: profunda crise do profeta

7 Señor, seducíchesme e deixeime seducir; collíchesme e puideches comigo. Sirvo a cotío de burla; a destrución é o meu pan.

8 Sempre que falo, teño que proclamar: Desastre!; teño que clamar: Destrución! A palabra do Señor volveuse para min un escarnio, unha burla continua.

9 Se digo: "Non me vou acordar máis del, non falarei máis no seu Nome", entón a súa palabra vólvese coma un lume abrasador no meu corazón, un lume prendido nos meus ósos; fago forza por apagalo, pero non son capaz.

10 Xa estou oíndo a sentencia, aumenta o terror ó arredor: "Denunciádeo, denunciémolo". Todos os que se fiaban da miña mensaxe de paz, agardan a miña caída: "A ver se se deixa seducir: poderemos con el, e vingarémonos del".

11 Polo Señor suspiro, como por un forte loitador; por isto os meus perseguidores caen, non me poden. Quedarán cubertos de vergonza porque non tiveron éxito, non deixarán esquecida esta vergonza perpetua.

12 Señor dos Exércitos, que pos a proba o xusto, que ver os sentimentos e mais as intencións, eu hei ver como te vingas deles, pois a ti encomendei o meu preito.

13 Cantádelle ó Señor, loade o Señor, pois libra a vida dun pobre do poder dos malvados.


Elexía pola propia sorte

14 Maldito o día en que nacín! O día en que me pariu a miña nai non sexa bendito!

15 Maldito o home que lle deu boas novas a meu pai: "Naceuche un fillo varón". Que alegría lle deu!

16 Oxalá se volvese este home coma as cidades que sen piedade destruíu o Señor; oxalá oíse berros de mañá e o fragor da loita ó mediodía.

17 Por que non me matou cando estaba no ventre? A miña nai sería a miña sepultura; o seu ventre, unha preñez para sempre.

18 Por que saín do ventre para ver traballos e aflicións? Por que os meus días se consomen na vergonza?

Lean sinn:



Sanasan