Xeremías 2 - Biblia SEPTAs contas que Deus pide 1 Veume a palabra de Deus: 2 Vai e berra nos oídos de Xerusalén: Así me ten dito o Señor: quero recordarche o agarimo da túa xuventude, o amor do teu namoro, o teu camiñar tras de min polo deserto, por terras sen sementeira. 3 Israel era a propiedade escollida de Deus, primicia da súa colleita; sempre que calquera se atreva a comela, pagarao, viralle enriba unha calamidade —é o Señor quen fala—. 4 Escoitade a palabra de Deus, fillas de Xacob, todas as tribos descendentes de Israel: 5 —Así ten falado o Señor: Que cousa torta atoparon en min vosos pais, para se afastaren de min? Fóronse tras dos que son nada e volvéronse nada. 6 En vez de preguntar: onde está o Señor que nos sacou de Exipto e nos deu forzas para camiñar polo deserto, por terras ermas e fragas, por terras requeimadas e sombras de morte, por sitios que ninguén pasa e onde o home non habita? 7 Eu conducinvos ó país dos hortos, para que comésedes os seus froitos e os seus bens; pero vós entrastes e luxastes a miña terra, convertestes en algo noxento o meu eidiño. 8 Os sacerdotes xa non preguntan: Onde está o Señor? Os que tiñan que conservar a Lei, xa non me coñecen, os pastores aborrécenme, os profetas profetizan en nome de Baal, van tras deuses que de nada serven. 9 Veña un trono, que vou preitear convosco! —é o Señor quen fala—. Si, cos fillos dos vosos fillos tamén preitearei. 10 Ollade: atravesade ata as costas de Chipre e mirade, mandade xente a Quedar e repasade desde antigo: ollade: hai algo coma isto? 11 Cambiou de deuses un pobo algunha vez? (e iso que aqueles non son deuses). Pero o meu pobo cambiou a miña adoración pola dun deus que non serve. 12 Os ceos véñense fixando nisto, están estarrecidos e alporizados desde entón, —é o Señor quen fala—, 13 pois dúas maldades cometeu o meu pobo: deixoume a min, viveiro de auga vivificadora, polos pozos gretados que non reteñen a auga. Amargas consecuencias do abandono do Señor 14 É Israel un escravo ou é un fillo nado na familia? Como é que se converteu en presa 15 pola que roxen os leóns e lanzan os seus ruxidos? Converten a súa terra en algo horrible, as súas cidades están arrasadas sen habitantes. 16 Con berros as xentes de Nof e de Tafnes excitan a túa altiveza. 17 Acaso isto non che está pasando, por abandonares o Señor, o teu Deus, aquel que te facía camiñar polo seu vieiro? 18 Pois que se che perde camiño de Exipto? Acaso bebes a auga do Nilo? Que se che perde camiño de Asiria? Acaso bebes a auga do Éufrates? 19 A túa maldade será quen te instrúa co seu castigo e as túas apostasías serán as que te castiguen. Recoñece o desastroso, o amargo que che resulta abandonar o Señor, e non respectar o teu Deus —é o Señor, Iavé todopoderoso, quen fala—. 20 Fíxate: desde antigo rompiches o teu xugo e fixeches saltar as túas piogas, e dixeches: "nunca máis serei servo". Velaquí que sobre todo monte alto, e baixo toda árbore frondosa, ándaste agachando para dáreste á prostitución. 21 Eu fixen de ti un plantío de cepa escollida, todo el de patrón lexítimo, con que dereito te me volviches cepa brava, dexenerada? 22 Se te lavas con lixivia e se multiplicas os teus lavados con xabón, a túa culpa será expiada ante min —é o Señor, o teu Deus, quen fala—. Respostas ás declaracións de inocencia do pobo 23 Como te atreves a dicir: "non estou manchada, non fun tras dos baales"? Olla as túas pegadas polo val, e recoñece o que fixeches, lixeira poldriña de camela que trotea o seu vieiro, 24 burra salvaxe afeita ós ermos, que no seu celo cheira o vento: quen a volverá? Quenquera que a busque non se precisa cansar, atópaa no seu celo. 25 Deixa de andar sen ferraduras, abandona a clareira onde pasas sede. Ti respondes: "Non porfíes! pois quixen sempre os estranxeiros, e ireime tras eles". 26 Como está avergonzado un ladrón cando o sorprenden, así sorprendida hase avergonzar a casa de Israel, ela e mais os seus reis e os seus príncipes, os seus sacerdotes e mais os seus profetas. 27 Eles son os que lle din a un anaco de madeira: "ti es o meu pai", e a unha pedra: "ti es a que me pariu". Eles vólvenme as costas, e non dan a cara. Pero cando lles veña a desgraza, aparecerán ante min a dicir: "Ei, Señor, sálvanos!" 28 E logo onde están os teus deuses, os que para ti fixeches? Que eles esperten, se te poden salvar na hora da túa calamidade! Olla, Xudá: o número das túas cidades é o mesmo có número dos teus deuses. 29 Por que preiteaches comigo, se todos vos rebelastes contra min? —é o Señor quen fala—. 30 Estou castigando os vosos fillos en van: non aprenden; a vosa propia espada devorou os vosos profetas Vede que un león devorador vos anda arredor! 31 Tede coidado coa palabra do Señor. Por acaso volvinme eu para Israel un ermo, ou unha terra escurísima? Por que entón di o meu pobo: "queremos ser libres, non volveremos máis xunto a ti"? 32 Acaso esquece a rapaza os seus enfeites, e a esposa os seus lazos? Pero o meu pobo esqueceuse de min, desde tempo sen conto. 33 Que ben coñeces o teu camiño para procurar o amor! Para faceres o mal aprendiches ben os teus vieiros! 34 Nas túas mans sangue, a vida dos pobres inocentes; non o sangue dos que son sorprendidos furando nas paredes senón o que saíu de todos estes. 35 Ti respondes: "pois eu son inocente, e a ira de Deus apartouse de min". Repara: eu estou litigando contigo, por iso que dis: "non pequei"; 36 pois como te apartas desde tan antigo, como cambiar o teu vieiro! Avergonzaraste de Exipto, como estás avergonzada de Asiria: 37 A berros sairás entón un cento de veces coas mans na cabeza. O Señor rexeitou os que che eran de confianza: non terás sorte con eles. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)