Xeremías 19 - Biblia SEPTXeremías, cunha ola na man, vai denunciar o culto idolátrico ó Val de Ben Hinnom 1 O Señor falou deste xeito: —Vai, mércalle unha ola a un oleiro, e toma contigo algún dos vellos do pobo e algún dos vellos sacerdotes. 2 Logo saes para o Val de Ben Hinnom, que está onda a porta das Telleiras, e pregoa alí as palabras que eu che direi. 3 Dilles: Escoitade a palabra do Señor, reis de Xudá e veciños de Xerusalén! Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: "Velaquí que eu estou a traer contra este lugar unha tal desgraza que a quen a oia retumbaranlle os oídos, 4 xa que me abandonaron a min e volveron estraño este lugar, queimando nel sacrificios a deuses alleos, que nin coñeceron eles nin seus pais nin os reis de Xudá, enchendo este lugar de sangue de inocentes. 5 Construíron o santuario a Baal para queimar no lume os seus propios fillos en holocausto a Baal, cousa que nin eu lles mandei nin lles dixen nin se me pasou pola cabeza. 6 Por isto, velaquí veñen os días —é o Señor quen fala— nos que xa non se chamará este lugar o Tófet nin o Val de Ben Hinnom, senón o Val da Morte. 7 Frustrarei neste lugar o plan de Xudá e de Xerusalén, e fareinos caer coa espada diante dos seus inimigos e nas mans dos que axexan a súa vida; dareinos de comida ós paxaros do ceo e ós bechos da terra. 8 Converterei esta cidade nunha desolación e nun noxo, todo o que a atravese quedará pasmado, sentirá noxo pola aldraxe da súa devastación. 9 Si, farei que eles coman a carne dos fillos, e a carne das fillas, e cada un comerá a carne do seu compañeiro, por mor do cerco e da estreiteza con que os oprimirán os seus inimigos, e os que buscan a súa morte". Xeremías rompe a ola: anuncio de castigo para Xerusalén 10 Logo esnaquiza a ola na presenza dos homes que te seguen, 11 e dilles: así fala o Señor dos Exércitos: "Deste xeito hei de esnaquizar este pobo e esta cidade, o mesmo que se esnaquiza o cacharro do oleiro, que non se pode recompoñer. Han enterrar en Tófet por falta de sepultura para enterrar. 12 Do mesmo xeito lles hei facer a esta cidade e ós seus veciños, hei facer desta cidade coma un Tófet. 13 As casas de Xerusalén e mais os palacios dos reis de Xudá serán coma o Tófet; inmundas están todas as casas, onde queimaron incenso nas terrazas a toda a milicia celeste, e onde verteron libacións a deuses alleos". Xeremías leva unha tunda: anuncio do exilio de Babilonia 14 Volveu Xeremías do Tófet, a onde o mandou o Señor a profetizar, e parou no adro do templo do Señor a dicirlle a todo o pobo: 15 —Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: "Ollade que eu estou facendo vir contra esta cidade e as súas vilas toda a calamidade que contra ela anunciei, porque endureceron as súas testas para non facer caso das miñas palabras". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)