Xeremías 17 - Biblia SEPTO pecado de Xudá é xa vello, pero será castigado co desterro 1 O pecado de Xudá está escrito cun punteiro de ferro, cunha punta de diamante está ben gravado na táboa do seu corazón, e nos cornos dos vosos altares. 2 Os fillos lembraranse dos seus altares e das súas estelas, seguirán correndo polo agro onda as árbores frondosas, onda os altos outeiros. 3 As túas riquezas e todos os teus tesouros entregareinos ó saqueo; polo teu pecar, sairás dos teus altos e dos teus lindeiros; 4 e pola túa propia culpa, sairás da túa herdanza, a que eu che dei. Fareite servo dos teus inimigos, nun país que non coñecías, pois o lume acéndese na miña cara, e arde para sempre. TEXTOS SAPIENCIAIS I. A confianza no home e a confianza en Deus 5 Así fala o Señor: —Maldito o home que confía no home: pon a súa forza na carne, e retira do Señor o seu corazón. 6 Será coma un cardo no ermo, non verá vir a fartura; habitará nas pedras do deserto, terra salobre e inhabitable. 7 Bendito o home que confía en Deus: a súa esperanza é o Señor. 8 Será coma unha árbore transplantada xunto á auga, que bota as súas raíces para o regueiro; non notará cando veña a seca, e a súa follaxe estará frondosa; nos anos de seca non terá preocupacións, pois non deixará de dar froito. II. Soamente Deus coñece as intencións e os sentimentos 9 O máis persoal e propio de todo é o corazón; é o máis íntimo: quen o coñecerá? 10 Eu, o Señor, son quen escruto as intencións, quen examina os sentimentos, para lle dar a cada un conforme o seu comportamento, conforme o froito das súas obras. III. As riquezas inxustas abandonarán o home 11 O macho da perdiz choca o ovo que non puxo, o mesmo é quen xunta riquezas, pero non con xustiza; á metade da súa vida abandónano, e ó final queda coma un parvo. O Señor é a única fonte de esperanza 12 O trono da gloria é a montaña primordial, o sitio do noso santuario. 13 Ti, Señor, es a esperanza de Israel: todos os que te abandonan, hanse avergonzar; a min foime dito que todos estes se han escribir debaixo da terra, porque deixaron a fonte das augas da vida: o Señor. Oración de súplica e imprecación 14 Sándame, Señor, e quedarei san, sálvame e quedarei salvo: para ti é a miña loanza. 15 Velaquí que eles me están a dicir: Onde está a palabra do Señor? Que se cumpra! 16 Pero eu, si, apureime a correr tras de ti por mor da desgraza, eu desexei para min días tranquilos. Ti sábelo ben: a manifestación dos meus labios está ante a túa cara. 17 Non me deas un susto, ti, o meu amparo no día da desgraza. 18 Que se avergoncen os que me perseguen, e non me avergonce eu, que se espavorezan eles e non me espavoreza eu. Fai que veña contra eles o día da desgraza, quebrántaos con dobre quebranto. Gardar o descanso sabático é condición para a salvación de Xudá 19 O Señor faloume deste xeito: —Vai e ponte na porta dos Fillos do pobo, por onde entran e saen os reis de Xudá, e en todas as portas de Xerusalén. 20 Dilles: Escoitade a palabra do Señor, reis de Xudá, todo Xudá, e todos os habitantes de Xerusalén que entrades por estas portas. 21 Así fala o Señor: Pola vosa vida, gardádevos de levar cargas no sábado e de metelas polas portas de Xerusalén. 22 Non saquedes cargas das vosas casas o sábado, nin fagades ningún traballo; máis ben santificade o día do sábado conforme lles mandei ós vosos pais. 23 Pero non escoitaron nin prestaron atención, senón que endureceron a súa testa, obstináronse na desobediencia e en non aprender. 24 En cambio se me facedes caso —é o Señor quen fala—, non metendo cargas polas portas desta cidade no sábado, e santificando o sábado sen facer durante el ningún traballo, 25 entón entrarán polas portas desta cidade os reis e príncipes, que sentan no trono de David, montados en carros e cabalos, acompañados dos seus oficiais, e mais a xente de Xudá e os habitantes de Xerusalén; e esta cidade durará para sempre. 26 Virán das cidades de Xudá e dos arredores de Xerusalén, da terra de Benxamín, da Xefelah, da Montaña e do Négueb, traendo holocaustos, sacrificios, ofrendas e incenso, e eles serán os que ofrezan a acción de grazas no templo do Señor. 27 Pero se non me facedes caso nisto de santificar o sábado e de non levar cargas e metelas polas portas de Xerusalén en sábado, entón prendereilles lume ás portas de Xerusalén, lume que consumirá os seus palacios e non se apagará. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)