Xeremías 14 - Biblia SEPTA gran seca 1 Palabras do Señor que lle viñeron a Xeremías acerca do asunto da seca: Súplica de lamentación colectiva 2 Xudá morre de sede, os gardas das súas portas están esmorecidos, viven entre escuridades no país, soben os clamores de Xerusalén. 3 Os máis grandes de entre eles mandan ós seus rapaces por auga, van ata os pozos, non atopan auga, traen de volta as súas olas baleiras, están avergonzados e confundidos, pola burla cobren a cabeza. 4 Cando se atravesan as terras, estas son algo terrible, pois non hai chuvia no país. Están avergonzados os labregos que labraron, cobren a cabeza. 5 Velaquí que tamén a corza pariu na camposa e deixou abandonada a súa cría, pois non hai herba verde. 6 Os burros do monte páranse nos altos, ventan o aire coma os chacais, teñen os ollos cansos, pois non hai herba verde. 7 As nosas iniquidades falan contra nós; Señor, actúa por mor do teu Nome; certo que son moitas as nosas perversidades, ofendémoste a ti, 8 Esperanza de Israel, Saúde no momento da angustia. Por que es ti coma un forasteiro no país, coma o que vai de viaxe e se aparta do camiño para pasar a noite? 9 Por que es coma un que se retira, coma un soldado que non é capaz de salvar? Pero ti, Señor, estás entre nós, e o teu Nome invócase sobre nós, non nos abandones. Resposta divina para o pobo 10 O Señor respóndelle así a este pobo: —Ben que lles gustou ir en romaría, non lles aforraron traballos ás pernas! Pero o Señor non os ollou con amor. Agora acórdase das súas iniquidades, pídelles contas dos seus pecados. 11 E o Señor díxome a min: —Non intercedas por este pobo para o seu ben, Resposta divina ó profeta 12 Aínda que xaxúen, non serei eu quen escoite a súa clamorosa súplica; aínda que ofrezan holocaustos e ofrendas, non serei eu quen se lles mostre favorable, senón que acabarei con eles pola espada, a fame e a peste. 13 E eu repuxen: —Ai, meu Señor Iavé! Velaquí o que lles anuncian os profetas: Non habedes ver a espada, nin pasaredes fame, é a paz o que vos hei dar neste lugar santo. Consulta de Xeremías acerca da mensaxe dos falsos profetas 14 Volveume dicir o Señor: —É mentira o que os profetas profetizan no meu Nome: Eu nin os mandei, nin lles dei ordes, nin lles falei; o que eles lles profetizan son falsas visións e adiviñanzas, ouveos e pantasmas da súa mente. Resposta divina contra os falsos profetas e o pobo 15 Por isto, así fala o Señor Altísimo: —Os profetas que profetizan no meu Nome, sen que eu os teña mandado, os que din: "nin espada nin fame haberá neste país", eses profetas pola espada e pola fame acabarán. 16 E o pobo ó que eles profetizan, xacerá pisado nas rúas de Xerusalén, por causa da fame e da espada, e non terán quen lles dea sepultura a eles, ás súas mulleres, ós seus fillos e ás súas fillas; deste xeito farei vir sobre eles a súa ruindade. Nova súplica de lamentación colectiva 17 Proclámalles este oráculo: —Os meus ollos chorrean bágoas, de día e de noite moito choran! pois a Mociña, a filla do meu pobo, arruinouse cun enorme desastre, está completamente deshonrada cunha grande ferida. 18 Saio ó campo e velaquí: asasinados a espada; entro na cidade e velaquí: esmorecidos coa fame. Olla para o sacerdote e para o profeta: andan á deriva polo país e nin conta se dan. 19 Refugaches definitivamente a Xudá? Tes noxo de Sión? Por que nos feriches e non hai remedio para nós? Por que se está á espera da paz, e non hai cousa boa, e no momento do remedio se presenta o terror? 20 Señor, recoñecemos a nosa impiedade, a iniquidade dos nosos devanceiros, pois temos pecado contra ti. 21 Por mor do teu Nome, non rexeites, non trates a golpes o trono da túa gloria; fai memoria e non rompas a túa alianza connosco. 22 Acaso hai entre os deuses inútiles dos pagáns algún que poida dar a chuvia? Acaso é o ceo quen dá as chuvias benfeitoras? Acaso non es ti, o Señor, noso Deus? En ti poñemos a nosa esperanza, pois ti sempre nos deches todo isto. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)