Xeremías 12 - Biblia SEPT2. Cuestións do profeta sobre o éxito dos malvados 1 Señor, se eu che poño preito, ti tes sempre razón, pero quero expoñerche unhas cuestións: Por que ten éxito o comportamento dos malvados? Por que viven tranquilos todos os traidores? 2 Ti plántalos, e eles botan raíces, medran e dan froitos; ti estás preto dos seus labios, pero lonxe dos seus sentimentos. 3 En troques, ti coñécesme ben, estasme vendo, ti pescudas a miña actitude contigo. Ponos á parte coma cordeiros para a matanza. Sepáraos para o día da desfeita. 4 Cánto tempo aínda estará en tristura a cidade e as herbiñas de todos os campos requeimados? Pola ruindade dos seus habitantes a cidade está privada de gando e de paxaros, pois din: o Señor non pode ver a nosa fin. 5 Se correndo cos soldados de infantería, eles véncente, como vas competir cos de cabalería? Se nunha cidade tranquila vives confiado, como te comportarías no alto do Xordán? 6 Pois velaquí a razón: o teu irmán e mais a familia do teu pai traizóante abertamente, a gritos chaman tras ti, si, a gritos. Non te fíes deles, aínda que che dean boas palabras. Resposta a "canto tempo aínda?" 7 Abandonei a miña casa, deixei a miña herdanza, entreguei o amor da miña vida na man dos seus inimigos. 8 A miña herdanza volveuse para min coma unha leoa na selva, que lanza contra min o seu brado, por isto renego dela. 9 A miña herdanza volveuse para min un paxaro pinto, outros paxaros andan arredor contra ela: Vinde, xuntádevos todas as feras do monte, traede a alguén que devore. 10 Moitos pastores arruinaron a miña viña, triparon a miña parte, converteron a parte dos meus amores nun ermo estragado; 11 fixérona un estrago lamentable; contra min é o estrago. Todo o país está estragado, ninguén o ten en consideración. 12 Por todos os outeiros do deserto viñeron os saqueadores: pois a espada de Deus devora dunha punta á outra do país, non hai paz para ningún dos vivos. 13 Sementaron trigo e recolleron cardos, cansaron e non sacan proveito, avergónzanse da colleita: amoreouse o furor da ira do Señor. A promesa salvífica para Israel segue en pé se ten fe no Señor 14 Así fala o Señor Altísimo: —En canto ós ruíns, veciños que atacaron a miña herdanza, a que eu lle dei ó meu pobo Israel. eu mesmo os arrincarei das súas terras, e á casa de Israel arrincareina do medio deles, 15 e despois de arrincalos, volverei a compadecerme deles e farei volver a cada un á súa herdanza e á súa terra. 16 E sucederá que se aprenden ben a se comportar coma o meu pobo, xurando polo meu Nome, vive o Señor!, igual que eles lle ensinaron ó meu pobo a xurar por Baal, entón serán constituídos en pobo meu. 17 Pero se non fan caso hei de arrincar e destruír este pobo —é o Señor quen fala—. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)