Xeremías 10 - Biblia SEPT1 Escoitade as palabras que vos di o Señor, casa de Israel: 2 Así fala o Señor; Non aprendades o comportamento dos xentís, non lles teñades medo ós sinais do ceo; os xentís si que lles teñen medo. 3 A relixión dos xentís: que cousa baleira! Cortan unha árbore na bouza, trabállana con gubia as mans dun artista, 4 Adórnana con prata e con ouro, asegúrana con cravos e martelo, para que non se mova. 5 Fan abominacións na súa presenza, pero eses deuses non responden co castigo; levántanos, pero non camiñan; non lles teñades medo, porque non fan mal, e tampouco nada lles fai ben. 6 O seu aniquilador es ti, Señor, ti es grande, e grande é o teu Nome. Polo teu poder 7 quen non te respectará a ti, Rei dos xentís? Que ben che acae o teu poder! Entre os sabios dos xentís e entre todos os reis, que aniquilador hai coma ti? 8 Son todos necios e aparvados; insensatos ós que congrega unha madeira. 9 Traen follas de prata de Tárxix, e ouro de Ofir traballo de artistas, mans de fundidor, vestidos de púrpura violeta e púrpura vermella, todos eles obra de expertos. 10 En troques, Iavé é o Deus da firmeza, El é o Deus da vida eterna, o Rei eterno; coa súa ira estremécese a terra, os pobos non son capaces de aguantar o seu noxo. 11 Por iso habédeslles dicir: "Os deuses que non fixeron o ceo nin a terra desaparecerán da terra e de debaixo do ceo". 12 Fixo a terra co seu poder, fixo existir os campos coa súa sabedoría, e coa súa intelixencia estendeu o ceo. 13 Dá el un berro, e retumban as augas no ceo, fai subir as nubes desde o cabo da terra, fai que os lóstregos se volvan chuvia e fai saír das súas arcas o vento. 14 Queda abraiado todo home polo que está vendo, todo fundidor se avergonza dos seus ídolos, pois as súas imaxes son mentira, non teñen espírito en si, 15 son unha cousa va, produto dunha burla, perecerán o día que se lles pidan contas. 16 Non é coma elas o Deus que lle tocou a Xacob, pois El é o creador de todo: Israel é a tribo da súa herdanza. O seu nome é Señor dos Exércitos. Lamentación e oración no momento do asedio 17 Xunta xente na cidade humillada, pois vivirás no asedio. 18 Así fala o Señor: —Velaquí que esta vez tirareilles pedras ós habitantes da cidade, farei que os cerquen ata que os collan. 19 Ai de min! Quebranto é a miña paga, a ferida é a miña herdanza. Mais dixen para min: coidarei a ferida, soportareina. 20 A miña tenda está destruída, todas as súas cordas están arrincadas, os meus fillos escaparon de min, e xa non existen; non hai quen estenda de novo a miña tenda, quen erga as miñas lonas. 21 —Velaquí os pastores: están parvos, xa non buscan a Deus, por isto non dan tino, e todo o seu rabaño anda disperso. 22 Velaquí: está chegando o ruído que oístes, o grande boureo desde o país do Norte, para converter en desolación as cidades de Xudá, en escondedoiro de serpentes. 23 Xa sei, Señor, que o home non é dono do seu camiñar, e que ninguén é capaz de marchar e asegurar os seus pasos. 24 Corríxeme, Señor, pero con xeito, non con ira; se non, vólvesme á nada. 25 Desafoga a túa ira contra os pobos que non te recoñecen, contra as tribos que non invocan o teu Nome; pois quixeron devorar a Xacob, devoralo e facelo desaparecer, e esnaquizaron os seus lares. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)