Xeremías 1 - Biblia SEPTTítulo 1 Historia de Xeremías, fillo de Hilquías, que pertencía ós sacerdotes que había en Anatot, na bisbarra de Benxamín, 2 A quen lle veu a palabra de Deus desde o tempo de Ioxías fillo de Amón, rei de Xudá, desde o ano trece do seu reinado, 3 e continuou desde o tempo de Ioaquim, fillo de Ioxías, rei de Xudá, ata acabar ós once anos do reinado de Sedecías, fillo de Ioxías, en Xudá, e ata o quinto mes do desterro de Xerusalén. I. ORÁCULOS CONTRA XUDÁ Vocación do profeta 4 A palabra do Señor veume dicir: 5 —Antes de que te sacara do seo da túa nai, mireite; antes de lle saíres das entrañas, consagreite; constituínte profeta para as nacións. 6 Entón eu díxenlle: —Ai, meu Señor, Deus! Repara en que non sei falar, que son un rapaz. 7 Logo o Señor respondeume: —Non digas: "son un rapaz", pois a onde eu te mande, irás; o que eu che ordene, dirás. 8 Non lles teñas medo, Eu estou contigo para te salvar —é o Señor quen fala—. 9 Alongou o Señor a súa man e tocou con ela na miña boca; logo díxome: —Fíxate: poño a miña palabra na túa boca, 10 mira que hoxe te fago inspector sobre as nacións e sobre os reinos, para arrincar e derrubar, para destruír e arruinar, para construír e plantar. 11 A palabra do Señor veume de novo: —Que estás a ollar, ti, Xeremías? Repuxen: —Unha vara de amendoeira é o que estou ollando. 12 Volveume dicir o Señor: —Viches ben: eu estou alerta coa miña palabra para a cumprir. 13 Volveume de segundas a palabra do Señor: —Que estás a ollar? Repuxen: —Vexo un pote co lume atizado, coa boca do tiro cara ó norte. 14 Díxome o Señor: —Do norte atizarase a calamidade, sobre todos os habitantes do país. 15 Velaquí, estou para chamar a todas as dinastías do norte —é o Señor quen fala—: Virán, e cada unha afincará o trono e abrirá as portas de Xerusalén no círculo de todos os seus muros, en todas as cidades de Xudá. 16 Dictarei por medio deles as miñas sentencias por causa da maldade dos que me abandonaron, dos que adoraron a outros deuses, dos que se prostraron ante as obras das súas mans. 17 Pero ti has cinguir o teu van has erguerte e dicirlles todo o que eu che mande. Non te acovardes por medo deles, non sexa que eu te faga esmorecer diante deles. 18 Fíxate: hoxe convértote en cidade cortada a pico, en columna de ferro, en muralla de bronce, para todo o país, para os reis de Xudá e para os seus príncipes, para os seus sacerdotes e para a xente do campo. 19 Faranche guerra, pero non poderán contigo, pois contigo estou eu para te salvar é o Señor quen fala. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)