Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 9 - Biblia SEPT


Alianza de Deus con Noé

1 Deus bendiciu a Noé e ós seus fillos: —"Crecede, reproducídevos e enchede a terra.

2 Que vos teñan respecto e medo os animais todos da terra e os paxaros do ceo. No voso poder están os réptiles todos da terra e os peixes do mar.

3 Todo o que vive e se move serviravos para mantenza. Dóuvolo todo, como vos dei os vexetais.

4 Mais non comeredes carne coa súa vida, quere dicir, co seu sangue.

5 Tamén da vosa vida —do voso sangue— pedirei eu as contas. Pedireillas a todo home da vida do seu irmán.

6 Quen mate un home, pola man de home morrerá, pois Deus fixo os homes conforme a súa imaxe.

7 Reproducídevos, crecede, espalládevos pola terra e sometédea".

8 Deus díxolle aínda a Noé e mais a seus fillos:

9 —"Vou establecer a miña alianza convosco e cos vosos descendentes,

10 con todos os animais que están convosco, os paxaros, os gandos e as feras todas do monte, cantos saíron da arca e agora viven na terra.

11 Fago convosco esta alianza: Endexamais será outra vez destruída vida ningunha polas augas do diluvio; non haberá outro diluvio que estrague a terra".

12 E Deus engadiu: —"Este será o sinal da alianza que eu fago convosco e con todos os seres vivos que vos fan compaña, para todos os tempos:

13 Poño o meu arco nas nubes, sinal da miña alianza entre min e a terra.

14 Cando amoree nubes sobre a terra e apareza o arco nelas,

15 lembrarei a miña alianza convosco e con todos os seres vivos, e non haberá máis augas de diluvio que destrúan a vida.

16 Aparecerá o arco nas nubes e, ó velo, lembrarei a alianza perpetua entre Deus e todos os seres vivos".

17 Deus aclaroulle a Noé: —"Este é o sinal da alianza que establezo entre min e canto ten vida na terra".


Os fillos de Noé

18 Os fillos de Noé que saíron da arca eran Sem, Cam e Iafet. Cam era pai de Canaán.

19 Eses tres eran os fillos de Noé, e con eles repoboouse a terra toda.

20 Noé fíxose labrador e plantou unha viña.

21 Bebeu viño, embebedouse e botouse espido na súa tenda.

22 En vendo Cam, pai de Canaán, a seu pai espido, saíu a contárllelo ós outros dous irmáns.

23 Sem e Iafet colleron un mantelo, puxérono ós ombreiros e, camiñando de costas, cubriron as partes de seu pai. Como miraban cara a atrás, non o viron espido.

24 Cando espertou Noé da bebedela e soubo o que lle fixera o fillo máis novo, dixo:

25 —"Maldito Canaán! Sexa para seus irmáns o derradeiro dos escravos".

26 E engadiu: —"Bendito o Señor, Deus de Sem, e que Canaán sexa o seu escravo.

27 Estenda Deus a Iafet para que more nas tendas de Sem, e que Canaán sexa o seu escravo".

28 Noé viviu, despois do diluvio, trescentos cincuenta anos.

29 Por xunto viviu Noé novecentos cincuenta anos, e logo morreu.

Lean sinn:



Sanasan