Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 7 - Biblia SEPT


O diluvio

1 O Señor díxolle a Noé: —"Entra na arca con toda a túa familia, pois teño visto que ti es o home xusto desta xeración.

2 De todo animal puro colle sete parellas, macho e femia; dos non puros, unha parella, macho e femia;

3 dos paxaros, tamén sete parellas, macho e femia, para que se garde viva a especie na terra.

4 Dentro de sete días farei chover sobre a terra corenta días seguidos, coas súas noites, e varrerei da face da terra os seres todos que creei".

5 Noé fixo todo conforme lle mandara o Señor.

6 Tiña seiscentos anos cando veu o diluvio sobre a terra.

7 Para se salvar del, entrou na arca cos seus fillos, coa súa muller e coas súas noras.

8 Con Noé entraron na arca animais puros e impuros, paxaros e todas as especies de réptiles que hai na terra, por

9 parellas, macho e femia, conforme Deus lle mandara.

10 O cabo de sete días as augas do diluvio alagaban a terra.

11 Noé tiña seiscentos anos, e era o día dezasete do segundo mes, cando se espalancaron as fontes do abismo, en riba do firmamento, e se abriron as comportas do ceo.

12 Choveu sobre a terra corenta días coas súas noites.

13 Nese mesmo día entrou Noé na arca cos seus fillos, Sem, Cam e Iafet, coa súa muller e coas tres noras.

14 Ademais deles entraron animais de todas as especies, gandos, réptiles, aves, paxaros.

15 Con Noé entraron na arca parellas de todos os seres con vida,

16 macho e femia de cada especie, conforme Deus lle mandara. Despois o Señor pechou por fóra.

17 Durante corenta días caeu un diluvio sobre a terra. As augas, ó encheren, erguían a arca sobre o chan.

18 Chegaron a medrar tanto, que a arca aboiaba por riba delas.

19 Subiron máis e máis sobre a terra, ata cubrir las máis altas montañas que hai debaixo do ceo.

20 Cubríanas a feito, rebordando por riba delas quince cóbados.

21 Todas as criaturas vivas que se moven na terra pereceron: paxaros, gandos, feras, réptiles e os mesmos homes.

22 Morreu canto tiña alento de vida polo nariz, todo o que hai na terra.

23 Foron exterminados todos os seres vivos, desde os homes ós gandos, desde os réptiles ós paxaros; todo foi borrado da terra. Quedaron soamente Noé e os que estaban con el na arca.

24 A auga dominou sobre a terra por cento cincuenta días.

Lean sinn:



Sanasan