Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 6 - Biblia SEPT


A corrupción xeral

1 A humanidade creceu, estendeuse pola terra e nacéronlle fillas.

2 En vendo os fillos de Deus que as fillas dos homes eran belas, tomaron de entre elas mulleres, como ben lles parecía.

3 Entón dixo o Señor: —"O meu alento de vida non permanecerá cos homes para sempre, pois non son máis ca carne. A súa vida non durará máis de cento vinte anos".

4 Cando os fillos de Deus se achegaban ás fillas dos homes e tiñan fillos delas, e aínda despois, existían na terra os xigantes. Son os nomeados heroes doutros tempos.

5 O ver o Señor que a maldade dos homes medraba na terra e que todos os seus pensamentos eran só para o mal,

6 Arrepentiuse de os ter posto sobre a terra, pesoulle no corazón.

7 E decidiu: —"Vou borrar da terra o home que creei, e con el tamén o gando, as feras e os paxaros, pois mesmo sinto telos feito".

8 Pero Noé achou o favor do Señor.


Noé

9 Esta é a historia de Noé. Noé era un home xusto, enteiro, entre as xentes do seu tempo. Seguía os camiños de Deus.

10 Tiña tres fillos, Sem, Cam e Iafet.

11 Ora que a terra estaba toda enviciada ós ollos de Deus, chea de violencia.

12 Deus ollou para a corrupción na que toda a terra caera, pola conduta dos homes,

13 e díxolle a Noé: —"Para min chegou a fin de todos os seres vivos, pois por culpa deles está a terra chea de crimes. Vounos exterminar todos con ela.

14 Ti constrúe unha arca de madeira resinosa. Fai nela celas e calafatéaa con betume por dentro e por fóra.

15 Farala deste xeito: o longo de trescentos cóbados, o ancho de cincuenta, a altura de trinta.

16 Poraslle unha cuberta; un cóbado debaixo dela deixaraslle unha bufarra e por un lado unha porta; levará tres pisos superpostos: o baixo, o medio e o alto.

17 Eu vou mandar un diluvio —as augas— sobre a terra, para acabar coa vida toda de debaixo do ceo: perecerá canto hai na terra.

18 Pero contigo establezo unha alianza. Ti entra na arca cos teus fillos, coa túa muller e coas mulleres de teus fillos.

19 Meterás tamén nela, para que salven a vida, unha parella de animais, macho e femia, de todas as especies,

20 paxaros, animais domésticos, réptiles, conforme as súas especies respectivas.

21 Terás que te prover de alimentos e os gardar contigo, para que vos sirvan de mantenza a ti e mais a eles".

22 Noé fixo todo conforme Deus lle mandara.

Lean sinn:



Sanasan