Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 50 - Biblia SEPT


Enterro de Xacob

1 Xosé botouse enriba da cama de seu pai e, chorando, bicouno.

2 Despois mandou ós médicos seus, servidores que embalsamasen a seu pai, e os médicos embalsamaron a Israel.

3 O cumprírense os corenta días que leva o embalsamamento, os exipcios fixeron loito por Xacob setenta días.

4 Pasados os días do pranto, Xosé falou así ós servidores do faraón: —"Se merezo o voso favor, facede chegar a oídos do faraón

5 que meu pai me fixo xurar que, cando morrese, o enterraría na sepultura que se fixo en Canaán: Agora déixame ir, enterrarei a meu pai e volverei".

6 O faraón respondeulle: —"Vai enterrar a teu pai, conforme lle xuraches".

7 Xosé subiu de alí para enterrar a seu pai. Acompañábano os ministros do faraón, os anciáns da súa corte, os nobres do país,

8 A familia toda de Xosé, seus irmáns, a servidume de seu pai. Soamente deixaron en Goxén os nenos, os rabaños e os gandos.

9 Ian tamén con eles carros e cabaleiros, de xeito que o acompañamento era moi grande.

10 Chegados á eira de Atad, do outro lado do Xordán, fixeron un pranto grande e solemne. Xosé fixo por seu pai un funeral de sete días.

11 O veren os cananeos o funeral na eira de Atad, dicían: —"Grande loito é este para os exipcios". Por iso chamóuselle a aquel sitio Pranto de Exipto. Está do outro lado do Xordán.

12 Os fillos de Xacob fixeron conforme el lles mandara.

13 Levárono a Canaán e enterrárono na cova de Macpelah, no eido que Abraham comprara a Efrón o hitita, de fronte a Mambré, para propiedade sepulcral.

14 Despois que enterraron a seu pai, Xosé volveu para Exipto, xunto con seus irmáns e todo o acompañamento fúnebre.


Comportamento de Xosé con seus irmáns

15 Despois da morte de seu pai, os irmáns de Xosé pensaron: —"A ver se Xosé nos garda rancor, e nos paga agora o moito mal que lle fixemos".

16 E mandaron dicirlle: —"O teu pai ordenounos, antes de morrer:

17 Dicídelle isto a Xosé: Perdóalles a teus irmáns o seu crime e o seu pecado, cando te trataron mal. Perdoa agora a culpa dos servos do Deus de teu pai". Cando oíu o que falaban, Xosé botou a chorar.

18 Os irmáns fóronse prostrar diante del para lle dicir: —"Somos escravos teus".

19 Xosé díxolles: —"Non teñades medo. Estou eu no lugar de Deus?

20 Vós pensastes facerme mal, pero Deus trocouno en ben, para conseguir o que hoxe vemos: facer vivir un grande pobo.

21 Agora non teñades medo. Eu mantereivos a vós e a vosos fillos". Xosé consolou a seus irmáns e faloulles ó corazón.


Morte de Xosé

22 Xosé viviu en Exipto con toda a familia de seu pai. Cumpriu cento dez anos.

23 Chegou a ver os fillos de Efraím ata a terceira xeración. Tamén a Maquir, fillo de Menaxés, lle naceron fillos nos xeonllos de Xosé.

24 Xosé díxolles a seus irmáns: —"Eu estou para morrer. Deus coidará de vós e sacaravos desta terra, para a terra que prometeu con xuramento a Abraham, a Isaac e a Xacob".

25 Xosé fixo xurar ós fillos de Israel: —"Cando veña Deus vervos, levaredes convosco os meus ósos".

26 Xosé morreu ós cento dez anos. Embalsamárono en Exipto e metérono nun sarcófago.

Lean sinn:



Sanasan