Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 5 - Biblia SEPT


Patriarcas antediluvianos

1 Xenealoxía da humanidade. Cando Deus creou o home, fíxoo á súa imaxe.

2 Creounos home e muller, e bendiciunos. O crealos, chamounos homes.

3 Adam tiña cento trinta anos cando xerou un fillo, imaxe súa e semellante a el. Púxolle o nome de Xet.

4 Adam viviu aínda oitocentos anos, e tivo outros fillos e fillas.

5 Por xunto viviu Adam novecentos trinta anos, e logo morreu.

6 Xet tiña cento cinco anos cando lle naceu Enox.

7 Despois viviu oitocentos sete anos e tivo outros fillos e fillas.

8 Por xunto viviu Xet novecentos doce anos, e logo morreu.

9 Enox tiña noventa anos cando lle naceu Quenán.

10 Viviu aínda oitocentos quince anos, e tivo outros fillos e fillas.

11 Por xunto viviu novecentos cinco anos, e logo morreu.

12 Quenán tiña setenta anos cando lle naceu Mahalalel.

13 Despois viviu oitocentos corenta anos, e tivo outros fillos e fillas.

14 Por xunto viviu novecentos dez anos, e logo morreu.

15 Mahalalel tiña sesenta e cinco anos cando lle naceu Iared.

16 Viviu aínda oitocentos trinta anos, e tivo outros fillos e fillas.

17 Por xunto viviu oitocentos noventa e cinco anos, e logo morreu.

18 Iared tiña cento sesenta e dous anos cando lle naceu Henoc.

19 Despois viviu oitocentos anos, e tivo outros fillos e fillas.

20 Por xunto viviu novecentos sesenta e dous anos, e logo morreu.

21 Henoc tiña sesenta e cinco anos cando lle naceu Metuxalén.

22 Andou o camiño con Deus. Despois de lle nacer Metuxalén viviu aínda trescentos anos, e tivo outros fillos e fillas.

23 Por xunto viviu trescentos sesenta e cinco anos.

24 Andou o camiño con Deus, e logo desapareceu, porque Deus o levou.

25 Metuxalén tiña cento oitenta e sete anos cando lle naceu Lámec.

26 Despois viviu setecentos oitenta e tres anos, e tivo outros fillos e fillas.

27 Por xunto viviu novecentos sesenta e nove anos, e logo morreu.

28 Lámec tiña cento oitenta e dous anos cando lle naceu un fillo.

29 Púxolle o nome de Noé, esperando: Este hanos aliviar dos traballos e angueiras que por culpa da maldición do Señor nos causa a terra.

30 Despois viviu cincocentos noventa e cinco anos, e tivo outros fillos e fillas.

31 Por xunto viviu Lámec setecentos setenta e sete anos, e logo morreu.

32 Noé tiña cincocentos cando lle naceron Sem, Cam e Iafet.

Lean sinn:



Sanasan