Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 49 - Biblia SEPT


Testamento de Xacob

1 Xacob convocou con estas palabras a seus fillos: —"Xuntádevos, e direivos o que vos vai pasar nos tempos que han vir.

2 Reunídevos, e escoitade, fillos de Xacob, escoitade a Israel, voso pai.

3 Rubén, ti es o meu primoxénito, a miña forza, a primicia do meu vigor, primeiro en dignidade, primeiro en poder.

4 Arrogante coma as augas, xa non medras, porque subiches ó leito de teu pai e, ó subires, profanaches o meu tálamo.

5 Simeón e Leví son irmáns que trafican con instrumentos de violencia.

6 Non quero entrar no seu concello, nin ser socio da súa asemblea, pois con asañamento mataron homes, por capricho esgazaron touros.

7 Maldita, por fera, a súa carraxe, a súa cólera, por dura. Dividireinos en Xacob, ciscareinos por Israel.

8 Xudá, a ti loarante teus irmáns, Porás a túa man na cerviz dos teus inimigos, prostraránseche teus irmáns.

9 Xudá é león agachado; sobes de facer presa, meu fillo. Coma león, repousa deitado, coma leoa, quen o fará erguer?

10 Non se afastará o cetro de Xudá nin de entre os seus pés o báculo, ata que chegue o seu dominador e os pobos o obedezan.

11 Amarra o seu burro na vide, o seu burriño no bacelo. Lava en viño o seu manto, no sangue das uvas a súa túnica.

12 Ten os ollos rubios de viño, os dentes brancos de leite.

13 Zebulón asentará na beiramar, está onde fondean os barcos, chega coas ás a Sidón.

14 Isacar é burro rexo, deitado nas súas cortes.

15 Atopou bo o lugar do seu acougo, agasalleira a súa terra, puxo a carga ó lombo, e someteuse ó traballo de escravos.

16 Dan gobernará o seu pobo coma unha das tribos de Israel.

17 Coma cobra no camiño, coma víbora no carreiro, morde o cabalo nas unllas e o cabaleiro cae para atrás.

18 Eu espero, Señor, a túa salvación!

19 Gad é atacado por ladróns, pero el ataca por detrás.

20 Axer ten pan moi substancioso, produce manxares de reis.

21 Naftalí é corzo ceibe, que dá corzos fermosos.

22 Xosé é árbore frutífera onda a fonte, gromo que puxa polo muro.

23 Os arqueiros provócano, combáteno e téntano.

24 O arco del resiste, mentres a eles lles tremen os brazos e as mans, diante do Deus poderoso de Xacob, do pastor e da pedra de Israel.

25 O Deus de teu pai é a túa axuda, o Deus todopoderoso bendí o teu ser con bendicións de arriba, do ceo, con bendicións de abaixo, do abismo, con bendicións de peitos e seo.

26 As bendicións de teu pai son máis abondosas cás das montañas antigas e cás delicias dos outeiros eternos. Veñan sobre a cabeza de Xosé, sobre a testa do elixido dos irmáns.

27 Benxamín é lobo rapineiro: Pola mañá engole a presa, pola tarde reparte os despoxos".

28 Estas son as doce tribos de Israel e isto o que lles dixo seu pai, cando bendiciu a cada unha coa súa propia bendición.

29 Despois deulles estas ordes: —"Eu estou para ir xuntarme co meu pobo. Enterrádeme con meus pais, na cova que está no eido de Efrón o hitita.

30 É a cova de Macpelah, enfronte de Mambré, en Canaán, a mesma que Abraham lle comprara a Efrón o hitita, para sepultura en propiedade.

31 Alí enterraron a Abraham e a Sara, súa muller; alí enterraron a Isaac e a Rebeca, súa muller; e alí enterrei eu a Lea.

32 O eido e mais a cova que hai nel foron comprados ós hititas".

33 En acabando de dar as súas ordes, Xacob encolleu os pés na cama, expirou e foi xuntarse cos seus.

Lean sinn:



Sanasan