Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 48 - Biblia SEPT


Xacob bendí ós fillos de Xosé

1 Pasado algún tempo, dixéronlle a Xosé: —"Teu pai está mal". Entón Xosé tomou consigo a seus dous fillos, Menaxés e Efraím.

2 Déronlle a Xacob a nova: —"Teu fillo Xosé vénte ver". Israel fixo un esforzo e sentouse no leito.

3 E díxolle a Xosé: —"O Deus todopoderoso aparecéuseme en Luz, na terra de Canaán, e bendiciume.

4 Díxome: Eu fareite fecundo, multiplicareite, trocareite nunha asemblea de pobos. Os teus descendentes dareilles esta terra en posesión duradeira.

5 Os dous fillos que che naceron en Exipto, antes de chegar eu onda ti, serán agora meus fillos. Efraím e Menaxés son para min coma Rubén e Simeón.

6 Os fillos que che nazan despois deles serán teus; mais a súa herdade levará o nome dos irmáns.

7 Cando eu viña de Padán, morreume Raquel, en Canaán, no camiño onde está a tumba cerca de Efrátah. E enterreina alí mesmo, no camiño de Efrátah, que é Belén".

8 Reparando Israel nos fillos de Xosé, preguntou: —"E estes quen son?"

9 Xosé respondeulle a seu pai: —"Son meus fillos, os que Deus me deu aquí". Dixo el: —"Tráemos aquí, que os bendiga".

10 Os ollos de Israel, cargados pola vellez, non distinguían. Xosé acercoulle os fillos, e el bicounos e abrazounos.

11 Israel díxolle a Xosé: —"Non contaba con verte, e Deus permitiume verte a ti e ós teus descendentes".

12 Xosé retirou os nenos de entre os xeonllos de seu pai e prostrouse por terra.

13 Despois colleunos ós dous, a Efraím coa súa dereita, á esquerda de Israel, e a Menaxés coa súa esquerda, á dereita de Israel, e achegounos a seu pai.

14 Israel, cruzando os brazos, estendeu a dereita, e púxoa na cabeza de Efraím, o máis novo dos irmáns, e a esquerda na cabeza de Menaxés o primoxénito.

15 E bendiciu a familia de Xosé: —"O Deus ante quen camiñaron meus pais, Abraham e Isaac, o Deus que foi o meu pastor, desde que existo ata hoxe,

16 o anxo que me librou de todo mal, bendiga estes nenos. Que resoe neles o meu nome e o de meus pais, Abraham e Isaac, e que se convertan nun xentío sobre a terra".

17 Percatouse Xosé de que seu pai puña a dereita na cabeza de Efraím, e pareceulle mal. E colleu a man de seu pai para tirala da cabeza de Efraím e levala á de Menaxés,

18 dicindo: —"Así non, meu pai; o primoxénito é este. Pon na súa cabeza a túa dereita".

19 Pero o pai negouse a facelo: —"Xa o sei, meu fillo, xa o sei. Tamén este chegará a ser un pobo; tamén el medrará moito. Pero seu irmán máis novo será máis ca el e os seus descendentes farán moitas nacións".

20 E coa mesma bendiciunos: —"No voso nome felicitarase Israel e dirá: Fágate Deus coma a Efraím e a Menaxés". E puxo a Efraím por diante de Menaxés.

21 Israel díxolle a Xosé: —"Ves que me atopo xa á morte. Deus estará convosco, e levaravos outra vez á terra de vosos pais.

22 A maiores do que lles deixo a teus irmáns, a ti douche unha parte que lles arrebatei ós amorreos coa miña espada e co meu arco".

Lean sinn:



Sanasan