Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 45 - Biblia SEPT


Xosé descóbrese ós irmáns

1 Xosé non puido xa conterse máis diante da súa corte e mandou que saísen todos. Non quedou ninguén con el, cando se deu a coñecer a seus irmáns.

2 Entón Xosé botouse a chorar, de xeito que o oían os exipcios ata o pazo do faraón.

3 Díxolles a seus irmáns: —"Eu son Xosé. Vive aínda meu pai?" Pero os irmáns non lle podían responder, por quedaren estarrecidos diante del.

4 Xosé díxolles: —"Achegádevos aquí". Eles achegáronse. E el repetiu: —"Eu son Xosé, voso irmán, o que vendestes para Exipto.

5 Agora non vos aflixades nin vos pese de me vender, pois para manter vidas mandoume Deus aquí diante de vós.

6 Van dous anos de fame na terra; pero quedan aínda cinco sen sementeira nin colleita.

7 Deus mandoume diante de vós, para asegurarvos a escapada da morte no país e para facervos sobrevivir, con vistas á gran liberación.

8 Polo mesmo non fostes vós os que me mandastes aquí. Foi Deus que fixo de min ser coma un pai para o faraón, dono da súa casa, gobernador da terra toda de Exipto.

9 Volvede onda meu pai e dicídelle que o seu fillo Xosé lle manda dicir isto: Deus fíxome señor de todo o Exipto. Ven sen deterte ó meu lado.

10 Asentarás na terra de Goxén e alí estaredes cerca de min, ti e mais os teus fillos, os teus netos, os teus fatos, os teus gandos e todas as túas posesións.

11 Eu mantereite alí, pois quedan aínda por diante cinco anos de fame, de xeito que non pases miseria ti, nin a túa familia, nin os teus servos.

12 Os vosos ollos e os de meu irmán Benxamín están vendo que son eu mesmo quen vos fala.

13 Contádelle a meu pai do meu poder en Exipto e de todo o que vistes. E traédemo aquí axiña".

14 Abrazando a seu irmán Benxamín, botouse a chorar; Benxamín choraba tamén, abrazado a el.

15 Bicou a todos os irmáns e chorou con eles. E seguiron falando uns cos outros.


O faraón abre a Xacob as portas de Exipto

16 Ata o pazo do faraón correu a voz: —"Viñeron os irmáns de Xosé". E pareceulles ben ó faraón e ós seus ministros.

17 O faraón díxolle a Xosé: —"Manda a teus irmáns que carguen os asnos e vaian a Canaán,

18 que collan a seu pai e as súas familias e que se veñan onda min. Dareilles do mellor que hai en Exipto, e poderán comer do máis prezado da terra.

19 Dilles tamén que leven de aquí carros, para traeren neles os nenos, as mulleres e a seu pai. E que se veñan.

20 Que non lles doia deixar alá cousas, pois o mellor de Exipto é para eles".

21 Os fillos de Israel cumpriron o mandado. Seguindo a orde do faraón, Xosé proveunos de carros e de provisións para a viaxe.

22 A cada un deulle tamén un vestido para se mudar. A Benxamín deulle trescentas moedas de prata e cinco mudas.

23 Para seu pai mandou Xosé dez asnos cargados coas cousas mellores de Exipto, e dez asnos con pan e provisións para a viaxe.

24 O despedilos, díxolles Xosé ós seus irmáns: —"Non rifedes polo camiño".

25 Eles saíron de Exipto e chegaron a Canaán, onda Xacob seu pai.

26 E contáronlle a nova: "Xosé vive aínda, e goberna o Exipto enteiro". Xacob quedou desconcertado, porque non o podía crer.

27 Eles referíronlle todo o que Xosé lles dixera. O ver Xacob os carros que mandaba Xosé para levalo, reviviulle o espírito.

28 E dixo Israel: "Chégame con que o meu fillo Xosé viva. Irei velo, antes de morrer".

Lean sinn:



Sanasan