Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 44 - Biblia SEPT


A copa de Xosé

1 Xosé deulle ó seu mordomo esta orde: —"Ateiga de víveres as sacas, canto poidan levar, e pon o diñeiro de cada un na boca da súa saca.

2 E a miña copa, a de prata, métea na saca do máis novo, xunto co seu diñeiro". E el fixo o que Xosé lle ordenou.

3 O amañecer, os homes foron despedidos e marcharon cos seus asnos.

4 Saíron da cidade e, cando non ían aínda lonxe, mandou Xosé ó xefe da súa casa: —"Vai detrás deses homes e, cando os atrapes, dilles: Por que pagastes mal por ben?

5 Non levades aquí a copa onde bebe o meu señor e da que se serve para adiviñar? O que fixestes está mal".

6 O home atrapounos e repetiulles as palabras.

7 Respondéronlle eles: —"Señor, por que nos falas dese xeito? Lonxe dos teus servos faceren semellante cousa.

8 Viches que o diñeiro que encontramos na boca das nosas sacas, trouxémoscho desde Canaán. Cómo iamos roubar prata nin ouro da casa do teu señor?

9 Aquel dos teus servos a quen se lle atope a copa, será reo de morte, e todos os demais quedaremos como escravos do noso señor".

10 Díxolles el: —"Que sexa deste xeito: Aquel a quen se lle atope a copa será escravo meu; os demais quedaredes libres".

11 Cada un baixou de seguida ó chan a súa saca, e abriuna.

12 El comezou a cachear polo maior e acabou polo máis pequeno. E atopou a copa na saca de Benxamín.

13 Eles esgazaron as vestiduras, cargaron os seus asnos e volveron para a cidade.

14 Xudá e seus irmáns entraron na casa de Xosé que estaba aínda alí, e prostráronse por terra diante del.

15 Xosé díxolles: —"Que feito é ese que fixestes? Non sabiades que un home coma min ten o poder de adiviñar?"

16 Respondeulle Xudá: —"Que poderiamos responder ó noso señor? Con que palabras mostrar a nosa inocencia? Deus mostrou culpables ós teus servos. Recoñecémonos escravos de meu señor, o mesmo nós coma o que tiña a copa no seu poder".

17 Dixo Xosé: —"Lonxe de min facer tal cousa. Aquel que tiña a copa no seu poder quedará por escravo meu. E vós marchade en paz para onda voso pai".


Xudá defende a Benxamín

18 Dirixíndose a Xosé, dixo Xudá: —"Rógoche, meu señor, que lle consintas ó teu servo dicir unha palabra, sen que o meu señor se anoxe. Ti es coma o faraón.

19 O meu señor preguntoulles ós seus servos: Tedes pai ou algún outro irmán?

20 E nós respondémoslle ó meu señor: Temos un pai xa vello e un irmán pequeno, que lle naceu na súa vellez. Un irmán seu, da mesma nai, está xa morto. Agora quedoulle só el, e o pai quéreo moito.

21 Ti dixécheslles entón ós teus servos: Traédemo aquí, para que o vexa cos meus ollos.

22 Nós dixemos ó meu señor: O rapaz non pode deixar só a seu pai, pois se o deixase, morrería.

23 E ti dixécheslles ós teus servos: Se non vén convosco o irmán máis novo, non volveredes ver a miña cara.

24 Nós volvemos para onda teu servo, noso pai, e referímoslle o que nos dixera o meu señor.

25 Cando noso pai nos mandou: Volvede alá e mercade algo que comer,

26 nós respondémoslle: Non podemos ir alá. Iremos, se noso irmán máis pequeno vai connosco; onda non, non poderemos presentarnos diante daquel home.

27 Entón díxonos o teu servo, noso pai: Sabedes que a miña muller me deu dous fillos.

28 Un deles foise de onda min, e penso que foi esnaquizado; ata hoxe non o vin máis.

29 Se agora me levades estoutro e lle pasa unha desgraza, enterraredes un vello, que morre cheo de dor.

30 Se eu volvo agora onda teu servo, meu pai, e non vai connosco o rapaz, téndolle o apego que lle ten,

31 en vendo que el falta, morrerá, e nós enterraremos ó teu servo, noso vello pai, colmado de pesar.

32 Este teu servo respondeu ante seu pai polo rapaz, xurando: Se non che volvo o rapaz, quedarei en culpa diante de meu pai por toda a vida.

33 Agora pídoche que poida este teu servo quedar de escravo do meu señor no posto do rapaz, e que poida el subir con seus irmáns.

34 Como podería eu volver onda meu pai, sen levar o rapaz comigo? Que eu non vexa a meu pai en tan grande aflición!"

Lean sinn:



Sanasan