Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 41 - Biblia SEPT


Os soños do faraón

1 A volta de dous anos, o faraón tivo un soño. Soñou que se atopaba na ribeira do Nilo.

2 Da beira do río subían sete vacas ben feitas e cebadas, e púñanse a pacer xuncos.

3 Detrás delas subían outras sete, feas e ensumidas e parábanse onda as primeiras, á beira do río.

4 As vacas feas e ensumidas devoraban as sete ben feitas e cebadas.

5 Volveu durmir e tivo outro soño: sete espigas saían dun só pé, todas graúdas e boas.

6 Despois delas agromaban outras sete, miúdas e queimadas.

7 As espigas miúdas devoraban as sete graúdas e cheas. E o faraón espertou. Fora todo un soño.

8 Pola mañá, inquedo polo soño, mandou o faraón convocar os adiviños e os sabios de Exipto, e contoulles o seu soño. Mais ninguén sabía interpretarllo.

9 Nisto díxolle o copeiro maior ó faraón: —"Agora recordo a miña culpa.

10 Alporizado connosco, o faraón fixéranos deter a min e mais ó panadeiro maior, na casa do xefe da garda.

11 Unha noite tivemos un soño cada un, cada soño co seu significado.

12 Estaba alí connosco un mozo hebreo, servo do xefe da garda, contámoslle os soños, e el interpretounos, cada un conforme o seu significado.

13 E xustamente como el interpretou, así aconteceu: eu volvín ó meu oficio; ó outro, en troques, colgárono".

14 O faraón mandou chamar a Xosé. Sacárono do alxube, afeitouse, cambiou a roupa e presentouse ó faraón.

15 O faraón díxolle: —"Tiven un soño, e non hai quen o interprete. Oín dicir que ti interpretas un soño en oíndo contalo".

16 Xosé respondeulle ó faraón: —"Eu non; mais Deus ten a resposta, para ben do faraón".

17 O faraón contoulle a Xosé: —"Soñei que me atopaba na ribeira do río.

18 Del subían sete vacas cebadas e ben feitas, e pacían nos xuncos.

19 Despois delas subían outras sete vacas ensumidas, moi feas e tan secas coma endexamais se viran en todo o Exipto.

20 As vacas fracas e ensumidas devoraban as sete cebadas.

21 Mais despois de comelas, non daban mostras de máis fartas; tiñan tan mal aspecto coma antes. E espertei.

22 Volvín soñar, e vin sete espigas saíndo dun so pé, graúdas e boas.

23 Despois delas agromaban outras sete, febles, miúdas e agostadas.

24 As espigas miúdas devoraban as espigas boas. Contéillelo ós meus magos, e ninguén me deu explicación".

25 Xosé díxolle ó faraón: —"Os soños do faraón son todos un. Deus revélalle ó faraón o que está para facer.

26 As sete vacas boas e as sete espigas boas son sete anos. As dúas cousas son un só soño.

27 As sete vacas esgotadas e feas que soben detrás delas, e as sete espigas miúdas e murchas son sete anos de fame.

28 Como acabo de dicir ó faraón, Deus revélalle con iso o que está para facer.

29 Van vir sete anos de moita fartura en todo o país de Exipto.

30 Pero tras deles virán sete anos de fame, que farán esquecer toda a fartura que houbo antes, e aflixirán todo o país.

31 A fame que virá será tan pesada, que non deixará sinal da fartura.

32 O feito de que o soño do faraón se repetise proba que Deus confirma esta cousa e que se dará présa en cumprila.

33 Agora, que o faraón busque un home intelixente e asisado e que o poña á fronte de Exipto;

34 que nomee gobernadores no país e que faga recadar un quinto dos produtos da terra nos sete anos de fartura.

35 Que se recollan víveres nos anos bos que veñen, e que, baixo a autoridade do faraón, entullen trigo para comer e o garden nas cidades.

36 Os víveres serán reserva para o país nos sete anos de fame que virán, para que Exipto non pereza de fame".


Xosé vicerrei de Exipto

37 A proposta de Xosé pareceulle ben ó faraón e a todos os seus ministros. Aquel preguntoulles a estes:

38 —"Atopariamos un home tan cheo do espírito de Deus como o está este home?"

39 E díxolle a Xosé: —"Polo feito de que Deus che revelase todo isto, non hai outro home tan intelixente e asisado coma ti.

40 Estarás á fronte da miña casa. O pobo todo obedecerá as túas ordes; soamente polo trono estarei por riba de ti."

41 E engadiu: —"Olla que che dou o mando de toda a terra de Exipto".

42 O faraón tirou o anel do selo do seu dedo e púxoo no de Xosé. Fíxoo vestir de roupa de liño e púxolle un colar de ouro no pescozo.

43 Mandouno montar no carro do vicerrei e que pregoasen ó seu paso: —"Axeonlládevos". Con iso púñao á cabeza de todo o país de Exipto.

44 Díxolle o faraón: —"Eu son o faraón. Ninguén en todo o Exipto moverá a man nin o pé, sen contar contigo".

45 O faraón púxolle a Xosé o nome de Safenat Panéah e deulle por muller a Asenat, filla de Potifera, sacerdote de On. Xosé saíu para percorrer a terra de Exipto.

46 Tiña Xosé trinta anos cando se presentou ó faraón, e saíu da súa presenza para percorrer as terras todas de Exipto.

47 Nos sete anos de fartura a terra deu froitos a manchea.

48 Xosé axuntou os víveres dos sete anos de fartura e entullounos nas cidades, en cada unha os produtos das terras do arredor.

49 Recolleu tanto trigo coma as areas do mar ata deixar de medilo, pois xa non o daba medido.


Os fillos de Xosé

50 Antes que chegase o primeiro ano da fame, nacéronlle dous fillos a Xosé. Deullos Asenat, filla de Potifera, sacerdote de On.

51 O primoxénito chamouno Menaxés pensando: "Deus fíxome esquecer os meus traballos e a casa de meu pai".

52 O segundo chamouno Efraím: "Deus fíxome frutificar na terra da miña aflición".


Os anos da fame

53 Acabáronse os sete anos de fartura en Exipto e

54 empezaron a chegar os sete anos de fame, que Xosé agoirara. En todos os países houbo fame, e só en Exipto había pan.

55 O estenderse a fame polo Exipto, o pobo clamaba por pan ó faraón, e el dicíalles a todos os exipcios: —"Ide onda Xosé, e facede o que el vos diga".

56 A fame estendeuse por toda a terra adiante. Xosé abriu os celeiros e repartía ós exipcios, cando a fame apertaba en Exipto.

57 Pero de todos os países viñan xentes a Exipto, para mercaren gran onda Xosé, pois a fame apertaba en toda a terra.

Lean sinn:



Sanasan