Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 4 - Biblia SEPT


Caín e Abel

1 O home achegouse a Eva, súa muller, e esta quedou embarazada. Deu a luz a Caín, e exclamou: —"Pola graza do Señor adquirín un home".

2 Logo deulle un irmán a Caín, parindo a Abel. Abel era pastor e Caín labrador.

3 O tempo pasaba e Caín presentáballe ó Señor ofrendas dos froitos da terra. Tamén Abel sacrificaba as primicias dos seus rabaños e ofrecía as partes mellores.

4 O Señor miraba con bos ollos para Abel e para a súa ofrenda,

5 pero non para Caín e para a súa. Caín anoxouse moito, e andaba coa cara carraxenta.

6 O Señor díxolle a Caín: —"Por que te alporizas e andas coa testa baixa?

7 Se fas o ben, poderás levala ergueita. Se non o fas, xa o pecado rolda á túa porta, estate axexando. Pero ti pódelo dominar".

8 Caín falou con seu irmán. E cando saíron fóra, botouse contra el e matouno.

9 O Señor preguntoulle a Caín: —"Onde está Abel, teu irmán?" Respondeu el: —"Non o sei. Ou son eu o garda de meu irmán?"

10 O Señor dixo: —"Que fixeches? O sangue de teu irmán chama por min desde a terra.

11 Agora maldícete esa terra, que abriu a súa boca para recibir da túa man o sangue de teu irmán.

12 Aínda que a traballes, non che volverá dar froitos con xenerosidade. Irás polo mundo errante e fuxitivo".

13 Caín díxolle ó Señor: —"O castigo é grande de máis para o poder aturar.

14 Agora bótasme desta terra, e quedarei fóra da túa vista. Errante e fuxitivo polo mundo, matarame o primeiro que me atope".

15 Respondeulle o Señor: —"Se alguén mata a Caín, pagarao sete veces". E púxolle un sinal, para que ninguén que o atopase o matase.

16 Caín saíu da presenza do Señor e estableceuse en Nod, ó oriente de Edén.


Cainitas e xetitas

17 Caín achegouse á súa muller e esta quedou embarazada e deu a luz a Henoc. Caín construíu unha cidade e púxolle o nome de seu fillo.

18 Henoc foi pai de Irad, este de Mehuiael, este de Metuxael e este de Lámec.

19 Lámec casou con dúas mulleres, unha de nome Adah e outra Silah.

20 Adah pariu a Iabal, pai dos que habitan en tendas e teñen gandos.

21 Seu irmán chamábase Iubal, pai dos que tocan a cítola e a frauta.

22 Silah, pola súa parte, pariu a Túbal-Caín, inventor das ferramentas de bronce e de ferro. Tiña unha irmá que respondía por Naamah.

23 Lámec avisou ás súas mulleres Adah e Silah: —"Escoitádeme, mulleres de Lámec, atendede ás miñas palabras. Por unha ferida matarei un home, por un golpe un rapaz.

24 Se Caín é vingado sete veces, Lámec serao setenta e sete".

25 O home Adam achegouse outra vez á súa muller, que deu a luz un fillo. Púxolle o nome de Xet, agradecendo: —"Deus concedeume un fillo no posto de Abel, a quen matara Caín".

26 Tamén Xet tivo un fillo, a quen puxo o nome de Enox. Daquela empezaron os homes a invocar o nome do Señor.

Lean sinn:



Sanasan