Xénese 39 - Biblia SEPTXosé na casa de Potifar 1 Os ismaelitas levaron a Xosé para Exipto e vendéronllo ó exipcio Potifar, alto funcionario do faraón, xefe da súa garda. 2 O Señor favoreceu a Xosé e deulle boa sorte en todo o que facía na casa do amo exipcio. 3 O seu amo decatouse de que o Señor estaba con el, facendo prosperar todo nas súas mans; 4 colleulle afecto a Xosé e gardouno ó seu servizo. Encargoulle o goberno da casa e encomendoulle toda a facenda. 5 Desde que lle encomendou a Xosé a súa casa e toda a súa facenda, o Señor bendiciu por causa del a Potifar e acrecentou todo o que tiña, o mesmo na casa coma fóra. 6 O exipcio deixouno todo nas súas mans, sen preocuparse persoalmente máis ca da comida. Xosé era fermoso e ben plantado. Xosé tentado e no cárcere 7 Despois de certo tempo, a muller de Potifar pousou os ollos en Xosé e propúxolle: —"Déitate comigo". 8 El refugou a proposta, dicindo: —"Ves que o meu amo non se ocupa de cousa ningunha na súa casa, senón que deixou nas miñas mans todo o que ten. 9 Ninguén está nesta casa por enriba de min, e o meu amo non se reservou cousa ningunha, fóra de ti mesma, súa muller. Como podería eu cometer un crime semellante, e pecar contra Deus?" 10 Ela teimaba un día tras outro, mais el non lle facía caso e non se deitou con ela. 11 Un día que entraba el na casa para facer o seu traballo, cando non había alí ningún da casa, 12 Agarrouse ela ó seu manto, esixíndolle: —"Déitate comigo". El deixou o manto nas mans dela e fuxiu para fóra. 13 O verse ela co manto nas súas mans e que el se botara fóra, 14 chamou ós criados e díxolles: —"Vede, trouxéronos aquí este hebreo para que se aproveitase de nós. Veu onda min coa intención de se deitar comigo; pero eu chamei a berros. 15 Cando viu que eu chamaba a berros, deixou o manto onda min e fuxiu para fóra". 16 Ela gardou consigo o manto para, cando viñese á casa o seu home, 17 volver contarlle todo: —"O servo hebreo que trouxeches, veu onda min e quería aproveitarse de min. 18 Cando viu que eu chamaba a berros, deixou o manto onda min e fuxiu para fóra". 19 O que Potifar oíu o que lle dicía a súa muller: —"Isto e isto fíxome o teu servo", enrabechouse moitísimo, 20 e meteu a Xosé no cárcere, onde estaban os presos do rei. Xosé quedou alí encarcerado. 21 Mais o Señor estivo con Xosé, mostroulle compaixón, facendo que lle caese ben ó xefe do cárcere. 22 Este encomendoulle os presos que alí había, e facíase todo o que el mandaba. 23 O xefe do cárcere non controlaba cousa ningunha do que Xosé facía. O Señor estaba con el, e todo o que el facía saía ben. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)