Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 38 - Biblia SEPT


Xudá e Tamar

1 Por aquel mesmo tempo afastouse Xudá de seus irmáns e foi á casa dun home de Adulam chamado Hirah.

2 Alí coñeceu unha muller cananea que se chamaba Xúa; tomouna e achegouse a ela.

3 Xúa quedou embarazada e deulle a Xudá un fillo, a quen puxo o nome de Er.

4 Quedou de novo embarazada e deulle outro fillo, ó que chamou Onán.

5 Volveu aínda ter un fillo e chamoulle Xelah. A nai atopábase en Quezib cando deu a luz.

6 Xudá tomou, co tempo, unha muller para Er, seu primoxénito; chamábase Tamar.

7 Er, o primoxénito de Xudá, era un mal home á vista do Señor, e o Señor fíxoo morrer.

8 Entón Xudá díxolle a Onán: —"Achégate á muller de teu irmán; cumpre co teu deber de cuñado e dálle descendencia a teu irmán".

9 Pero Onán, sabendo que non sería súa a descendencia, vertía o seme polo chan cando se achegaba á muller de seu irmán, para non lle dar descendencia.

10 Pareceulle mal ó Señor o que Onán facía e fíxoo morrer a el tamén.

11 Xudá díxolle entón á súa nora Tamar: —"Consérvate viúva na casa de teu pai, deica creza o meu fillo Xelah". Pensaba nos seus adentros: —"Non sexa que morra tamén el, coma seus irmáns". E Tamar foi vivir á casa de seu pai.

12 Moito tempo despois morreu Xúa, muller de Xudá. En acabando o loito por ela, Xudá subiu a Timnah, en compaña de Hirah de Adulam, para a rapa das ovellas.

13 Dixéronlle a Tamar: —"Mira que o teu sogro sobe a Timnah, á rapa das ovellas".

14 Ela quitou a roupa de viúva, cubriu a cara cun veo e, disfrazada, púxose na encrucillada que hai no camiño de Timnah, en Enaim. Pois vía que Xelah medraba, e Xudá non a casaba con el.

15 O ver Xudá a Tamar, tomouna por unha prostituta, pois tiña a cara cuberta.

16 Dirixiuse a ela no camiño e propúxolle, sen darse conta de que era a súa nora: —"Ven, deixa que me achegue a ti". Díxolle ela: —"Que me vas dar por achegarte a min?"

17 El respondeulle: —"Mandareiche un cabuxo do fato". Ela dixo: —"Ben, se me dás un peñor ata que o mandes".

18 Preguntoulle el: —"Que peñor queres que che dea?" Respondeulle ela: —"O teu anel coa cadea e o caxato que levas na man". El deullos, achegouse a ela, e ela quedou embarazada.

19 Tamar marchou, quitou o veo da cara e volveu poñer a roupa de viúva.

20 Xudá mandoulle o cabuxo polo seu amigo de Adulam, coa intención de recoller o peñor que tiña a muller; pero aquel non a atopou.

21 Preguntou á xente do lugar: —"Onde está a prostituta que se pon en Enaim, á beira do camiño?" Dixéronlle: —"Aí non se pon prostituta ningunha".

22 O home volveu onda Xudá e díxolle: —"Non a encontrei. Por parte, a xente do lugar di que alí non hai ningunha prostituta".

23 Repuxo Xudá: —"Pois que se quede co peñor; que non se rían de nós. Eu mandeille o cabuxo e ti non a encontraches".

24 O cabo de tres meses dixéronlle a Xudá: —"A túa nora Tamar prostituíuse e quedou embarazada". Dixo Xudá: —"Sacádea fóra e queimádea".

25 Cando a sacaban fóra, mandou ela dicir ó seu sogro: —"O dono destas cousas é quen me deixou embarazada". E engadiu: —"Comproba de quen é este anel coa súa cadea e esta vara".

26 Xudá recoñeceunos e dixo: —"Ten máis razón ca min, pois non lle dei o meu fillo Xelah". Pero non se achegou a ela nunca máis.

27 Chegada a hora do parto, viuse que tiña xemelgos.

28 O dalos á luz, un deles sacou a man para fóra, e a parteira atoulle nela un fío vermello, dicindo: —"Este é o primoxénito".

29 Pero a man volveuse atrás, e saíu primeiro seu irmán. Entón dixo a parteira: —"Que saída te forzaches!" E púxolle o nome de Peres.

30 Despois saíu seu irmán co fío atado na man, e chamárono Zérah.

Lean sinn:



Sanasan